0 Gardados para despois

A Xunta volve incumprir a entrada en servizo dun centro de discapacidade de 13 millóns rematado en 2013

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A historia do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI) é un relato de atrancos, sobrecustos e atrasos. O concibido como un innovador espazo de atención a persoas con discapacidade, con 8.000 metros cadrados no barrio compostelán de Salgueiriños que incluían centro de día con 71 prazas e vivendas tuteladas con 38 máis, ten a súa orixe nunha cesión de terreos por parte do Concello de Santiago á Xunta de Manuel Fraga en maio de 2005, un mes antes das eleccións que o desbancarían do poder. O Goberno de coalición de PSdeG e BNG adxudicou en novembro de 2007 por 8,7 millóns de euros a edificación dun centro que a construtora non deu rematado ata comezos de 2013, ano dende o que estivo pechado mentres a Xunta incumpría cada un dos prazos anunciados para a súa apertura. O último prazo ofrecido ata o momento fora o dunha apertura parcial antes da fin de 2017, pero o centro comezou 2018 sen ofrecer os servizos para persoas con discapacidade para o que foi construído. Polo momento acolle unicamente unhas poucas dependencias administrativas da Consellería de Política Social.

Cunha factura total recoñecida pola Xunta de 13,2 millóns de euros, o Goberno galego defendeu durante 2017 que o CEGADI ía "comezar a prestar servizos para persoas con discapacidade de xeito paulatino ao longo deste ano". No entanto, isto non sucedeu no exercicio que vén de rematar, no que a Consellería si realizou operacións financeiras para comezar a equipar o centro. Concretamente, o 29 de novembro do pasado ano Política Social retirou 25.000 euros da partida que financia o funcionamento de "centros públicos para persoas maiores" e recolocounos para "atender os gastos de mantemento derivados da posta en marcha" do CEGADI, "correspondentes aos contratos de servizos". Ademais, nos Orzamentos Xerais de 2018 figuran 500.000 euros para este mesmo centro.

En novembro do pasado ano Política Social retirou 25.000 euros do orzamento de centros para maiores e recolocounos para a "posta en marcha" do CEGADI, onde polo momento só funcionan algunhas dependencias administrativas

Deses primeiros 25.000 euros xa saíron, cando menos, os fondos para financiar ata seis contratos menores -os que polo seu baixo importe a Xunta pode adxudicar directamente, sen concurso, e que o Goberno galego desvela durante só unha semana, para despois borralos- por algo menos de 12.000 euros. Un deles, de 1.351 euros, corresponde a unha empresa de limpezas e os cinco restantes foron todos para a división de servizos do Grupo OHL co concepto de "gastos de funcionamento".

O resultado desas primeiras adxudicacións é que tras media década de peche e degradación o CEGADI comezou 2018 con lixeiras variacións. Aínda que a maioría das súas enormes salas continúan baleiras, algúns dos despachos cos que conta xa teñen mobiliario e algún equipamento informático no que traballa persoal da Consellería. Os vidros da fachada que levaban anos escachados foron substituídos, as cristaleiras e os accesos foron limpados e nas portas de acceso colocáronse elementos como máquinas enfundadoras de paraugas para os días de chuvia. Nesta liña, esta mesma semana unha empresa de mudanzas que habitualmente presta servizos para a Xunta estivo a descargar material nas instalacións.

Camión de mudanzas que transportou material ao CEGADI, ante o centro nos primeiros días de 2018 / Praza Pública

Prórrogas e un sobrecusto cuestionado polo Consultivo

Como informou Praza.gal, a do CEGADI foi unha das obras que bateu co picazo da burbulla inmobiliaria e a restrición dos créditos bancarios. En 2008 a construtora adxudicataria do proxecto, Alcuba, entrou nun concurso de acredores que se estendeu por tres anos. Daquela a Xunta xa accedera a incrementar o importe total do contrato en 1,7 millóns para habilitar espazos de aparcadoiro no centro por solicitude do Concello. Cando o PP retorna a nova Consellería de Traballo e Benestar concedeu dúas prórrogas para o remate das obras -ata o 31 de decembro de 2010- e unha nova suba do importe por outros 1,7 millóns, concedida malia á oposición do Consello Consultivo, que observou "ausencia de toda xustificación". 

O edificio precisaba un transformador eléctrico para comezar a funcionar; a Xunta admitiuno en 2014 e non o mercou ata 2016

A suma do concurso arquitectónico do edificio, da adxudicación inicial e mais dos contratos de dirección e seguridade das obras ascendían xa a 12,5 millóns de euros -un sobrecusto do 40%- cando a construtora tivo as obras paradas practicamente un ano. Reiniciounas a finais de 2011 asegurando que as remataría no verán de 2012, aínda que finalmente non foi ata 2013. Así e todo, no outono de 2014 a consellería que daquela dirixía Beatriz Mato revelaba parcialmente, ao ser cuestionada no Parlamento, que o CEGADI aínda precisaba máis obras, concretamente a construción dun transformador eléctrico que dicía prever contratar a "principios de outubro de 2014" pero que non foi adxudicado ata febreiro de 2016, xa con José Manuel Rey Varela á fronte da nova Consellería de Política Social.

Este diario contactou en varias ocasións con Política Social durante o último mes co obxectivo de coñecer o novo calendario de posta en servizo do CEGADI e mais o destino concreto dos fondos orzamentados para a súa apertura. Polo momento, non obtivo resposta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.