0 Gardados para despois

Familias de persoas con discapacidade piden á Xunta abrir o centro construído e pechado dende 2013

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A Xunta terá que responder formalmente sobre as dilacións na apertura do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), o complexo de 8.000 metros cadrados de atención a persoas con discapacidade rematado e pechado dende 2013, cando finalizaron as obras tras acumularen múltiples atrasos e sobrecustos superiores ao 50%, ata os 13,2 millóns de euros. Como informou Praza.gal, o BNG prepara preguntas parlamentarias a respecto dun centro que tamén é obxecto de reclamacións do colectivo directamente máis afectado; nomeadamente, de familias de persoas con discapacidade na área da capital galega, que piden dende hai meses a apertura do "abandonado" CEGADI.

Esta petición, que se concretou a través de accións como unha recollida de sinaturas, partiu da asociación de nais e pais do Centro de Educación Especial A Barcia, que na actualidade ofrece atención e formación a case medio cento de rapaces e rapazas, algo menos da metade en réxime de internado. "As familias de persoas con discapacidade de Santiago e dos concellos colindantes vimos reclamando dende hai anos a necesidade dunha residencia pública para a atención integral dos nosos familiares", explican, xa que a contorna da capital galega "só conta cun centro residencial" con todas as prazas cubertas "e as listas de espera son de entre tres e cinco anos".

A ANPA do Centro de Educación Especial A Barcia denuncia a carencia de prazas de atención á discapacidade e lamenta que "un edificio ideal para este cometido" estea "abandonado"

Esta conxuntura, resaltan, xera "situacións alarmantes", cando "por exemplo, os pais dunha persoa dependente teñen xa unha idade avanzada e problemas de saúde" ou "deben desprazar o seu familiar lonxe" para que poida ser atendido. Todo isto sucede, lamentan, mentres un "edificio ideal para este cometido con máis de 8.000 metros cadrados", o CEGADI, "permanece abandonado aínda que xa se finalizou a súa construción". "Urxe que se habilite este centro residencial" ou, no seu defecto, "outro similar", din, nun contexto no que veñen sinalando como "urxente" o incremento de persoal educativo e asistencial no seu propio centro.

Reclamación do Concello

A petición das familias a respecto do CEGADI, sobre o que, lembra o voceiro do Bloque en Santiago, Rubén Cela, a Xunta lanzou "múltiples anuncios con prazos de apertura incumpridos", recibe tamén apoio do goberno local da cidade. O centro que a Xunta mantén pechado, lembran fontes municipais consultadas por Praza.gal, construíuse en terreos cedidos polo propio consistorio en 2005 por tratarse dunha "instalación básica non só para a nosa cidade, senón para todo o país".

O Concello santiagués lembra que o CEGADI foi construído en terreos municipais por ser "unha instalación básica non só para a cidade, senón para todo o país"

A ANPA da Barcia, sinalan dende o goberno local que encabeza Martiño Noriega, "demanda, e con razón, un centro específico para que os seus fillos e fillas poidan ter unha atención acorde coas súas necesidades", máis aínda porque a partir dos 20 anos o centro de educación especial xa non pode manter a atención "e son as familias e as asociacións as que se teñen que facer cargo de responsabilidades que son públicas, porque son de coidados e saúde. "As familias, en moitos casos, non poden facer fronte ás necesidades económicas, de tratamento, de coidado e psicosociais" que precisan esta spersoas.

Neste sentido, o Concello de Santiago coida que o CEGADI "pode dar solución a problmeas temporais de convalecencia" nas súas prazas residenciais -38, segundo o proxecto aprobado polo bipartito, ás que se unían 71 de centro de día e dúas vivendas piloto-, pero "sobre todo, ten que dar resposta ás necesidades que aparecen co envellecemento das persoas con discapacidade". "Ten que ser -agregan- un centro de referencia na atención integral" e comezar por dar resposta ás persoas atendidas no centro da Barcia que, subliñan, é "de titularidade autonómica".

