0 Gardados para despois

Os colexios que segregan por sexo logran 58 concertos coa orde da Xunta que os estende ata 2023

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A LOMCE segue viva e algúns dos seus aspectos máis polémicos, funcionando a pleno rendemento en Galicia. A alcumada como Lei Wert ten a maioría do Congreso dos Deputados en contra pero o acordo para a súa derrogación segue embarrancado no bloqueo parlamentario. Mentres isto sucede esta é a lei na que o Goberno galego se apoia para tomar decisións no eido educativo; a última, a adxudicación de concertos con centros privados, que a Consellería de Educación estende alén do límite temporal que marca a propia norma e que trae consigo un total de 58 unidades concertadas para os cinco colexios que segregan o alumnado en función do seu sexo, catro deles propiedade dunha empresa ligada ao Opus Dei.

A Xunta vén de ditar a orde pola que aproba os concertos educativos que, como norma xeral e alén das revisións anuais, comezarán no vindeiro curso 2017-18 e non rematarán ata a fin do período académico 2022-23, o que estende o compromiso económico ata o remate da vindeira lexislatura autonómica, con independencia da cor política do Goberno. A distribución de concertos en Educación Infantil, Primaria, ESO, Educación Especial e Formación Profesional beneficia a 3.913 unidades en máis de dous centenares de centros entre os que se inclúen os cinco segregacionistas, os mesmos aos que a Xunta seguiu financiando mentres facelo foi contrario á lei vixente.

Educación amplía a duración dos concertos alén do esixido pola LOMCE

Os colexios Montespiño -feminino- e Peñarredonda -masculino- da Coruña conseguen en virtude desta orde o concerto de cadansúas 6 unidades de primaria e 4 da ESO, o mesmo que os vigueses Las Acacias -feminino- e Montecastelo -masculino-, se ben este último suma tamén catro unidades de Formación Profesional. O quinto centro segregacionista que seguirá a ter financiamento público e o feminino Aloya, tamén situado en Vigo, con 12 unidades de Formación Profesional.

A Xunta seguiu financiando os centros que segregan por sexo mentres a lei educativa de 2006 non o permitía

O balance total destes colexios supón un incremento de oito unidades a respecto da anterior asignación de concertos, a do ano 2013. Daquela a Consellería resolveu seguir financiando os colexios que separan nenas e nenos malia contradicir a lei educativa impulsada polo Goberno de Zapatero en 2006, na altura aínda vixente, aínda que deixara fóra de financiamento o primeiro curso de Primaria. Despois daquela orde o Tribunal Supremo sentenciou a irregularidade, pero por outra banda o Goberno de Rajoy sacara xa adiante a LOMCE e a Consellería de Educación, aínda con Jesús Vázquez á fronte, sumou aos colexios Montespiño, Peñarredonda, Las Acacias e Montecastelo cadansúa unidade de primeiro de Primaria.

Fin da preferencia para a educación en igualdade

Ata agora o "desenvolvemento do principio de coeducación en todas as etapas educativas" era un dos criterios de "preferencia" na asignación de concertos

Como veu informando Praza.gal, alén do financiamento para centros que segregan e da ampliación xeral e todos os concertos de catro a seis anos -a LOMCE obriga a facelo só en Primaria-, outra das principais novidades desta nova orde de concertos é a desaparición da educación en igualdade como un dos criterios a ponderar á hora de asignar ou non financiamento público a un colexio privado. Nas ordes de concertos de 2009 -ditada polo bipartito- e 2013 -do Goberno do PP- entre os criterios polos que un colexio tiña que ser "obxecto de atención preferente" no reparto dos conecertos figuraban "os que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas". Pero este precepto desapareceu na orde de 2017.

A eliminación da coeducación como criterio para financiar ou non colexios privados contradí non só as reclamacións da oposición parlamentaria e de sindicatos educativos, senón tamén o Plan de Actuacións para a Igualdade nos Centros Educativos de Galicia que a propia Xunta ten vixente para o período 2016-2020. Segundo ese plan, xestionado conxuntamente pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Igualdade, a coeducación é "unha das ferramentas máis útiles e potentes para acabar coa desigualdade" e "superar prexuízos sexistas". No entanto, a escola concertada ten agora permitido obviar estas liñas de actuación.

