A reforma educativa abre a porta a máis galego no ensino e menos privilexios á segregación por sexo

Manifestación contra a Lomce na Coruña Dominio Público @gzcontrainfo

O Goberno central socialista anunciou ao pouco da moción de censura que situou a Pedro Sánchez na Moncloa que procuraría eliminar ou modificar os "aspectos máis lesivos" da polémica Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce), tamén coñecida como lei Wert e fortemente contestada pola comunidade educativa e a oposición nos últimos anos. 

O anteproxecto de reforma da Lomce foi presentado esta semana ao Consello Escolar de Estado e será debatido no mes de decembro

Logo de adiantar os principais cambios a afrontar, esta semana foi presentado ao Consello Escolar do Estado un borrador do anteproxecto de lei que reformará a Lomce e que foi feito público pola CIG-Ensino, que segue a apañar achegas do profesorado de cara ao debate que sobre esta proposta se levará a cabo na Mesa Sectorial do Ministerio de Educación o vindeiro 10 de decembro e no propio Consello Escolar o 18. 

No documento, aínda pendente de modificacións e achegas futuras, o Goberno central aposta por recuperar competencias para as autonomías en materia lingüística, prioriza a educación en igualdade para dar concertos ou deixa Relixión fóra da nota media, entre outras medidas que, en moitos casos, dependerán da aplicación que a Xunta faga da futura normativa. 

A proposta de reforma recupera competencias en lingua para as autonomías, prioriza a coeducación e deixa Relixión fóra da nota media

O documento pretende, así, "suprimir a regulación" do uso da lingua galega --e do resto de cooficiais-- e da escolarización asociada a ela que a lei Wert atribuía ao Estado, e deixa que a súa regulación corresponda ás autonomías con idioma propio. 

Isabel Celaá, ministra de Educación, durante unha comparecencia ante a prensa © Goberno de España

A aplicación en Galicia do polémico decreto do plurilingüismo e as modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias por parte da Lomce fixeran que a presenza do galego nas escolas fose amplamente reducida. Agora, inclúese a opción de que as autonomías decidan o uso do castelán e outras linguas cooficiais como "lingua vehicular". "A tal fin, as administracións educativas fixarán a proporción do uso da lingua castelá e a lingua cooficial como lingua vehicular, así como as materias que deban ser impartidas en cada unha delas, puidendo facelo de xeito heteroxéneo no seu territorio, atendendo ás circunstancias recorrentes", di o texto. Con todo, e tendo en conta a política lingüística seguida pola Xunta, as mudanzas parecen aínda lonxe de aplicarse. 

O Ministerio pretende priorizar no réxime de concertos os centros que se organicen baixo o principio de coeducación

O borrador do anteproxecto ten data de 19 de novembro e elimina tamén os artigos da Lomce que consideraban a Relixión unha "materia específica" no Bacharelato, ademais de prescindir do artigo que permitía que computase para a nota media. En Primaria e Secundaria, Relixión deixa de ser unha alternativa á materia Valores Sociais e Cívicos a elección dos pais. 

Ao tempo, o Ministerio de Educación deixa claro no anteproxecto que priorizará no réxime de concertos aqueles centros que se organicen baixo o principio de coeducación, tratando de evitar a discriminación por xénero e impulsar políticas de igualdade. 

Así, o borrador advirte de que "nos procesos asociados á obtención e ao mantemento de unidades concertadas, valorarase que os centros apliquen o principio de coeducación" --aulas mixtas de nenas e nenos nas que o proxecto educativo inclúa contidos e criterios de igualdade de xénero-- e aclara que "o acceso de alumnos e alumnas ao ensino será en todo caso equivalente, tanto nas condicións de prestación como nos contidos docentes".

"Aqueles centros que non apliquen o principio de coeducación deberán incluír necesariamente no seu proxecto educativo as medidas académicas que desenvolven para favorecer e formar en igualdade", destaca. 

A lei Wert blindaba o financiamento público dos centros que segregan por sexo e aclaraba que non supoñía unha discriminación

Na normativa que impulsara o ex-ministro José Ignacio Wert blindábase o financiamento público dos centros que segregan por sexos e mesmo se aclaraba que este modelo "non constitúe discrminación o ensino dierenciado por sexos" e que a estes colexios non se lles podía aplicar "un trato menos favorable, nin unha desvantaxe, á hora de subscribir concertos coas administracións educativas". 

En Galicia, a coeducación é un dos eixos do vixente Plan de Actuacións para Igualdade nos Centros Educativos de Galicia, un proxecto xestionado conxuntamente pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Igualdade. No entanto, unha parte dos centros educativos sufragados con fondos públicos, os concertados, ficaron exentos de teren que priorizar a coeducación grazas á regulamentación que os dota de financiamento ata agosto de 2023, unha orde de concertos que blinda a educación segregada e na que desapareceu a "preferencia" do "principio de coeducación" que si figuraba nas dúas ordes anteriores.

O Goberno galego engarouse, xa que logo, de protexer a subvención a colexios que segregan nenos e nenas dunha eventual derrogación da Lomce ou, como neste caso, da súa modificación. Os 58 concertos asignados pola Xunta aos colexios que separan por sexo esténdense ata o 31 de agosto de 2023.

A fin das reválidas

O anteproxecto do Goberno central, ademais, pon fin tamén ás reválidas e destaca que esas avaliacións externas impostas pola Lomce "non supoñían un medio xenuíno para a mellora da educación, senón que constituían un mecanismo de selección e unha barreira para a promoción". En Galicia, o rexeitamento e o boicot a estas probas foi masivo e o país liderou as protestas contra elas no Estado

Alén disto, a proposta para a reforma da Lomce pretende incluír dúas materias de Filosofía obrigatorias para todo o alumnado de Bacharelato, desfacendo así o veto á que fora sometida esta disciplina. 

As reválidas "non supoñían un medio xenuíno para a mellora da educación, senón un mecanismo de selección e unha barreira para a promoción"

Entre as medidas anunciadas polo Executivo socialista para modificar os "aspectos máis lesivos" da Lomce estaba tamén o de eliminar a "demanda social" como criterio para o planificación escolar. Desaparece esta expresión, que segundo o Goberno podía provocar que a escola pública se considera subsidiaria da concertada.

"O ensino básico, obrigatorio e gratuíto programarase polas administracións educativas tendo en conta a oferta existente de centros públicos e privados concertados". Esa é a redacción proposta e da que se elimina o de "demanda social". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.