A suba da incidencia da COVID na área sanitaria de Vigo reforza o freo á mellora da pandemia en Galicia

Toma de mostras para probas PCR no COVID-Auto do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

A curva epidémica da COVID-19 en Galicia certifica o freo do descenso iniciado nos primeiros días de novembro. Faino, agora ben, con matices e notables diferenzas entre contornas xeográficas. Melloras como as experimentadas polas áreas sanitarias de Ourense ou Santiago non dan compensado nos indicadores xerais o incremento de incidencia que veñen padecendo outras como as de Vigo ou parte da de Pontevedra-O Salnés, que malia teren un gran número de concellos sometidos ás restricións máis severas -o último, Sanxenxo-, seguen a empeorar ou melloran moi devagar.

O Sergas suma 686 novos casos en vinte e catro horas, a cifra máis alta en case dúas semanas, dos que 280 corresponden á área de Vigo

O Servizo Galego de Saúde suma este xoves ao seu cómputo un total de 686 novos casos do coronavirus, 667 deles diagnósticos a través de probas PCR e os restantes, positivos noutros test que Sanidade non especifica. É a cifra de novos casos en vinte e catro horas máis alta dende o pasado 6 de novembro, cando o Sergas engadira 722, e nesta cifra total ten un peso especialmente relevante a área de Vigo, con 280. A seguinte área con máis casos novos rexistrados nese mesmo período (das seis da tarde do martes á mesma hora do mércores) é a da Coruña-Cee.

Sanidade computa outras 15 mortes ligadas á pandemia, 6 das últimas vinte e catro horas e outras 9, de xornadas anteriores

Os novos casos frean a súa caída no global de Galicia mentres o forte empeoramento de semanas anteriores segue traducíndose en falecementos. Sanidade introduce oficialmente no seu cómputo ata 15 mortes, se ben 6 corresponden ás últimas vinte e catro horas e outras 9, a días anteriores, ata chegar xa a un total de 1.101 falecementos oficialmente ligados á pandemia en Galicia.

Desa quincena de falecementos confirmados, cinco son de persoas que vivían en residencias de maiores: unha muller de 102 anos hospitalizada na Coruña tras vivir na residencia Ballesol de Oleiros, unha muller de 83 que morreu no hospital do Salnés chegada de DomusVi Ribadumia, un home de 86 anos hospitalizado en Ourense e procedente da residencia Virxe da Clamadoira de Muíños e unha muller de 88 anos que morreu na residencia Nosa Señora das Virtudes, en Pontedeume. Ademais, faleceu tamén un home de 86 na residencia Arieiro de Vigo para persoas con discapacidade.

Alén destes centros, o Sergas confirmou catro mortes de persoas hospitalizadas en Vigo (tres mulleres de 59, 83, 87 e 93 anos). Igualmente, notificou os falecementos de dúas mulleres de 57 e 67 anos que estaban hospitalizadas na Coruña, unha muller de 94 anos ingresada en Ourense e un home de 66 anos, no hospital de Verín.

Evolución dispar da incidencia por áreas sanitarias

A incidencia acumulada a 14 días segue baixando para o conxunto de Galicia, coa mellor evolución nas áreas de Ourense e Santiago

Estas cifras prodúcense nun contexto no que a incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada 100.000 habitantes) continúa descendendo aos poucos para o conxunto de Galicia, pasando nos últimos sete días con datos completos -polo momento, ata o martes día 17- de 314 a 289 casos. Non obstante, esta evolución é dispar entre as áreas sanitarias. 

Como amosa a táboa baixo estas liñas, a incidencia acumulada a 14 días na área sanitaria de Vigo leva unha dirección contraria ao indicador xeral para Galicia e nos últimos días só se moveu para ascender un chisco. Mentres, a segunda área coa incidencia acumulada máis alta, Pontevedra-O Salnés, dá os primeiros sinais de descenso tras días de alza.

