Frea o descenso de novos casos do coronavirus en Galicia mentres o Sergas agarda polo alivio nas UCI

Preparación de instalacións nun pavillón de Xinzo para a realización dun cribado da COVID-19 CC-BY-SA Foto: Concello de Xinzo de Limia | Montaxe: Praza Pública

A media diaria a sete días de diagnósticos de novos casos do coronavirus mediante PCR rolda os 500 ao día en Galicia. Supón unha cifra notablemente inferior á de finais de outubro, cando este indicador superou os 670. Pero ese notable descenso, como amosa o gráfico baixo estas liñas, comeza a dar sinais de freo e mesmo de estancamento nos últimos días. Faino cando están a piques de cumprirse dúas semanas do paquete de restricións da Xunta máis estrito dende a fin do confinamento total e mentres o propio Goberno galego advirte, a través do conselleiro de Sanidade, de que a mellora "non é dabondo".

A media diaria de diagnósticos rolda os 500 mentres Sanidade admite que as melloras dos últimos días aínda non teñen "impacto claro" nos hospitais e pide "cumprir" as restricións porque "senón, a curva pode erguerse de novo"

"Segue habendo contaxios e mortos", evidencia Julio García Comesaña mentres dende o comité clínico que asesora a Consellería de Sanidade, así como dende o propio Sergas, evidencian que "as medidas empezan a funcionar, pero aínda non se ve un impacto claro no último elo da cadea, as unidades de coidados intensivos". Así o expresaba este mércores en rolda de prensa o doutor Pedro Rascado, xefe de UCI do Clínico de Santiago.

"Se non cumprimos, a curva pode erguerse de novo" mesmo mentres "non acaba de virar" a hospitalización, admitía García Comesaña pouco despois de que o seu departamento sumase 513 novos casos da COVID-19, os computados entre as seis da tarde do luns día 16 e a mesma hora do martes, 501 deles diagnósticos mediante PCR e os restantes, produto doutros test que o Sergas non especifica. 

Sanidade agrega tamén este mércores outras seis mortes de persoas que foran diagnosticadas do coronavirus. Unha delas, unha muller de 78 anos, estaba hospitalizada en Vigo, onde chegou procedente da residencia de Salvaterra, que xa supera a vintena de falecementos. O Sergas confirmou tamén as mortes dunha muller de 88 anos e un home de 97 no CHUAC, unha muller de 95 anos hospitalizada en Lugo e outro paciente de 83 ingresado en Vigo. O total de mortes ligadas á pandemia chega así ás 1.092. [A Xunta promete "un novo modelo" de residencias mentres o xeriátrico de Salvaterra suma xa máis de 20 mortes]

A incidencia acumulada sitúase na contorna dos 292 casos e Sanidade sinala datos "preocupantes" en Vigo e Lugo mentres, non obstante, segue evitando publicar información detallada por concellos

Este relativo estancamento fai tamén que a incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) para o conxunto de Galicia free o seu ritmo de descenso. Cos datos do último día completo (o luns 16) sitúase nos 292 casos, aínda que varias áreas sanitarias se sitúan por riba. É o caso das de Vigo e Lugo, que o Sergas sinala -especialmente, no caso das cidades- por non responder de igual xeito que o resto do país ás restricións.

"Así como no resto de áreas vemos melloras en todos os parámetros, en Vigo e Lugo temos algún que nos preocupa", mantén Comesaña, quen sobre a capital lucense agrega que, no seo do comité clínico, existe a percepción de que "non se estean a cumprir todas as restricións dun xeito franco", polo que pide "un esforzo adicional". Neste sentido, dende o Sergas advirten que en ambas cidades o número reprodutivo básico (indicador que mide a expansión do contaxio) volve estar por riba de 1, o que indica crecemento e non remisión.

Aínda que os datos públicos da Xunta só chegan ata o nivel da área sanitaria e mentres o Goberno galego continúa negándose a publicar información detallada por concellos, si vén sendo habitual que nas súas comparecencias ante a prensa, os altos cargos de Sanidade acheguen verbalmente algunha información ao respecto. Así, por exemplo, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, indicaba que, malia ás cautelas do devandito estancamento, "todas as cidades están mellorando", con casos de melloras "substanciais" como a cidade de Ourense malia seguir por riba de 200 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días

Positividade por baixo do 7%

O freo no descenso percíbese tamén na positividade media diaria a sete días das probas PCR tras unha xornada (das seis da tarde do luns á mesma hora do martes) na que foron procesadas 7.336. Este indicador rolda agora o 6,66% e semella enlentecer o seu decrecemento nun contexto no que, como coa incidencia acumulada, tamén existen notables diferenzas por áreas sanitarias. Así, por exemplo, a positividade media a sete días na área de Vigo (aínda influída, non obstante, polo forte brote nunha residencia de Mos) rolda o 9% e na área de Pontevedra acumula varios días tamén en ascenso mentres o Sergas admite preocupación pola evolución na contorna do Salnés, onde Sanxenxo se incorpora ao máximo nivel de restricións.

As áreas de Ourense e Santiago presentan a menor positividade media e o Sergas admite melloras na súa situación nos últimos días

Mentres, na banda baixa da positividade media seguen as áreas sanitarias de Ourense e Santiago-Barbanza. No caso da área compostelá, á mellora xeral da situación engádese a realización de máis de 3.000 PCR entre o xoves e o domingo da pasada semana nun único concello, o de Ribeira, no marco dun cribado que impulsou o descenso da positividade. Ambos factores contribúen a que chegue a estar por baixo do 5%, limiar que a Organización Mundial da Saúde apunta como referencia para dar por controlada a COVID-19 nun territorio.

En todo caso, nun indicador que tampouco é público alén da información verbal, Sanidade asegura detectar unha mellora notable na capital galega, cunha incidencia acumulada duns 196 casos por cada 100.000 habitantes a catorce días, 78 a 7 días e 16,5 a tres días. A mellora en Compostela, asegura o conselleiro, é "notable e obxectiva".

Agardando polo alivio nos hospitais

A ocupación das UCI segue en máximos da segunda vaga, por riba do centenar de pacientes con test positivo do coronavirus

Mentres Sanidade admite que o efecto das restricións xeneralizadas nas áreas máis poboadas do país "non acaban" de facer efecto de xeito homoxéneo, as cifras de hospitalización evidencian que aínda resta camiño por percorrer. Segundo Comesaña, "tiñamos claro que iamos tardar quince días en ver a repercusión nas UCI" da redución de novos casos e o certo é que, polo momento, a ocupación destas unidades de coidados intensivos con pacientes diagnosticados da COVID-19 segue en máximos da segunda vaga. Son aínda máis dun cento, malia á lixeira redución das últimas vinte e catro horas, cun total de 578 persoas hospitalizadas con test positivo.

Por áreas sanitarias, a maior cifra de hospitalizacións oficialmente ligadas á pandemia segue sendo a da Coruña (157, 40 na UCI) seguida da de Vigo (97, 22 na UCI). En termos relativos, segue notablemente presionada a UCI na área de Ferrol (12 das 52 persoas hospitalizadas), que nos últimos días desviou pacientes á de Lugo (59 ingresos, 5 na UCI). Neste sentido, o doutor Rascado subliña que, en última instancia, "a forma de evitar" ingresos na UCI é "evitar a transmisión" do virus fóra dos hospitais e, ao seu xuízo, "as medidas non van ser igual de eficientes se, no noso comportamento individual, non somos conscientes do problema".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.