0 Gardados para despois

Inédita unidade política en torno á lingua galega

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


300 metros, seis anos e, sobre todo, 265.000 votos. É o que separa o PP que o 8 de febreiro de 2009 se manifestou dende a Alameda de Santiago cunha asociación frontalmente contraria á promoción e protección da lingua galega do PP que, este mércores, asinou xunto á práctica totalidade de forzas políticas con presenza en Galicia unha Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega. Quen lanzou esta proposta de inédita unidade foi A Mesa pola Normalización Lingüística, o colectivo que é peza fundamental da plataforma Queremos Galego, a mesma que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo tivo enfronte dende que, nada máis chegar á Xunta, apostou pola desmontaxe legal ou práctica de boa parte das normas que, dende tempos de Manuel Fraga, foran concibidas para revitalizar o idioma propio de Galicia.

Non foron poucos os avatares acontecidos ata chegar a unha xornada que o presidente d'A Mesa, Marcos Maceira, non dubida en cualificar como "histórica", por poder supoñer o inicio da recuperación dun consenso que "nunca debeu romper". Ao contrario do que acontecía hai media década, cando o propio Feijóo proclamaba a suposta existencia en Galicia dun suposto "conflito lingüístico sen precedentes" derivado dunha presunta "imposición" do galego, agora xa non existe unha ameaza como a que daquela supuña UPyD para o electorado urbano dos populares galegos. Asemade, o devalo que amosan as últimas convocatorias electorais urxe o partido da gaivota a pechar, na medida do posible, conflitos abertos que puidesen erosionar a súa imaxe cara ás vindeiras eleccións xerais e autonómicas.

A Mesa considera "histórico" que todas as forzas apoiasen a declaración

Así as cousas, o PPdeG vén de percorrer o camiño de volta cara a unha unidade en torno ao galego na que, ao chegar, atopou o resto de forzas políticas, tanto as que xa existían en 2009 como as novas, coa única excepción de Ciudadanos. A "unidade" foi aplaudida por todas estas formacións, a comezar polas que teñen representación parlamentaria. Así, por exemplo, a secretaria de organización do PSdeG, Pilar Cancela, amosou a súa ledicia "por que esteamos todas as forzas" tras anos de "agravios" á lingua traducidos, por exemplo, nun recorte do 70% no orzamento para a normalización lingüística. Dende o BNG o seu portavoz nacional, Xavier Vence, manifestou a súa "ilusión" por un acto que, agarda, debera ser o punto de inflexión para que as institucións públicas poidan garantir o uso do galego con plena normalidade.

O resto de forzas políticas saúdan o cambio de postura do PP, cuxo voceiro di que esta unidade marca "un momento distinto", o dos "feitos"

Tamén estiveron presentes ao pé do monumento a Rosalía de Castro -este mércores facíanse 130 anos da súa morte- representantes de forzas que non existían cando os populares iniciaron a súa cruzada contra a normalización do galego. Este é o caso de Podemos, cuxo secretario xeral en Galicia, Breogán Riobóo, instou os populares a amosar o seu cambio de actitude comezando por derrogar algunhas das "mofas" ao idioma que, di, practicaron nos últimos anos. Dende Compromiso por Galicia o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, considerou "fermoso" que tantas organizacións se xuntasen para "reivindicar a lingua propia da nación galega" e agardou que esta sinatura sirva para abrir unha nova xeira na que, di, cumpriría un novo decreto sobre o uso do galego no ensino "no que todos nos sintamos cómodos". Anova, Esquerda Unida, Cerna, Converxencia XXI, Coalición Galega, Alternativa dos Veciños e Terra Galega uníronse tamén á declaración.

O encargado de escenificar a nova posición do PP foi o seu voceiro en materia de lingua, o deputado Agustín Baamonde, un dos membros do partido de perfil máis galeguista e que menos encaixaba na liña imposta polo gabinete de Feijóo no seu ascenso ao poder. A "defensa" do galego "correspóndenos a todos" e todas os partidos e institucións, dixo, deben ser "responsables" de que o galego se poida empregar "a diario" con normalidade". Esta "unidade", subliña o parlamentario, marca "un momento distinto", o momento "dos feitos". "Se somos quen de facer que o galego alumee en todas as casas, non hai onciña de ouro que o pague", dixo apoiándose nun poema de Rosalía

De aplicarse, o asinado hoxe suporía unha emenda á práctica totalidade da política lingüística de Feijóo

Con estas declaracións os populares e o resto de forzas poñen a súa sinatura nun texto que insta a apertura dunha "nova etapa de normalidade para a lingua galega" e que, de aplicarse, suporía unha emenda á práctica totalidade da política lingüística desenvolvida dende a Xunta dende 2009. Non en van, para acadar o obxecitivo da "verdadeira igualdade e oficialidade real" o documento proposto dende A Mesa chama a tomar como punto de partida os "acordos comúns e amplos" da Lei de Normalización Lingüística e tamén do Plan Xeral de Normalización da Lingua, o mesmo que o propio goberno de Feijóo chegou a desdeñar considerándoo un mero "remuíño de ideas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Texto íntegro da declaración lanzada pol'A Mesa e asinada polas forzas políticas

Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega

A lingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego. A que nos une e nos identifica, a que nos dá voz propia nun mundo plural e diverso ao que queremos contribuír.

O galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo. O idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas as xeracións presentes, en todos os ámbitos, na cultura, na educación, no progreso social, económico e político.

Recentes estudos de organismos oficiais voltaron pór de manifesto un preocupante retroceso social da lingua que mostra a necesidade de avanzarmos para erradicar vellos e novos prexuízos.

É preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa intención de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real, tomando como punto de partida os acordos comúns e amplos establecidos na Lei de Normalización Lingüística, na Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.

Do mesmo xeito, reafirmámonos no disposto na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos promovida en 1996 pola UNESCO e na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado español en 2001, e ambas as dúas coa adhesión unánime do Parlamento galego.

As organizacións políticas galegas, coas nosas diferentes alternativas, proxectos e ideoloxías, queremos manifestar a nosa unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno.

Santiago de Compostela, Galiza, 15 de xullo de 2015

No 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro