O Poder Xudicial aproba o informe conservador sobre o recorte do dereito ao aborto

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto presentou este venres en Vigo a manifestación deste domingo © Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) aprobou este venres o ditame presentado pola vogal conservadora Carmen Llombart sobre a contrarreforma da lei do aborto proposta polo Ministerio de Xustiza. O texto, que recibiu 10 votos a favor, 8 en contra e 3 abstencións, apoia o recorte do dereito, pero pide despenalizar o aborto se o feto é inviable. 10 dos 11 maxistrados escollidos polo PP votaron a favor e un abstívose, o mesmo que os vogais escollidos por CiU e PNV. É dicir, que, en conxunto, máis da metade dos membros do Poder Xudicial non apoiaron o documento, que é preceptivo pero non vinculante. O outro ditame, redactado pola xuíz progresista Pilar Sepúlveda, e que pedía a retirada do proxecto, obtivo unicamente oito votos.

O organismo foi adiando durante varias semanas o seu ditame, no medio dun longo debate. En 2009 o Poder Xudicial non puido sacar adiante o seu informe sobre a actual lei do aborto, xa que ningún dos dous textos presentados obtivo a maioría suficiente para ser aprobado. Foi a primeira vez que o Consello non puido aprobar un informe sobre unha iniciativa lexislativa do Goberno.

O obxectivo dos populares sería que a lei se aprobase no outono, o máis lonxe posible das eleccións municipais e autonómicas da primavera de 2015

A aprobación, finalmente, deste informe implica unha aceleración do proceso lexislativo da contrarreforma. No calendario previsto polo PP, o Ministerio de Xustizá só tería que retocar o texto se aceptase algunha das recomendacións do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Consello Fiscal e remitilo a Moncloa para a súa aprobación no Consello de Ministros. E de alí ás Cortes. Pero o tratamento dunha lei orgánica, como neste caso, é máis complexo, así que non podería empezar a tratarse até a volta das vacacións. Con todo, moitos apuntan que a estratexia é ter o proxecto en marcha e durmindo no Congreso durante meses para aplacar o debate social. O obxectivo dos populares sería que a lei se aprobase no outono, o máis lonxe posible das eleccións municipais e autonómicas da primavera de 2015.

 

Manifestación, este domingo

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto celebrará este domingo en Vigo unha nova manifestación nacional polo dereito da muller a decidir. Despois da marcha, que partirá ás 11.30 da estación de tren da cidade, será continuada por unha Romaría Lilá. Os actos deste domingo 15 servirán tamén para conmemorar o primeiro aniversario da primeira grande marcha de mulleres polas rúas de Santiago de Compostela en contra da entón anunciada contrarreforma por parte de Alberto Ruiz Gallardón.

A entidade sinala que o Goberno español "non pode lexislar baseandose nunha moral concreta"

A Plataforma presentou a mobilización este venres nunha rolda de prensa celebrada na cidade olívica. Rosa Chantada e Pilar Estévez destacaron que “a reforma normativa que o PP pretende implantar nega e penaliza o dereito das mulleres a decidiren libre e responsablemente sobre a súa maternidade, ademais de supor unha dobre discriminación por razón de xénero e e de clase social, porque aquelas mulleres que teñan recursos sairán ao estranxeiro e as que non os teñan arriscarán a súa saúde e vida recorrendo a un aborto clandestino”. A entidade sinala que o Goberno español "non pode lexislar baseandose nunha moral concreta", senón que debe preservar que “o que para algunas persoas é pecado, non chegue a ser delicto para o resto”. Ao tempo, debe garantir que, nun Estado aconfesional e democrático, as políticas públicas non reciban inxerencias de ningunha moral relixiosa, en particular nas de educación, saúde e xustiza.

“Berrarémoslles ao PP e ao señor Feijoo que non imos parar, que esta é unha loita fundamental para frear a agresión continua aos nosos dereitos como mulleres"

Con esta Romaría Lilá, a Plataforma pretende amosar á cidadanía galega "a unidade e a enerxía de todas as mulleres galegas, e mesmo o acompañamento de moitos, que, sen dúbida, van axudar a incrementar a conciencia cidadá na defensa dos dereitos das mulleres". “Berrarémoslles ao Partido Popular e ao señor Feijoo que non imos parar, que esta é unha loita fundamental para frear a agresión continua aos nosos dereitos como mulleres e como cidadás”, concluiron as representantes da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto.

Cartaz dos actos convocados o 15 de xuño en Vigo © Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.