Na banda contraria están, sobre todo, as evolucións das áreas sanitarias de Santiago e Ourense. No caso da ourensá, a que leva sometida máis tempo a restricións máis duras por parte da Xunta, nos últimos días logrou descender dos 200 casos por cada 100.000 habitantes en dúas semanas, limiar que Sanidade sinala para poder falar de mellora ás claras e un maior control da pandemia. Tamén se segue aproximando a ese límite a contorna compostelá.

Un forte brote na residencia Asilo de Vilalba, agora intervida pola Xunta, suma 114 positivos entre residentes e outros 18 entre o persoal

Cómpre ter en conta, non obstante, que dentro das propias áreas existen situacións diferentes entre concellos que non é posible coñecer con absoluta precisión porque a Xunta segue sen divulgar datos completos a nivel municipal ou comarcal. É o caso, por exemplo, da área de Lugo, que segue roldando os 300 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, pero con poucos concellos vixiados especialmente polo Sergas a causa da súa alta incidencia, caso da cidade de Lugo e de Sarria, Chantada ou Vilalba

No caso vilalbés, ademais, parte do empeoramento da situación ten a súa orixe na residencia Asilo de Vilalba, cun importante brote da COVID-19. O Sergas daba por confirmados 30 casos entre residentes durante a mañá, pero pola tarde o Goberno galego, ao ratificar a intervención formal do centro por parte da Consellería de Política Social, elevaba o total a 114 positivos de persoas usuarias e outros 18 do persoal. "Parte dos residentes contaxiados", indica a Xunta sen concretar unha cifra, pasarán a ser atendidos no CEGADI de Santiago, parcialmente convertido nos últimos días en residencia medicalizada para anciáns co coronavirus.

A positividade 'rebota' por riba do 7%

O empeoramento na área de Vigo e a mudanza de tendencia na de Pontevedra-O Salnés reflíctese tamén nos datos de positividade media diaria a 7 días das probas PCR tras o procesamento de 7.649 nas últimas vinte e catro horas. O dato global para Galicia abandonou a tímida senda descendente e rebota para volver ascender por riba do 7%. Ese nivel supérano as áreas de Vigo, que supera o 10% de positividade media a 7 días tras máis dunha semana en ascenso, e tamén a de Pontevedra o Salnés, por riba do 9%.

As áreas de Santiago e Ourense logran cruzar o limiar do 5% de positividade, que a OMS sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio

Tamén neste indicador, pero xusto pola banda contraria, destacan as áreas de Santiago-Barbanza e Ourense. No caso da compostelá -onde a positividade media a sete días continúa véndose influída polo alto número de PCR negativas no cribado realizado en Ribeira a pasada semana- segue, por terceiro día consecutivo, por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio, aínda que os datos brutos do mércores ata as 18h apuntan a unha lixeira suba. Tamén logra baixar do 5% a área de Ourense, que durante o mes de outubro chegar a superar o 12% de positividade media a sete días.

Presión hospitalaria estancada en máximos da segunda vaga

O freo á diminución de novos casos contribúe a que a mellora en días previos non acabe de percibirse coa intensidade precisa, como admitiu o propio Sergas, na presión que a pandemia supón nos centros hospitalarios. As 573 persoas ingresadas con test positivo supoñen un lixeirísimo alivio, con relación a días anteriores pero, como amosa o gráfico baixo estas liñas, o total de persoas hospitalizadas segue en máximos da segunda vaga e a presión apenas descende no punto máis crítico, as UCI, aínda con máis dun cento de ingresos de pacientes con positivo en COVID-19.

Por áreas sanitarias, un día máis a que máis pacientes con test positivo segue tendo nos seus hospitais é a da Coruña (157, 30 na UCI), pero noutras con menor poboación a presión segue sendo tamén elevada. É o que continúa acontecendo na de Ferrol, con 12 persoas na UCI tras días en que foron desviados pacientes a Lugo, onde menos pacientes coa COVID hai en coidados intensivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.