Tras unha nova negativa do conselleiro a dar un número escudándose en que son “os necesarios” agora o presidente fai ver que esas necesidades aínda non están cubertas
Cando se lle pregunta á Xunta cantos rastrexadores de casos de coronavirus ten, o Goberno galego di non ter clara a “definición” dese tipo de persoal, malia que inicialmente o propio presidente Feijóo chegou a cuantificar en “máis de 6.000” as persoas que terían “dentro das súas funcións” a de detección e seguimento de casos. O actual conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, segue a negarse a dar unha cifra, nin sequera a da central de seguimento, asegurando que son “os necesarios”, pero este xoves o presidente Feijóo fixo ver que esas necesidades aínda non están cubertas. [Eles son os rastrexadores da Xunta: "Un sistema caótido desde un centro de chamadas de Bergondo].
Preguntado polo ofrecemento pouco antes, durante unha visita a Vigo, do ministro de Sanidade, Salvador Illa, de formar máis militares para poñelos a disposición das comunidades para realizar rastrexos, Feijóo aceptounos sen poñer condicións. “Se agora pon rastrexadores formados, imos dicir que si, e se pon rastrexadores non formados, imos dicir que si e os imos formar”, asegurou o presidente tras lembrar que Galicia foi das primeiras comunidades en amosar no seu momento a dispoñibilidade a recibir apoio militar para esa tarefa.
“O rastrexo é fundamental para intentar baixar o número de contaxios”, incide Feijóo
“O rastrexo é fundamental para intentar baixar o número de contaxios”, incidiu Feijóo, pero censurou que o ofrecemento de máis rastrexadores por parte do Estado “polo que eu sei, nin sequera se tratou onte no consello interterritorial de saúde” de coordinación coas comunidades. Porén, na súa resposta Feijóo non amosou dúbidas sobre cal é a definición de rastrexador do Goberno central e fixo ver que a súa insuficiencia non sería un problema de cualificación xa que a Xunta podería formalos.