O PP volve salientar o incremento de persoas perceptoras da RISGA como unha boa nova

Evolución do número de titulares da RISGA Dominio Público Praza Pública

“Cando chegou [Feijóo á Xunta] nesta comarca había 144 persoas cobrando a Risga, hoxe hai case cincocentas persoas cobrando a Risga”. Este mércores, o delegado do Goberno galego en Pontevedra e ex alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, quixo con esta frase louvar a xestión do PP no Executivo autonómico. Non é a primeira vez que os populares destacan como unha boa nova o incremento do número de galegos e galegas que perciben esta renda, síntoma da multiplicación da cantidade de persoas en risco de pobeza e exclusión ao longo da lexislatura.

Efectivmente, nos últimos anos creceu o número de persoas perceptoras, dado que o aumento de cidadáns e cidadás en situación de gran necesidade, por non ter ingreso ningún, tamén se incrementou. O número de titulares da RISGA permanecera estable en Galicia entre 1997 (3.927) e 2007 (4.178). Porén, dende ese ano ata o 2014 (último dato dispoñible) a cantidade máis que se duplicou, elevándose ata os 9.175, cun máximo de 9.300 en 2013. 

Dende as entidades que traballan en apoio das persoas en situación de pobreza, sinálase que este aumento é aínda insuficiente para dar cobertura ás actuais necesidades, tendo en conta que o 23,8% da poboación galega se atopa en risco de pobreza ou exclusión social e que unhas 130.000 persoas están en situación de exclusión social severa, segundo CáritasA pasada semana EAPN-Galicia (Rede Galega de Loita contra a Pobreza) demandaba "acadar a mesmo porcentaxe de persoas perceptoras da RISGA que Asturias (14,5 por cada 1000 habitantes)", fronte a unha taxa actualmente en Galicia de 4,2 por 1000. As entidades sociais tamén reclaman unha simplificación da burocracia e mellor coordinación entre admistracións, unha atención integral ao problema da exclusión e solucións aos novos perfís de pobreza.

  Mur And Ext Can CMa Val Cant CLe Gal Bal Ast Cat Ara Rio Mad Eus Nav
% rendas 0.17 0.66 0.12 0.28 0,06 0.24 0.79 0.42 0.42 0.2 1.45 0.33 0.55 0.69 0.31 3.4 1.48
% pobreza/ exclusión 44.9 42.3 39.8 37 36.9 34.7 27.4 26.1 23.8 23.8 23.4 21.8 20.7 20.1 19.2 15.3 14.5

% de titulares de rendas mínimas de inserción por comunidades (2013) e taxas de pobreza e exclusión social (2014). Fonte: INE e Ministerio de Emprego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.