Estes cambios foron obviados pola Consellería tras facer público o reparto de concertos. A xuízo do departamento que dirixe Román Rodríguez cómpre salientar que "a dinámica de incremento de unidades concertadas diminuíu de forma considerable no súltimos anos" e chama a subliñas que "o actual goberno incrementou en 77 o número de unidades concertadas", mentres que "o bipartito en catro anos incrementounas en 2013. Os concertos absorben "arredor do 11%" do orzamento do departamento, sinala.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O PSdeG alerta de que o PP "blinda" os concertos educativos como en 2005 tras perder o poder

O 18 de xullo de 2005, apenas dúas semanas antes de que Emilio Pérez Touriño tomase posesión como presidente da Xunta, o Diario Oficial de Galicia publicaba a orde que, asinada o día 6 do mesmo mes polo conselleiro de Educación en funcións, Celso Currás, asignaba os concertos educativos para os seguintes catro anos. Aquel reparto limitou moi notablemente a marxe de manobra do Goberno de PSdeG e BNG neste ámbito e agora, advirten os socialistas, o PP realiza unha operación semellante á das últimas semanas con Manuel Fraga no poder.

O vindeiro Goberno galego non terá plenas competencias sobre concertos educativos ata o curso 2023-2024

Aquel Executivo de coalición non puido ditar as súas propias normas para a escola concertada ata comezos de 2009 e nin sequera chegou a aplicalas. Tras as eleccións do 1 de marzo dese ano foi xa o novo conselleiro conservador, Jesús Vázquez, quen asinou a nova distribución e, no caso dos colexios que segregan por sexo, achegou fondos públicos mentres a lei orgánica de educación (LOE) de 2006 o impedía. Agora a combinación da LOMCE e da orde publicada este 21 de agosto provoca que o Goberno galego que saia das eleccións previstas para 2020 non poida actuar con plenas competencias neste eido ata o curso 2023-2024.

Álvarez (PSdeG) advirte de que Feijóo teima en "protexer a toda costa" os colexios segregacionistas ante unha eventual derrogación da LOMCE

"É o mesmo que fixeron en 2005, cando estando en funcións decidiron blindar os concertos ata 2009", resume o deputado socialista Luis Álvarez, quen ve "lamentablemente confirmado o que xa nos temiamos cando publicaron a convocatoria. O Executivo de Alberto Núñez Feijóo, sinala, teima en "protexer a toda costa" o modelo segregacionista antes "dunha virtual derrogación da LOMCE", cuxa fin permitiría o remate do aval legal "dun modelo que vai en contra do establecido na Constitución", pero tamén "de todo criterio pedagóxico".

"O Goberno galego -agrega Álvarez- actúa co único obxectivo de protexer estes centros" que separan nenas e nenos porque "encaixan na súa forma de entender o ensino". O PP, augura, "non vai mudar" a súa política a este respecto "por moito que se lle reclame un consenso necesaerio e saudable para o sector educativo e para toda a sociedade".

A CIG Ensino lamenta que a Xunta "vaia máis alá da LOMCE na defensa da concertada"

"Inaceptábel e un insulto á sociedade galega". A CIG-Ensino acolleu a resolución da orde de concertos educativos por parte da Consellería de Educación lamentando que o Goberno galego "vaia máis alá da LOMCE na defensa do ensino concertado".

A xuízo do sindicato maioritario entre o persoal da educación cómpre resaltar a "contraposición" entre o "crecemento do ensino privado concertado" mentres "a mesma consellería practica recortes sistemáticos, inxustificados e inaceptábeis" nas aulas públicas, nas que segue a "suprimir centros, unidades e profesorado".

"Este goberno do PP está disposto a favorecer a determinados tipos de centros", lamenta a central sindical, que pon o foco nos colexios segregacionistas "vinculados co Opus Dei". "Recordamos -resalta nun comunicado- que estes concertos", agora renovados, "mantivéronse de forma contraria á lei" ata que a LOMCE os blindou.