A Xunta subliña o seu "compromiso"

Mentres a Consellería de Política Social segue sen ser quen de ofrecer un prazo certo de apertura do CEGADI tras desbotar o horizonte do primeiro semestre de 2017 -a preguntas deste diario indicou que prevén "comezar a prestar servizos" no edificio "de xeito paulatino ao longo deste ano- o seu titular, José Manuel Rey Varela, aproveitaba a pasada semana un acto de sinatura de convenios con entidades de atención á discapacidade -3,5 millóns distribuídos entre 11 federacións de asociacións encabezadas por COGAMI, con algo máis de 946.000- para subliñar o "compromiso" do goberno con este sector da poboación.

A Xunta, asegura Política Social, "continúa a apoiar as medidas necesarias para acadar o obxectivo da inclusión social, efectiva e real, das persoas con discapacidade a través da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020". O propio Goberno galego presenta esta estratexia como continuadora do traballo iniciado o Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade 2010-2013, documento que incluíu entre os seus obxectivos a posta en marcha do CEGADI.

Vista do CEGADI, no barrio compostelán de Salgueiriños

Detalle dunha das fachadas do CEGADI

Ramplas nun dos accesos ao edificio, con lixo acumulado nalgunhas áreas

Portas nos accesos traseiros do CEGADI

Valos de obra ao carón dos restos dos últimos traballos

Restos dos últimos traballos realizados no centro

Acceso traseiro do CEGADI

Indicadores de seguridade, no chan do CEGADI

Vidro escachado nunha das fiestras

Vista xeral dunha das fachadas

Equipamentos xa instalados no interior

Patios interiores do edificio

Mostras de deterioro nunha das fachadas

Estado do CEGADI

Edificio do CEGADI, centro da Xunta para atención á discapacidade rematado e pechado dende 2013

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O PPdeG di "non aspirar a dar 'paguitas' sociais" mentres a Xunta ten que aumentar os fondos para pagar a Risga

A finais do pasado marzo, apenas un mes despois da aprobación definitiva dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2017, a Consellería de Política Social víase obrigada a modificar o seu propio proxecto orzamentario. Fíxoo, como informou Praza.gal, porque viña de quedar sen cartos para atender 90 novas solicitudes da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), a axuda para persoas en risco de exclusión. O incremento duns 5 millóns a respecto das contas de 2016 non foi dabondo polo gran volume de peticións e o departamento de José Manuel Rey Varela tivo que inxectar 600.000 euros máis procedentes doutra partida, a destinada a sufragar fármacos de persoas sen recursos.

Este luns, poucos días despois de que Polítíca Social tivese que comunicar formalmente esa modificación orzamentaria ao Parlamento, a vicevoceira parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, analizou o contexto social e laboral do país durante unha entrevista na Radio Galega sobre política xeral. Aínda "hai moitas persoas que o están pasando mal e hai que axudarlles", admitiu Prado, que ubica esta axuda "por unha parte, no ámbito social", pero tamén "para que as empresas poidan xerar empregos", xa que "nós non aspiramos a dar paguitas sociais".

A Xunta quedou sen cartos para a RISGA un mes despois de aprobar o Orzamento e tivo que inxectar 600.000 euros máis

A xeración de emprego, sinala a parlamentaria, é "o máis digno", toda vez que os populares tampouco "aspiran" a que "a xente estea na casa e no paro con 400 euros". "Aspiramos a fornecer o noso sistema produtivo, a que haxa máis oportunidades" e a que "poidan ter un salario digno que os poermita vivir con dignidade, non unha paguita que ao final o único que pode xerar é moi pouco reforzo individual para esas persoas, que non se sente realizadas se non teñen un posto de traballo", indica a que fora edil de Servizos Sociais no Concello de Santiago durante a etapa de Conde Roa.

Paula Prado: "Nós non aspiramos a dar 'paguitas' sociais nin a que a xente estea na casa e no paro con 400 euros"

A referencia a unha axuda económica da Xunta como "paguita" xa fora empregada, non sen polémica, noutra ocasión por unha dirixente popular. Foi, concretamente, no verán de 2014, cando a daquela conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, explicou por que o seu departamento priorizaba a prestación de servizos ás persoas en situación de dependencia por riba das axudas económicas. Estes servizos, indicara a actual titular de Medio Ambiente, "supoñen un esforzo económico máis grande que facer chegar paguitas á familia".