Os novos criterios para financiar colexios concertados contradín o plan de educación en igualdade da Xunta

Exposición 'Á Violencia de Xénero...Dille Non!', organizada por igualdade nos centros de ensino © Xunta

A coeducación "vai máis alá da educación mixta". É un "método de intervención educativa" cuxas bases "se fundamentan no recoñecemento das potencialidades (...) de nenas e nenos, independentemente do seu sexo". "A coeducación é, polo tanto, educar dende a igualdade de valores, oportunidades e trato ás persoas". Esta definicións inclúense no Plan de Actuacións para a Igualdade nos Centros Educativos de Galicia, un proxecto para o período 2016-2020 que ten entre os seus obxectivos lograr unha "verdadeira e efectiva coeducación" nos centros educativos do país. Dende este 2017, o seu segundo ano de vixencia, este plan da Xunta convivirá con outra norma do propio Goberno galego que vén contradicir os seus principios.

Dende o curso 2017-2018 os colexios privados concertados de Galicia, isto é, os financiados con fondos públicos, rexeraranse polas normas da nova orde de concertos. Como informou Praza.gal, as principais novidades desta orde, ditada ao abeiros dos preceptos da LOMCE, son a ampliación da duración dos concertos de 4 a 6 anos, o incremento do seu custo anual en case un 10% e a desaparición da coeducación como criterio preferente para financiar colexios. Nas dúas ordes anteriores (2009 e 2013) Educación fixaba que "serán obxecto de atención preferente" para outorgar concertos os colexios "que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas", pero na nova orde ese precepto desapareceu.

A orde de concertos deixa de dar preferencia á coeducación, que segundo Igualdade é "unha das ferramentas máis útiles e potentes para acabar coa desigualdade"

Así as cousas, mentres avanza aos poucos o incerto proceso parlamentario para desactivar a alcumada como Lei Wert a súa vaga expansiva limitará a aplicación no ensino concertado do que, en verbas do plan xestionado conxuntamente pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Igualdade, é "unha das ferramentas máis útiles e potentes para acabar coa desigualdade", xa que "a escola constitúe unha plataforma excelente para a superación dos prexuízos sexistas". "Se non traballamos por unha verdadeira e efectiva coeducación non conseguiremos unha verdadeira transformación da sociedade e polo tanto, unha igualdade real", resalta o plan, cuxo ámbito de actuación son os "preto de 1.400 centros existentes actualmente en Galicia", cifra que tamén inclúe os colexios concertados.

Prevención da violencia machista

O plan de educación en igualdade e a súa aposta pola coeducación agora excluída na orde de concertos é considerada pola propia Secretaría Xeral de Igualdade como parte das medidas para previr a violencia de xénero no ámbito educativo. Así o manifesta o departamento dependente da Vicepresidencia no seu informe anual de 2016, entregado ao Parlamento a pasada semana nun acto no que a secretaria xeral, Susana López Abella, subliñou especialmente os proxectos dirixidos á infancia e á adolescencia, xa que "previr é fundamental" para evitar condutas machistas que, resaltou, están a ser detectadas en idades moi temperás, "dende os 10 ou 11 anos", especificou.

O último informe da Xunta sobre violencia de xénero subliña a importancia da prevención no ensino e o obxectivo de "actualizar o modelo coeducativo"

Neste sentido, o informe que será debatido este mércores na Cámara destaca que a intención o devandito Plan de Actuacións para a Igualdade nos Centros Educativos ten entre os seus obxectivos "actualizar o modelo coeducativo" para "garantir unha mellora considerable no tratamento da perspectiva da igualdade". Entre as "medidas conseguidas" do plan a Secretaría Xeral destaca que xa están en marcha "accións formativas sobre materiais didácticos coeducativos" e a "oferta dunha materia de libre configuración para abordar a perspectiva de xénero na ESO". Ademais, mantén, están xa "planificadas" outras accións, como a difusión das "boas prácticas" que agora deixan de ter peso nos concertos educativos.

Alén das medidas educativas o informe anual sobre violencia de xénero recolle tamén datos estatísticos como o número de chamadas ao teléfono 016 durante o pasado ano -Máis de 85.000 no conxunto do Estado, 4.033 dende Galicia- ou o número de ordes de protección ditadas no país, 541, cun 32% de denegacións. Durante o ano 2016 rexistráronse en Galicia tres asasinatos coa consideración legal de violencia machista. En 2015 foron 8 e en 2014, 6. Dende o inicio da serie de datos, en 1999, o número total destes asasinatos é de 44.

Actividade sobre educación en igualdade nun colexio de Lousame Dominio Público CPI Cernadas de Castro

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.