A mellora da pandemia de COVID frea en Galicia, con lentos descensos na incidencia e nas hospitalizacións

Corredor do Hospital Clínico de Santiago co biombo que separa a parte COVID da non COVID CC-BY-SA CCOO

A segunda onda da pandemia de coronavirus acadou o seu pico en Galicia nos primeiros días de novembro. Nese momento a incidencia media roldaba os 340 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, detectándose ao redor de 650 novos positivos cada día. O Goberno galego impuxo neses días unha serie de restricións nos concellos máis poboados, co obxectivo de rebaixar esta incidencia e, igualmente, limitar o incremento de ingresos hospitalarios.

A incidencia nos últimos 14 días segue a descender, aínda que máis lentamente, pero se só se teñen en conta os datos dos últimos 7 días non existe descenso ningún, e mesmo aparece unha pequena suba (a media diaria de novos casos pasou de 515 a 517 dende o pasado venres)

As medidas tiveron o seu efecto e nas súas dúas primeiras semanas conseguiran reducir a incidencia e o número de novos casos, que baixaron ata os 500 detectados cada día. Porén, nas últimas xornadas esta tendencia de descensa semella terse freado e mesmo detido. A incidencia nos últimos 14 días segue a descender, aínda que máis lentamente, pero se só se teñen en conta os datos dos últimos 7 días non existe descenso ningún, e mesmo aparece unha pequena suba (a media diaria de novos casos pasou de 515 a 517 dende o pasado venres).

A pesar de que as áreas sanitarias de Ferrol, Santiago e Pontevedra seguen reducindo a súa incidencia a bo ritmo, a evolución de Vigo e Lugo reflicte un estancamento na recuperación, con datos de incidencia moi semellantes aos de hai dúas semanas. Haberá que agardar ás informacións notificadas os vindeiros días para comprobar se a tendencia á mellora iniciada a comezos de novembro se detén definitivamente ou se se retoman os descensos nos datos de incidencia.

No último día detectáronse 530 positivos por PCR en Galicia, o que levou a un descenso na incidencia a 14 días de 278,55 a 270,91 casos por cada 100.000 habitantes. O número de casos activos tamén descendeu, de 9.209 a 9.086.

A área sanitaria de Vigo rexistra a incidencia acumulada máis elevada, con 354,53 casos por cada 100.000 habitantes

A área sanitaria de Vigo rexistra a incidencia acumulada máis elevada, con 354,53 casos por cada 100.000 habitantes. Tamén Lugo e Pontevedra presentan incidencias por riba dos 300 casos. A Coruña e Ferrol roldan a media galega, lixeiramente por riba dos 250 casos. Finalmente, Ourense e Santiago seguen a ser as áreas con mellores datos en Galicia, claramente por debaixo dos 200 casos e en descenso.

Este xoves leváronse a cabo en Galicia 6,852 probas PCR en Galicia, o que deixa a media da última semana nas 7.587. O dato é semellante ao rexistrado na semana anterior, pero sitúase por debaixo do acadado na primeira semana de novembro e nas últimas semanas de outubro, cando se realizaba unha media de máis de 8.000 PCR diarias en Galicia.

A taxa de postividade leva tres días en ascenso en Galicia e chega a unha media de 7,76% nos últimos sete días

O posible freo na recuperación tamén se detecta na taxa de positividade, é dicir, a porcentaxe de probas PCR que teñen un resultado positivo. A media galega nos sete días anteriores, que nos últimos días chegara a descender por debaixo do 7% (6,81% o pasado martes) leva subindo dende entón e este venres acada o 7,76%. Non chega aínda ao 8,27% que chegou a rexistrarse nos primeiros días de novembro e que, de momento, constitúe o máximo da segunda onda. Haberá que agardar aos datos da fin de semana para comprobar se se mantén a tendencia de ascenso.

Lugo presenta este venres a maior taxa de positividade nos últimos sete días, cun 10,56%

Por áreas sanitarias, é Lugo a que presenta este venres unha taxa de positividade maior nos últimos sete días,  cun 10,56%. Porén, esta porcentaxe débese principalmente ao 26,1% rexistrado nun último día, un dato que podería variar nos datos de mañá sábado (o indicador da positividade consolídase despois de dous días). Esta elevada porcentaxe pode deberse, ademais, ao gran número de casos positivos detectados nunha residencia de maiores en Vilalba.

Vigo supera tamén o 10% (10,38%), mentres que no resto de áreas tan só A Coruña e Pontevedra rexistran taxas por riba do 8%. Hai unha gran disparidade de porcentaxes entre unha áreas sanitarias e outras e, por exemplo, Santiago e Ourense superan por pouco o 5% nos últimos 7 días.

Continúa a suma de mortes provocadas pola Covid-19. Este venres hai que engadir 5 máis, o que eleva a cifra total dende o inicio da pandemia ata as 1119, cincocentas delas na segunda onda. A media diaria de mortes mantense ao redor das 10 defuncións, cun leve descenso nos últimos días. No que levamos de novembro morreron en Galicia 185 persoas que foran diagnostivadas coa Covid-19.

Nas residencias o número de casos activos sitúase nos 756 (502 entre os e as usuarias e 254 no persoal), cun aumento moi importante dende as cifras notificadas o xoves polo Sergas (409 entre os e as residentes e 236 entre o persoal). En boa medida este ascenso débese ao gran número de positivos detectado na residencia Asilo de Vilalba, un total de 102 (84 de usuarios/as e 18 de traballadoras). Houbo, ademais, 18 casos novos na residencia San Antonio de Beariz.

A residencia de Vilalba, con 132, é unha das que acumula un maior número de casos activos nestes momentos, xunto con DoralResidencias (Mos), que acumula 134 positivos ou a Residencia Ballesol (Vigo), con 51 casos.

Nos hospitais mantense a tendencia á redución do número de pacientes Covid-19 ingresados, con máis altas que ingresos. O número total de camas ocupadas por estes pacientes é de 569 (97 en UCI e 472 noutras unidades), catro menos que o día anterior grazas á redución das camas UCI ocupadas (pasan de 101 a 97).

Por áreas sanitarias, A Coruña (29) e Vigo (24) con as áreas con máis camas UCI ocupadas por persoas que deron positivo nunha proba PCR. No resto de unidades hospitalarias tamén A Coruña (143) é a área con máis persoas ingresadas, seguida neste caso por Ourense (77).

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.