O Poder Xudicial di agora que non fará máis nomeamentos tras designar en funcións cinco altos postos en Galicia

Toma de posesión en setembro de José María Gómez y Díaz-Castroverde como presidente do TSXG tras ser nomeado por un consello do poder xudicial en funcións © CGPJ

O órgano de goberno dos xuíces, interino desde decembro de 2018 e coa composición conservadora da época de Rajoy, designou neste tempo as presidencias do TSXG e das audiencias da Coruña e Pontevedra, pero agora paraliza a de Ourense

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) está en funcións desde decembro de 2018, hai máis dun ano, e mantén a composición de maioría conservadora establecida na súa renovación de 2013, durante o Goberno central de Mariano Rajoy. Este xoves decidiu “paralizar temporalmente” o nomeamento dos cargos xudiciais que del dependen “na confianza dunha pronta renovación da institución”, instando así a un imprescindible acordo entre PSOE e PP. Pero esa falta de renovación non impediu que neste tempo de interinidade nomease medio cento de altos postos xudiciais en todo o Estado, cinco deles en Galicia, entre eles as presidencias do Tribunal Superior e das audiencias da Coruña e Pontevedra. Porén, agora non o seguirá facendo, o que deixa no aire a presidencia da Audiencia de Ourense.

Pleno do CGPJ co seu presidente, Carlos Lesmes © CGPJ

A decisión do CGPJ prodúcese nunha semana na que o órgano de goberno dos xuíces emitiu unha declaración institucional criticando que o vicepresidente do Goberno central, Pablo Iglesias, afirmase que a xustiza española foi “humillada” polos órganos xudiciais europeos que rectificaron varias das súas decisións a conta do conflito catalán. Posteriormente, considerou que a ex-ministra de Xustiza socialista Dolores Delgado reúne os requisitos legais para ser Fiscal Xeral do Estado, pero evitou considerala idónea, como en nomeamentos similares anteriores. Ao tempo, o PP vén advertindo de que non vai facilitar a renovación do poder xudicial.

O propio poder xudicial matiza que volvería poñer en marcha os nomeamentos se "nun tempo prudencial" non hai avances na súa renovación "a fin de evitar prexuízos no servizo público"

Neste contexto é no que este xoves o CGPJ decidiu non seguir realizando nomeamentos, paralización que se matiza a continuación indicando que “volverían poñerse en marcha se nun tempo prudencial non se constatan avances de cara a esa renovación, a fin de evitar prexuízos no servizo público da Administración de Xustiza”. O propio Consello sinala onde se producirían eses primeiros prexuízos, entre outros sitios en Ourense, onde está pendente de designación a presidencia da súa Audiencia Provincial, segundo salienta o propio CGPJ.

Decisión do CGPJ de paralizar a designación da presidencia da Audiencia Provincial de Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Porén, a “paralización temporal” prodúcese tras máis dun ano no que a súa interinidade non impediu que o Consello seguise realizando nomeamentos, medio cento en todo o Estado, cinco deles en Galicia. Neste tempo, o Pleno do Consello, composto por vinte vogais e o seu presidente, acordou nomear na súa sesión do 24 de xullo pasado como presidente do TSXG a José María Gómez y Díaz-Castroverde (por 13 votos) e como presidente da Audiencia Provincial da Coruña a Alfredo Picatoste Sueiras (con 17 votos). E na súa sesión do pasado 30 de outubro acordou nomear presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra a Francisco Javier Menéndez Estébanez (por unanimidade), como presidente da Sala do Social do TSXG a Luis Fernando de Castro Mejuto (con 15 votos) e presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG a María Dolores Rivera Frade (por unanimidade).

Neste tempo en funcións o poder xudicial decidiu sancionar e afastar á xuíza Pilar de Lara das investigacións de casos de corrupción que viña desenvolvendo

Neste tempo en funcións o poder xudicial tamén tomou decisións relevantes en Galicia como a de sancionar á xuíza Pilar de Lara e afastala das investigacións de casos de corrupción que viña desenvolvendo desde Lugo, decisión pendente do que decida o Tribunal Supremo ao que recorreu a maxistrada.

Agora, o propio CGPJ salienta que, cando desestimou a petición de dúas asociacións xudiciais de suspender cautelarmente os nomeamentos por estar en funcións, o Tribunal Supremo sinalou que “o normal desenvolvemento da administración de xustiza require a pronta cobertura das prazas vacantes”. Porén, o Consello asume eses posibles “prexuízos”, como os cualifica, e salienta que unha das prazas que queda no aire é a da presidencia da Audiencia Provincial de Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.