A Xunta autoriza o gasto para que a axuda a vítimas de violencia machista poida pedirse todo o ano

Manifestación contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Luz verde ao gasto para, como pediu o Parlamento, poñer fin a unha das principais disfuncións das axudas da Xunta para mulleres vítimas de violencia machista. O Consello do Goberno galego autorizou este xoves o gasto para a orde de axudas que regulará en 2017 o creado en tempos do bipartito como "salario da liberdade", os subsidios para quen sofren agresións de xénero que ata agora, por mor das súas condicións, non podían ser solicitados durante os últimos meses de cada exercicio e os primeiros do seguinte. De agora en diante estarán dispoñibles durante todo o ano para quen as precisen, mantendo unha contía dos anos anteriores e a duración de ata doce meses.

A orixe desta mudanza está nunha iniciativa do BNG aprobada no verán de 2016 sen votos en contra despois de que a súa autora, a ex-deputada Carme Adán, instase os grupos a estaren "por riba das siglas" para que as vítimas da violencia "poidan pedir unha axuda tamén de novembro a marzo". Aquel acordo tornou pouco despois nunha modificación da lei integral contra a violencia de xénero do ano 2007, que pasou a incluír no seu texto a obrigatoriedade de que o prazo das axudas esta "aberto durante todo o ano" e, ademais, estendeu o 'salario da liberdade' ás nenas e mulleres vítimas de trata.

Nos últimos anos Igualdade tivo que ampliar varias veces o crédito das axudas por esgotamento do orzamentado inicialmente

Con estas condicións de partida os Orzamentos Xerais de 2017, aprobados o pasado febreiro no Parlamento, incrementaron a partida para financiar as axudas ata os 3,4 millóns de euros. Este montante é 1,1 millóns superior ao inicial de 2016, ano no que, como veu sucedendo tamén en anteriores exercicios, o Goberno se viu obrigado a aumentar o crédito destas axudas porque o orzamentado non era dabondo. Así, por exemplo, o pasado ano a Secretaría Xeral de Igualdade tivera que acometer dúas ampliacións por "esgotamento": unha en outubro de 235.100 euros e outra en decembro por 156.237 euros máis. No entanto, a Xunta fai fincapé en que "duplica o orzamento" das axudas.

A contía do 'salario da liberdade' non varía: irá dos 300 aos 800 euros mensuais

Segundo o avanzado este xoves pola Xunta a nova orde terá en conta que xa non haberá períodos vetados ás solicitudes e por iso, xa de entrada, estará dotada "para o período 2017-2018" con algo "máis de 4 millóns de euros". Alén das ampliacións ás vítimas de trata o Goberno adianta que os requisitos serán, esencialmente, os doutros anos: "ser muller maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia, ter cesado a convivencia co agresor dentro dos 12 meses anteriores á data da solicitude" e residir legalmente en Galicia. En canto aos criterios económicos, manterase a esixencia de non ter uns ingresos brutos mensuais superiores a "1,5 veces o IPREM vixente", isto é, 798,77 euros brutos ao mes.

A contía das axudas será, como en anos anteriores, de 300 a 800 euros ao mes, en función de criterios como os ingresos da muller solicitante, das súas fillas e fillos ao cargo ou de se padece discapacidade. Durante o pasado ano o salario da liberdade chegou a 324 mulleres, a maioría de entre 26 e 45 anos e, 131 delas, con fillas ou fillos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.