0 Gardados para despois

A 'porta de atrás' que permite a colexios privados obviar a educación en igualdade malia ser financiados pola Xunta

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Goberno galego e PPdeG transitaron por varias fases a respecto da folga feminista do 8 de marzo. Tras optar por un inicio de perfil baixo, limitándose a "respectar" a convocatoria, os populares galegos pasaron ao ataque cando a dirección central do partido apostou por deslexitimala e deron en considerala "o máis machista que se pode facer". A estratexia da confrontación continuou durante días pero minorou a súa intensidade en vésperas do 8M, cando a formación conservadora regresou formalmente ao terreo do "respecto" mentres as rúas de Galicia e do resto do Estado amosaban o éxito da convocatoria.

Unha das pezas do argumentario dos populares nesta última fase pasou por esgrimir o incremento dos orzamentos da Xunta para igualdade -"este goberno fixo máis en políticas de igualdade que calquera outro goberno", proclamou Feijóo tras repartir acusacións de machismo entre a oposición- e poñer o foco no ámbito educativo. O Goberno galego, defenderon, fixo da "igualdade e a coeducación" un dos seus "eixos básicos" nos últimos anos. Nun sentido semellante, no último pleno do Parlamento aprobaron unha iniciativa na que "se pide avanzar na coeducación para eliminar roles e estereotipos que perpetúan a desigualdade na asunción de responsabilidaes familiares domésticas por parte de mulleres e homes".

O seu impulso da coeducación foi un dos argumentos esgrimidos por Xunta e PP nos días previos á mobilización feminista do 8M

Efectivamente, a coeducación -aulas mixtas de nenas e nenos nas que o proxecto educativo inclúa contidos e criterios de igualdade de xénero- é un dos eixos do vixente Plan de Actuacións para Igualdade nos Centros Educativos de Galicia, un proxecto xestionado conxuntamente pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Igualdade. Nel sinálase a coeducación como "unha das ferramentas máis útiles e potentes para acabar coa desigualdade" e "superar prexuízos sexistas". No entanto, unha parte dos centros educativos sufragados con fondos públicos, os concertados, ficaron exentos de teren que priorizar a coeducación grazas á regulamentación que os dota de financiamento ata agosto de 2023.

O Goberno fixo desaparecer da orde concertos educativos 2017-2023 a "preferencia" do "principio de coeducación" que si figuraba nas dúas ordes anteriores

Como informou Praza.gal, en marzo de 2017 a Xunta activou a nova orde de concertos educativos, que vai alén do esixido pola vixente lei educativa estatal -a 'Lei Wert'- en canto á súa duración e que encaixa un dos seus preceptos máis controvertidos, a blindaxe do financiamento público para os colexios que segregan por sexo o seu alumnado. Esta orde, como as de 2009 e 2013, deu "preferencia" no financiamento público a colexios que teñan en conta requisitos como "atender poboacións escolares de condicións económicas desfavorables" ou realizar "experiencias de interese pedagóxico". As dúas anteriores ordes engadían ademais que "serán obxecto de atención preferente" á hora de outorgar financiamento público os colexios que "desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas". Na orde 2017-2013 esta última referencia desapareceu.

Foi así como o Goberno galego deixou definitivamente despexado o camiño para os colexios segregacionistas, que na resolución dos concertos, o pasado verán, obtiveron un total de 58 unidades concertadas para cinco centros, catro deles propiedades dunha empresa ligada ao Opus Dei. Este resultado supuxo un incremento de oito unidades a respecto da asignación de concertos de 2013, cando a Consellería de Educación decidiu seguir financiando os colexios que separan nenas e nenos malia ir en contra da lei educativa de 2006, daquela aínda en vigor. Previamente, en 2009, o PP aproveitara o seu retorno á Xunta para modificar a orde de concertos que deixara aprobada o Goberno de PSdeG e BNG, a cal puña fin ao financiamento destes colexios no seu artigo 4.2.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.