A segunda onda da pandemia de COVID supera as 500 mortes en Galicia mentres segue o lento descenso do número de contaxios

CC-BY Imaxe ao microscopio: NIAID | Montaxe: Praza Pública

O número de mortes na segunda onda (513) achégase xa ás rexistradas na primeira onda da pandemia (619)

A pandemia de coronavirus segue o seu curso, marcado nos últimas semanas por un lento descenso da incidencia en Galicia, grazas ás restricións introducidas pola Xunta, e unha mellora da situación hospitalaria, igualmente cunha pequena redución no número de pacientes con Covid-19 ingresados e ingresadas. 

O que tamén continúa é a suma de mortes derivadas desta enfermidade, que chegan xa a 1.132 en Galicia dende marzo, con 13 novas defuncións notificadas este sábado. No que levamos de mes de novembro van xa 191 mortes, unha media de case 10 ao día. Na segunda onda da pandemia a cifra de falecementos supera os 500 (513), achegándose aos 619 que se rexistraran na primeira onda.

Unha parte moi importante destas mortes, tanto na primeira coma na segunda onda, tiveron lugar nas residencias de maiores, que acumulan case 500 falecementos (máis de 4 de cada 10), dando lugar a fortes críticas pola xestión realizada en varios destes centros

A situación epidemiolóxica en Galicia segue a mellorar, pero faino dende hai varios días a un ritmo moi lento. A incidencia a 7 días apenas variou na última semana (pasou de 135,28 a 132,96)

A situación epidemiolóxica en Galicia segue a mellorar, pero faino dende hai varios días a un ritmo moi lento. Nas últimas 24 horas notificáronse 561 novos positivos detectados por proba PCR e un total de 584 novas infeccións. Estas cifras reducen lixeiramente a media de casos novos na última semana (de 517 a 507) e tamén a incidencia acumulada, que se sitúa nos 268,62 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días (fronte aos 270,91 de onte) e nos 132,96 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 7 días (fronte aos 135,62 de onte).

Galicia é, en calquera caso, unhas das comunidades autónomas do Estado español cunha incidencia máis baixa

A incidencia a 14 días chegou a superar os 339 casos o pasado 5 de novembro e dende entón iniciou un claro descenso, que nos últimos días foi moito máis lento. De feito, a incidencia a 7 días apenas variou na última semana (pasou de 135,28 a 132,96).

Galicia é, en calquera caso, unhas das comunidades autónomas do Estado español cunha incidencia máis baixa, semellante á que presenta a Comunidade de Madrid ou a Comunidade Valenciana e unicamente por riba das de Baleares e Canarias. A incidencia media no conxunto de España (419,48) sitúase moi por riba da galega.

Todas as áreas sanitarias foron reducindoo seu número de contaxios, pero algunhas fixérono con máis rapidez (Ferrol, Santiago ou Ourense) e outras máis lentamente (Vigo, Pontevedra ou Lugo)

Dentro de Galicia, todas as áreas sanitarias foron reducindo nas últimas semanas o seu número de contaxios, pero algunhas fixérono con máis rapidez (Ferrol, Santiago ou Ourense) e outras máis lentamente (Vigo, Pontevedra ou Lugo). Neste momento a área viguesa é a que presenta unha incidencia maior (356,79), seguida de Pontevedra (312,04). Santiago e Ourense son, en cambio, as que amosan uns datos máis favorables.

Nas últimas 24 horas leváronse a cabo 7.089 probas PCR en Galicia, o que deixa a media da última semana nas 7.313. O dato é semellante ao rexistrado na semana anterior, pero sitúase por debaixo do acadado na primeira semana de novembro e nas últimas semanas de outubro, cando se realizaba unha media de máis de 8.000 PCR diarias en Galicia.

A taxa de positividade leva días en ascenso en Galicia. A media dos últimos sete días sitúase no 7,74%. Vigo, Pontevedra e Lugo son as áreas sanitarias cunha maior positividade

A taxa de positividade, é dicir, a porcentaxe de probas PCR que teñen un resultado positivo, leva días en ascenso en Galicia. A media dos últimos sete días sitúase no 7,74% de probas positivas, a pesar de que chegara a descender por debaixo do 7% (6,81% o pasado martes). Non chega aínda ao 8,27% que chegou a rexistrarse nos primeiros días de novembro e que, de momento, constitúe o máximo da segunda onda.

Vigo, Pontevedra e Lugo son as áreas sanitarias cunha maior positividade, por riba do 9%. En cambio, Santiago e Ourense presentan claramente os mellores datos, lixeiramente por riba do 5% que a OMS fixa como referencia. Por riba dese nivel existe o risco de perder o control dos contaxios e da enfermidade nun territorio.

Nas residencias o número de casos activos sitúase nos 771 (521 entre os e as usuarias e 250 no persoal), cun aumento dende as cifras notificadas o venres polo Sergas (502 entre os e as residentes e 254 entre o persoal). En boa medida este ascenso débese aos 22 novos positivos detectados na residencia Vila do Conde en Gondomar

A residencia Asilo de Vilalba, con 136, é a que acumula un maior número de casos activos nestes momentos, xunto con DoralResidencias (Mos), que suma 131 positivos.

As hospitalizacións levan varios días en descenso, cun total de 534 pacientes con Covid-19 ingresados, fronte aos 569 de onte

As hospitalizacións, en cambio, levan varios días en descenso, cun total de 534 pacientes con Covid-19 ingresados, fronte aos 569 de onte. O número de camas UCI ocupadas mantense estable (pasa de 97 a 96), pero si se reduce claramente o número de casos activos noutras unidades de hospitalización destinadas a pacientes menos graves (pasan de 472 a 438).

Con respecto aos datos do pasado sábado o descenso é máis cativo (de 100 a 96 en UCI e de 468 a 438 no resto), polo que haberá que agardar aos vindeiros días para comprobar se esta tendencia se mantén.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.