O Consello da Xunta autorizou este xoves que a Consellería de Política Social asine coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) un convenio de 2,7 millóns de euros ao que a Administracióna chega 1,8 millóns e o restante, a entidade social. A súa finalidade é "implantar un plan integral de actuación para persoas con discapacidade no Centro Galego de Desenvolvemento Integral". Ou, o que é o mesmo, abrir co uso para o que foi concibido o CEGADI, un complexo de 8.000 metros cadrados de superficie útil impulsado en tempos do bipartito e que o Goberno galego ten rematado e pechado dende comezos do ano 2013 no barrio compostelán de Salgueiriños e para cuxa apertura veu ofrecendo diversos prazos incumpridos.
A Xunta calcula que unhas 1.200 persoas poderán beneficiarse dun proxecto que contempla dende accións de asesoramento e formación ata, "cando se dispoña do equipamento necesario", oferta de "terapias de rehabilitación, mantemento e promoción da autonomía como fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia ou neuropsicoloxía". Segundo o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, fica así demostrado o "compromiso co CEGADI" do seu Executivo, afirmación que exemplifica co traslado a finais de 2017 dalgúns servizos de Política Social e mais da sede da controvertida Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) ou co convenio co Imserso que, o pasado abril, abriu a porta a instalar alí "un centro d ereferencia para persoas con discapacidade".
O centro foi impulsado polo bipartito, a súa construción comezou en 2008 e rematou en 2013 cun sobrecusto nas obras de arredor do 40%, ata os 13,2 millóns de euros
No caso de se cumprir o cronograma anunciado agora por Feijóo as primeiras persoas con discapacidade poderán comezar a ser atendidas no CEGADI "no último trimestre deste ano" nun plan que se estendería ata 2022. Se non hai cambios no plan o edificio entrará en servizo dez anos despois do inicio da súa construción e media década despois do remate das obras. Polo camiño, un investimento público só nas obras duns 13 millóns de euros, cantidade á que chegou tras sobrecustos -algún deles, cuestionado dende o Consello Consultivo- que roldaron o 40% do orzamento inicial. Estas foron algunhas das datas clave na, ata agora, accidentada vida do CEGADI.
Maio 2005
O Concello de Santiago cede á Xunta de Fraga unha pacerla de 6.000 metros cadrados para a construción dun centro de atención para persoas con discapacidade.
Novembro 2005
A Xunta de PSdeG e BNG acepta a cesión tramitada polo anterior Executivo e a Vicepresidencia inicia os trámites para a construción do centro e convoca un concurso de ideas por 174.000 euros que gaña o arquitecto vasco José Ramón Garitaonaindía.
Agosto 2007
A Vicepresidencia da Xunta convoca o concurso público para a construción do CEGADI por ata 9,05 millóns de euros confianciados polo programa europeo Interreg III.
A Xunta adxudicou as obras a finais de 2007 cun prazo de execución de ano e medio
Novembro 2007
A construtora Alcuba gaña o concurso cunha oferta de 8,7 millóns de euros. A este importe a Xunta engade 130.000 e 112.000 euros máis para a dirección e seguridade das obras. O prazo para o remate dos traballos é de ano e medio.
Maio 2008
Coas obras xa en marcha, o Consello da Xunta aproba o decreto de creación do Centro Galego de Desenvolvemento Integral, un espazo de "rehabilitación integral para persoas con discapacidade" con servizos como un centro de día con 71 prazas e unha área residencial para outras 38, ademais de dúas vivendas piloto para seis persoas e outras salas de diversos usos.
Setembro 2008
A Xunta acepta incrementar o orzamento das obras en 1,7 millóns de euros para atender un requirimento do Concello de Santiago sobre a necesidade de prazas de aparcamento en torno ao centro. A factura ascende aos 10,8 millóns.
Novembro 2008
Tras a caída de Lehman Brothers comezan as restricións de crédito bancario e a construtora Alcuba entra en concurso de acredores, do que non sairía ata 2011.
A construtora entrou en concurso de acredores e pediu dúas prórrogas para a entrega que a Xunta aceptou
Maio 2009
A construtora diríxese á Xunta, xa outra volta co PP á fronte, para pedirlle á nova Consellería de Traballo e Benestar, que dirixe Beatriz Mato, unha prórroga no prazo de entrega do CEGADI ata maio de 2010 para poder adaptar a área do soto ao terreo. Alega ademais un atraso na disposición de enerxía eléctrica.
Marzo 2010
A construtora pide á Xunta outra prórroga aludindo a imprevistos meteorolóxicos e a traballos de eficiencia enerxética. A Consellería volve aceptar e o límite pasa a ser o 31 decembro de 2010
O Consello Consultivo observou "ausencia de toda xustificación" no segundo sobrecusto, de 1,7 millóns
Novembro 2010
A construtora pide á Consellería un segundo modificado de crédito: quere engadir 1,7 millóns máis ao prezo para "mellorar as pretsacións enerxéticas do edificio". Benestar solicita o preceptivo informe ao Consello Consultivo, que observa "ausencia de toda xustificación" para o incremento de prezo porque a Xunta o argumenta cunha norma que non é de aplicación neste caso. Así e todo, o Consultivo di que o sobrecusto sería aceptable se non aprobalo pon en risco un centro "dirixido a un sector de poboación, os discapacitados, merecedor de especial protección".
Mediados de 2011
Reinicio das obras con previsión de remate no verán de 2012.
Comezo de 2013
Fin da obra e entrega á Xunta. A Consellería de Traballo e Benestar crea a a praza de dirección do CEGADI e reserva 990.000 euros nos seus Orzamentos para poñelo en marcha.
Outubro 2014
Ano e medio despois de recibir o edificio a Xunta revela, a preguntas da oposición no Parlamento, que as obras non culminaron absolutamente. Cómpre instalar un transformador eléctrico para que a posta en marcha do CEGADI non poñ en risco o subministro do gran número de vivendas construídas na zona nos últimos anos. Benestar asegura que o fará de inmediato.
Febreiro 2016
Ano e medio despois de anuncialo, a Xunta adxudica a obra do transformador por 166.000 euros.
Maio 2017
A Consellería de Política Social admite que o custo das obras do CEGADI está "cifrado en 13,2 millóns de euros" e anuncia que "comezará a prestar servizos de xeito paulatino ao longo deste ano".
Decembro 2017
Tras anos de peche e deterioro a Xunta realiza tarefas de mantemento no CEGADI, adxudica pola vía do contrato menor traballos eléctricos e de limpeza e traslada ao edificio servizos como os Equipos de Valoración de persoas con discapacidade e mais a sede da Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (FUNGA), ente con graves problemas de xestión.
Xaneiro 2018
A Xunta completa a mudanza de parte dos servizos de Política Social ao CEGADI, pero volve incumprir o último prazo de apertura do centro.
Setembro 2018
O consello da Xunta autoriza o convenio con COGAMI para prestar servizos no centro a persoas con discapacidade. O proxecto, segundo Feijóo, comezará antes do remate de 2018.