O PP galego volve axitar a bandeira da "imposición lingüística", agora contra a reforma educativa do Goberno de España

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, este 6 de novembro en rolda de prensa CC-BY-SA PPdeG

O conflito lingüístico foi unha das bandeiras do PP no seu breve paso pola oposición en Galicia. Especialmente dende que, no ano 2007, pasou a sinalar como mostra de "imposición lingüística" o decreto sobre o uso do galego no ensino no que o Goberno de PSdeG e BNG transcribía, literalmente, as directrices incluídas no Plan Xeral de Normalización da Lingua aprobadas por unanimidade apenas tres anos antes, aínda con Manuel Fraga no poder. 

Os populares reciclan o discurso da "imposición lingüística" para rexeitar o texto pactado no Congreso que "garante o dereito" do alumnado a "recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais" por non se referir ao castelán como "lingua vehicular"

Aquela viraxe tivo como un dos eventos máis simbólicos a participación da plana maior do PP -agás Feijóo, de viaxe en Sudamérica- nunha manifestación do colectivo denominado Galicia Bilingüe contra unha suposta imposición galego en Galicia ás portas das eleccións ao Parlamento do ano 2009. Tras aqueles comicios, Alberto Núñez Feijóo accedeu á presidencia e axitou durante un tempo a mesma bandeira, ata que derrogou o decreto de 2007 e o substituíu polo aínda vixente.

Máis dunha década despois, o PP de Galicia volve axitar a mesma bandeira do medo á "imposición lingüística". Agora, contra a reforma educativa que promove o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos que, en pleno trámite de emendas, vén de eliminar unha das referencias lingüísticas introducidas na lexislación educativa nos tempos de Mariano Rajoy, coa Lei Wert que os populares sacaran adiante apoiados na maioría absoluta da que gozaron de 2011 a 2015.

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Preguntado pola parte concreta do texto que rexeita, o 'número dous" do PP galego retruca que o que "queda claro" son as "intencións reais" da reforma

O que agora din combater os conservadores é, concretamente, a eliminación da referencia ao castelán como "lingua vehicular" do ensino, introducida por primeira vez coa Lei Wert. O texto pactado polo PSOE, Unidas Podemos e Esquerra Republicana e avalado por 20 votos a prol (fronte a 16 en contra e 1 abstención) na Comisión de Educación do Congreso pasa a indicar que "as Administracións educativa garantirán o dereito dos alumnos e as alumnas a recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e a normativa aplicable".

Para o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, o feito de que a nova lei educativa non se refira ao castelán como "lingua oficial do Estado" -aínda que se remita á Constitución, que así o recolle no seu artigo 3- nin como "vehicular" do ensino busca "converter a lingua en elemento de conflito" e "pretende facilitar" que "onde gobernan os nacionalistas" se "impoñan modelos" de "imposición lingüística". 

A Mesa insta o PP a abandonar a "manipulación contra o galego" e "aproveitar a oportunidade" para "regresar á situación anterior á súa reforma unilateral" 

Ao ser preguntado especificamente por que parte concreta da emenda é a que rexeita o PP, Tellado resolve que o que "queda claro" co texto son as "intencións reais" do PSOE, Unidas Podemos e outros grupos. "O único que contribúe -di considerar- é a dar alas a determinados partidos" que "o único que buscan é converter a lingua en elemento de conflito e non nunha arma de entendemento"

Ante estas declaracións, A Mesa pola Normalización Lingüística lamentaba que o PP recuncase nunha "campaña de odio, mentiras e manipulación contra o galego no ensino". Os populares, considera o presidente da Mesa, Marcos Maceira, deberan "aproveitar a oportunidade" da reforma educativa para "regresar á situación anterior á reforma unilateral imposta polo PP" e "atender as indicacións do Consello de Europa para garantir o galego como lingua vehicular do ensino en Galiza".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.