En funcións desde hai dous anos, en xaneiro o CGPJ paralizou nomeamentos pendentes como o ourensán ante a falta de acordo dos partidos para actualizar a súa composición, pero agora reactívaos xusto cando Sánchez vén de ofrecer a Casado unha nova negociación
O Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), órgano encargado de nomear xuíces e xuízas, ten o seu mandato caducado e está en funcións desde hai dous anos. Malia a iso, durante máis dun ano seguiu realizando nomeamentos ata que o pasado xaneiro anunciou que paralizaba os que tiña pendentes ante a incapacidade dos partidos políticos de poñerse de acordo para renovar a súa composición. Entre eses nomeamentos paralizados quedou o da presidencia da Audiencia Provincial de Ourense, que agora o CGPJ vén de anunciar que decidirá este xoves. Será un novo nomeamento co poder xudicial en funcións malia que o presidente Sánchez vén de ofrecer ao líder do PP, Pablo Casado, unha nova negociación para a súa renovación.
Cando en xaneiro o CGPJ anunciou que non seguiría realizando novos nomeamentos por non estar renovada a súa propia composición indicou que “volverían poñerse en marcha se nun tempo prudencial non se constatan avances de cara a esa renovación, a fin de evitar prexuízos no servizo público da Administración de Xustiza”. A pasada semana, ao rematar o debate da moción de censura de Vox contra el, e tras o discurso no que Casado escenificou o seu distanciamento do partido de extrema dereita, Sánchez anunciou que paralizaba o proxecto de reforma legal co que pretendía reducir o número de votos necesarios para renovar o CGPJ evitando así o veto do PP e ofreceulle aos populares negociar esa renovación.
Malia a esa nova expectativa dunha pronta renovación da súa composición, agora o poder xudicial decide retomar os nomeamentos en funcións para oito postos en toda España, entre eles a presidencia da Audiencia de Ourense, á que aspiran Ana del Carmen Blanco Arce e Antonio Piña Alonso.
Coa súa composición conservadora da época de Rajoy sen renovar, o CGPJ xa designou o pasado ano as presidencias do TSXG e das audiencias da Coruña e Pontevedra
Durante o máis dun ano que ata xaneiro o poder xudicial realizou nomeamentos en funcións, o Pleno do Consello, composto por vinte vogais e o seu presidente, xa acordara outros nomeamentos en Galicia. Na súa sesión do 24 de xullo de 2019 nomeou como presidente do TSXG a José María Gómez y Díaz-Castroverde (por 13 votos) e como presidente da Audiencia Provincial da Coruña a Alfredo Picatoste Sueiras (con 17 votos). E na sesión do 30 de outubro de 2019 acordou nomear presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra a Francisco Javier Menéndez Estébanez (por unanimidade), como presidente da Sala do Social do TSXG a Luis Fernando de Castro Mejuto (con 15 votos) e presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG a María Dolores Rivera Frade (por unanimidade).
