Feijóo anuncia un "sistema de autodeclaración en internet" de contactos de COVID tras o fracaso do rastrexo desde o Sergas

O presidente Feijóo na súa comparecencia no Parlamento a petición do BNG deste mércores CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente asegura que busca “descargar” o persoal de Atención Primaria e di agora que as persoas dedicadas ao rastrexo, incluído o persoal militar, son unhas 700. O Sergas non é quen de detectar a orixe de máis da metade dos novos casos, á cola do Estado

O sistema sanitario galego non é quen de determinar a orixe do 52,8% dos novos casos positivos de coronavirus, segundo o último informe do Instituto Carlos III do Ministerio de Sanidade, do 6 de novembro, unha cifra que o sitúa á cola do Estado, cunha media que permanece na contorna do 40%. O indicador galego veu mellorando un chisco, toda vez que Galicia veu roldando o 60% e mesmo o 70% de casos sen orixe coñecida, pero segue entre os máis altos do Estado, só superada por Catalunya, onde non se detecta a orixe do 62,3%. 

Neste contexto, este mércores o presidente Feijóo anunciou, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia a petición do BNG, un novo "sistema de autodeclaración a través de internet para que aquela persoa que considere que pode ser contacto dun positivo introduza os seus datos e sexa contactado pola central para facerlle a enquisa, descargando por tanto aos profesionais de atención primaria destes casos".

Un anuncio que chega mentres se multiplican as denuncias de eivas no rastrexo por parte dun Centro de Seguimento ao que a Xunta vén de asignar novas competencias que ata agora encomendaba ao persoal de Atención Primaria co mesmo argumento de descargalo de traballo. E mentres o conselleiro de Sanidade insiste en ocultar o número de rastrexadores asegurando que son “os necesarios” pero ao tempo o propio Feijóo fai ver que precisa máis e acepta o ofrecemento ao respecto do Goberno central. No transcurso do pleno, Feijóo asegurou que agora son unhas 700 persoas as que realizan labores de rastrexo, incluíndo os 180 militares fornecidos polo exército. O pasado xullo, falara de 6.000. [Eles son os rastrexadores da Xunta: "Un sistema caótico" desde un centro de chamadas de Bergondo]

Ana Pontón escoita desde o escano a intervención de Feijóo © Parlamento de Galicia

Na súa comparecencia sobre a xestión da pandemia por parte da Xunta, en cuxa intervención inicial de 50 minutos tardou só cinco minutos en cargar contra o Goberno central -preguntouse que pasaría “se unha comunidade non aceptase a delegación de competencias”-, Feijóo tamén lanzou outros anuncios que en si mesmos revelarían que aínda non se tomaron esas medidas, como a creación dentro da Central de Seguimento doutras áreas específicas como a que se creou para o sistema educativo ou que as persoas con contacto estreito cun positivo queden rexistradas no sistema informático do Sergas de xeito que se facilite o seu seguimento por parte do seu médico de atención primaria nunha segunda fase na que se poidan converter tamén en casos positivos. 

Pontón propuxo un decálogo de medidas e lamentou que a Xunta “non tivo anticipación, carece de estratexia e non foi capaz de fraguar ningún consenso neste Parlamento”

A portavoz do BNG, Ana Pontón, lamentou que o Goberno galego “non tivo anticipación, carece de estratexia e non foi capaz de fraguar ningún consenso neste Parlamento”. E afeou ao presidente como “vergoñento” que fale da mellor situación de Galicia a respecto do resto do Estado “comparando as mortes dos nosos maiores cunha media”. 

A nacionalista propuxo un decálogo de medidas: un plan de reforzo da sanidade con 200 millóns de euros para a atención primaria, un plan de contixencia para garantir a atención sanitaria máis alá da COVID, intervir todas as residencias de maiores, contratar e formar máis rastrexadores, aumentar as probas PCR, un plan de rescate dos sectores económicos máis afectados, máis persoal para o sistema educativo, un plan para a docencia a distancia, unha “estratexia de país” para obter fondos europeos e “transparencia nos datos e ante este Parlamento”, ante o que Pontón reclama que Feijóo compareza cada 15 días.

Caballero durante a comparecencia de Feijóo © Parlamento de Galicia

Caballero censurou que "ninguén coñece" os 108 proxectos do sector privado que supostamente a Xunta trasladou ao Goberno central para acceder a fondos europeos: "Non sabemos que modelo económico de país quere"

Desde o PSdeG o seu portavoz, Gonzalo Caballero, tamén reclamou comparecencias periódicas do presidente no Parlamento nunha intervención na que censurou as “incoherencias” das restricións impostas pola Xunta como “que se poida vir de Madrid a Baiona pero non de Vigo a Baiona”. O socialista criticou o “escurantismo” da Xunta tanto coa información sobre a pandemia como coas medidas de reactivación económica: “Non sabemos que modelo económico de país quere”, dixo, censurando que “ninguén coñece” os 108 proxectos do sector privado que supostamente a Xunta trasladou ao Goberno central para acceder a fondos europeos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.