0 Gardados para despois

A Xunta ten tres meses para non volver incumprir a apertura do centro de discapacidade pechado dende 2013

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Tres meses. É a marxe da que dispón a Xunta para non volver incumprir o seu propio prazo a apertura do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), o complexo de 8.000 metros cadrados para atención a persoas con discapacidade que, tras seis anos de obras que chegaron a acumular sobrecustos superiores ao 50%, permanece rematado e pechado dende 2013 no barrio compostelán de Salgueiriños. A Consellería de Política Social vén de informar ao Parlamento de que mantén o último horizonte que marcou para que o CEGADI entre en servizo, este ano 2017, porque é unha "prioridade". Faino, non obstante, sen aclarar se o centro abrirá total ou parcialmente, se a súa xestión será pública ou privada ou de canto orzamento dispón para esta finalidade.

O departamento que dirixe José Manuel Rey Varela vén de rexistrar na Cámara a resposta a unha pregunta formulada por En Marea o pasado maio a respecto das súas "intencións" para o CEGADI, toda vez que tras catro anos pechado o edificio xa presenta mostras obvias de deterioro e tendo en conta, ademais, que o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, o incluíu entre os "grandes proxectos" para Santiago que prometeu o pasado marzo durante unha xuntanza institucional co alcalde da cidade, Martiño Noriega. Como sinalara a pasada primavera a preguntas de Praza.gal, a Consellería mantén que prevé "proceder á súa apertura ao longo deste ano". Isto é, antes do remate de decembro.

Política Social di ao Parlamento que a apertura do centro que ten construído dende 2013  é unha "prioridade"

Nese mesmo documento Política Social admite que o edificio, cuxa construción foi aprobada en tempos do bipartito e rematou con Beatriz Mato como titular da área de Benestar do Goberno, está pechado dende hai case media década malia ser "o único de Galicia" que dispón de servizos de atención á discapacidade como "un equipamento domótico que o fai totalmente accesible". Ten ademais, debulla, dependencias como aulas, salón de actos, unha residencia con 32 cuartos, "vivendas adaptadas" ou "espazos abertos multifuncionais".

As obras do CEGADI acumularon sobrecustos superiores ao 50% e o seu custo superou os 13 millóns

O Executivo tamén recoñece que, como informou este diario, chegou a incluír a apertura do CEGADI no Plan de Discapacidade 2010-2013, se ben nun informe posterior matizou que esta non se podía "dar como executada" porque o edificio seguía pechado, aínda que si se realizaran trámites para abrilo, como a publicación da relación de postos de traballo do centro. Cando a vixencia dese plan rematou a Consellería elaborou outro, a Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020 e nel non incluíu o CEGADI porque, argumenta, "xa estaba previsto" no anterior plan.

Familiares de persoas con discapacidade volvéronse mobilizar neste mes para esixir a apertura do centro, tamén prometida por Feijóo o pasado marzo

Neste contexto, a Xunta asegura que porá en marcha o CEGADI antes de que remate o ano "a pesar da problemática xurdida durante a execución da obra", uns "obstáculos técnicos" que, afirma, foron "salvados" polo labor do propio goberno e o "esforzo do seu persoal". Aínda que non o especifica na resposta, esa "problemática" materializouse en dous modificados do contrato orixinal da construción, adxudicado en novembro de 2007 á construtora Alcuba por 8,7 millóns de euros. No ano 2008 un requerimento do Concello sobre a necesidade de prazas de aparcadoiro deu lugar ao primeiro, de 1,7 millóns. En 2010 a construtora pediu outro polo mesmo importe par "mellorar as prestacións enerxéticas" do edificio e, aínda que o Consello Consultivo observou "ausencia de toda xustificación" nesa operación, a Consellería autorizouna. O custo xa aumentara, daquela, en 3,4 millóns.

Cando a Xunta recibiu o edificio viuse obrigada a admitir que aínda cumpría unha nova obra, a construción dun transformador eléctrico que prevía adxudicar "a principios de outubro de 2014" pero que realmente non adxudicou ata febreiro de 2016 por importe de 166.000 euros. Todos os contratos ligados ao CEGADI suman xa 13,2 millóns de euros, segundo admite Política Social, cuxas explicacións a respecto de custo e prazos non convencen á oposición parlamentaria e tampouco ás familias da contorna de persoas con discapacidade da contorna compostelá que reclaman a apertura inmediata do centro. É o caso da ANPA do Centro de Educación Especial A Barcia, que neste setembro se volveu mobilizar ante o CEGADI co apoio do goberno local de Compostela Aberta e a presenza de edís de PSdeG e BNG.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.