0 Gardados para despois

A Lomce reduce ao mínimo a presenza no ensino do galego, minguada xa polo decreto

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O decreto do plurilingüismo e agora a Lomce. O galego segue a perder presenza no ensino e as sucesivas normativas aplicables na educación non deixan de mingualo. Se ese polémico decreto 79/2010 xa limitou a un máximo o numero de materias a impartir en lingua propia e prohibiu expresamente a impartición en galego de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en Secundaria, a aplicación da denominada lei Wert supón aínda maiores atrancos para o idioma

A aplicación da Lomce reduce aínda máis a presenza do galego en Secundaria: entre 18 e 21 horas semanais fronte a 31 en castelán

Así o veñen denunciando A Mesa pola Normalización Lingüística e CIG-Ensino, que este luns fixeron entrega dunha queixa dirixida á Valedora do Pobo na que se solicita que inste a Consellaría de Educación a asegurar "que en todos os cursos da ESO se garanta, como mínimo, o mesmo número de horas de ensino en galego que en español". Non só non se garantía xa antes en case ningún caso, senón que as modificacións introducidas na carga lectiva de diferentes materias fan imposible nin tan sequera ese mínimo. 

"Non se cumpren nin os mínimos que marcaba o polémico decreto do plurilingüismo", denuncia A Mesa

"Non se cumpren nin os mínimos que marcaba o decreto do plurilingüismo que, dadas as circunstancias, pasou a ser unha opción de máximos cando o seu obxectivo xa era precario", ironiza Marcos Maceiras, presidente d'A Mesa, en conversa con Praza. O caso é que a normativa establecía as materias que se debían impartir en galego e en castelán na ESO, sendo un total nos catro cursos de 25 horas en español e 24 en lingua galega. Agora, o alumnado de Secundaria terá 31 horas en lingua castelá fronte a 18 en galego de cursaren ensinanzas aplicadas, e 21 con ensinanzas académicas. 

En definitiva, 13 horas menos semanais de docencia en galego que en castelán no caso das ensinanzas aplicadas e dez menos no caso das académicas. "A Xunta ten agora a oportunidade de modificar o decreto e, se tivesen un mínimo de consideración faríano porque nin tan sequera están a cumprir o seu obxectivo", explica Maceiras. Ese era, como lembra, "equilibrar o uso das linguas e introducir o inglés". O equilibrio non existe e a discriminación segue a afectar o galego. Nin falar das recomendacións de reforzo positivo cara á lingua propia de numerosos organismos internacionais e expertos, da posición contraria das anpas ou dos sindicatos educativos ao decreto ou dos prexuízos que se instalaron contra o idioma propio. 

Así, por exemplo en 2º da ESO o número de horas en castelán case multiplica por catro ás de galego, mentres que na rampa aplicada de 4º é de máis do dobre. 

En 2º da ESO, o número de horas en castelán case multiplica por catro as que se imparten en galego

Por suposto, o actual decreto vixente xa ía contra as medidas do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) aprobado por unanimidade que prevé, como mínimo, unha oferta do 50% de ensino en galego para todos os ciclos educativos obrigatorios, así como ciclos formativos e Bacharelato. 

Segundo denuncia CIG-Ensino, “nin sequera o 15% do ensino se imparte en lingua galega” na actualidade. "A imposición do decreto 79/2010 está dando os froitos previstos pola Consellaría, minorar o uso do noso idioma na procura da súa total substitución lingüística”, censura o secretario xeral do sindicato, Anxo Louzao. Desde A Mesa, Marcos Maceiras advirte que "aínda que todas as materias que non se imparten en castelán fosen en galego, o seu peso non chegaría nunca nin ao 50%". "A intención de 'igualar' o ensino das linguas manifestada no decretazo é falsa”, insiste. Coa aplicación da Lomce, a situación é aínda peor. 

CIG-Ensino denuncia que o número de horas impartidas en galego non chega nin ao 15%

E todo isto logo de que organismos como o Consello de Europa censurasen en varias ocasións a política lingüística da Xunta no ensino ao ratificar o incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais por parte da Administración. Así, o Comité de Expertos, hai agora case un ano, amosouse precisamente "preocupado pola redución gradual da presenza do galego no ensino medio".

"Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego viuse reducida no ensino primario e secundario", dicía o Consello de Europa nas súas conclusións sobre un informe que insistiu nos reproches que xa amosara no ditame de 2012 e cuxas críticas foran en moitos casos desdeñadas pola Xunta. O rexeitamento ao decreto fixo tamén que fose levado aos tribunais e que a Real Academia Galega continuase dando a batalla xurídica denunciándoo ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo

O Consello de Europa xa denunciara a "redución gradual da presenza do galego no ensino medio"

 

Mobilizacións

O caso é que no verán de 2015, nunha imaxe inédita, todos os partidos galegos -incluído o PP- asinaron unha declaración impulsada pol'A Mesa na que se chama a impulsar a normalización do galego e a tomar como punto de partida os "acordos comúns e amplos" da Lei de Normalización Lingüística e tamén do PXNL. Nin unha  nin outro se cumpren e a aplicación da Lomce supón aínda un maior recorte ao ensino na lingua propia. “Se queren cumprir os acordos aos que se comprometeron teñen que facelo inmediatamente”, lembrou hoxe Maceiras. 

Ante esta situación, e tras expresar a súa queixa á Valedora, A Mesa e a CIG xa anunciaron unha concentración para o día 14 de decembro diante da propia Consellería de Educación na que demandarán a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo, “por supor unha involución no marco xurídico e no uso do idioma” e a elaboración dunha nova norma que camiñe  cara á plena normalización lingüística no ensino. 

Os últimos estudos estatísticos certifican o devalo constante do galego na mocidade e no ensino

Alén disto, A Mesa xa anunciou que aproveitará a súa presenza no Foro Europeo da Diversidade Lingüística que se celebra en Donosti esta mesma semana para "volver denunciar a discriminación que sofre o galego" diante de importantes organismos internacionais. Ademais, o BNG anunciou que se suma "ás demandas da comunidade educativa" e reclama "equiparar as horas lectivas en galego coas que se imparten en castelán" a través de varias iniciativas que defenderá no Parlamento e co obxectivo de "evitar a discriminación da lingua propia no ensino secundario". 

Mentres, os últimos estudos estadísticos do IGE sobre o galego indican que tres de cada catro rapaces e rapazas de menos de 15 anos é castelanfalante, o mesmo de dúas de cada tres persoas entre 15 e 29 anos. O galego xa só é maioritario entre os maiores de 50 anos.

Ademais, e en canto ao galego no ensino, en 2008 o 14,3% dos e das estudantes afirmaban recibir "todas as clases" en galego, mentres que en 2013 esa porcentaxe xa caía ata o 2,15%, moi lonxe tamén dos datos de 2003 (8,32%). A categoría que máis creceu é a daqueles que recibiron "maioritariamente" a súa formación en castelán, que pasaron do 32,78% en 2008 ao 51,08% en 2013

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.