As mortes coa COVID seguen en máximos da segunda vaga en Galicia mentres a incidencia do virus cae aos poucos

Manexo dunha mostra para a realización dunha proba PCR na área sanitaria de Santiago CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Como sucedeu a pasada semana e mais a anterior, no serán deste último luns, 16 de novembro, a Consellería de Sanidade notificou un alto número de falecementos de persoas que foran diagnosticadas como positivas por COVID-19. Son 17 mortes máis que entran este martes no cómputo oficial, aínda que non todas se corresponden coa última xornada, senón con varios días da pasada semana: dúas do mércores 11 de novembro, outras dúas do xoves 12, sete do sábado 15 e cinco, do domingo 16. Ademais, o Sergas corrixe o dato do día 13, que pasa de 9 a 8 falecementos.

Quince das 17 mortes agora computadas polo Sergas son notificacións adiadas de días previos e seis son persoas que vivían na residencia de Salvaterra e morreron no centro, que acumula unha vintena de falecementos de persoas contaxiadas

Alén destas notificacións atrasadas e dos axustes da serie, o certo é con estes dezasete novos falecementos son xa 138 as mortes que o Sergas liga oficialmente ao coronavirus no que vai de mes de novembro, 453 no que vai de segunda vaga e 1.086 dende que comezou a pandemia. Delas, ata 472 -o 43%- viviran en residencias de persoas anciás ou en situación de dependencia. É o caso de ata dez das 17 persoas cuxos falecementos confirmou Sanidade na última xornada, seis das cales viviran na residencia de Salvaterra do Miño e faleceron no propio centro. Nesa residencia, agora intervida pola Xunta, as mortes de persoas contaxiadas son xa unhas vinte.

Ademais destas seis persoas falecidas na residencia de Salvaterra (cinco mulleres de 85, 86, 87, 89 e 96 anos e un home de 80), Sanidade confirmou a morte, no hospital da Mariña, dunha muller de 96 anos procedente da residencia de San Cibrao, o falecemento no hospital Lucus Augusti dunha muller de 89 anos que vivira no centro San Salvador de Guntín e a morte dunha muller de 91 anos na residencia Nosa Señora dos Milagres, en Barbadás. [A Xunta defende a súa xestión nas residencias de maiores, a pesar das críticas de familias e traballadoras]

Alén destes centros, o cómputo oficial de falecementos ligados á pandemia pasa a incluír dúas mulleres de 90 e 96 anos que estaban hospitalizadas en Lugo, un home de 70 anos hospitalizado en Ferrol e un paciente de 78, en Ourense. Ademais, o Sergas contabiliza tamén os pasamentos de dous homes de 91 e 86 anos e dunha muller de 87 en centros hospitalarios de Vigo.

Descenso na incidencia tras unha semana con máis PCR

O Sergas suma 409 novos casos e, tras varias xornadas de certo freo, a incidencia acumulada a 14 días baixa do limiar dos 300 casos por cada cen mil habitantes no conxunto de Galicia

Mentres a media a sete días de falecementos segue roldando as dez persoas por xornada, produto en boa parte do forte empeoramento da situación durante o mes de outubro, as cifras de novos casos e con elas, a incidencia do virus, continúan descendendo aos poucos. O Sergas suma este 17 de novembro 409 novos casos rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, 388 diagnósticos mediante PCR e os restantes, casos positivos a través doutros test que Sanidade segue sen especificar.

A evolución das últimas xornadas permite que a incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) a 14 días siga moderándose e xa descenda dos 300 casos. Segue, en todo caso, en niveis máximos da pandemia e con notables disparidades entre áreas sanitarias tanto en evolución como en cifras absolutas. A maior incidencia acumulada a 14 días é agora a da área de Vigo (377), influída nos últimos días por brotes en residencias, e as menores rexístranse nas áreas de Ourense e Santiago (204 e 211), sometidas en ambos casos -especialmente a ourensá- a períodos prolongados de restricións.

Mentres isto sucede, a suma de altas de persoas contaxiadas durante o mes de outubro continúa contribuíndo a diminuír as cifras de "positivos activos", que quedan este martes en 9.060, cincuenta menos que vinte e catro horas antes. No que vai de mes de novembro, Sanidade sumou ata 8.740 "curacións" elevando a cifra total ata as 36.070, unha cifra na que se inclúen persoas diagnosticadas da COVID-19 xa recuperadas e tamén pacientes que deron positivo en test de anticorpos, pero non tiveron síntomas e nunca contabilizaran previamente como "casos activos".

Esta aparente moderación dos novos casos rexístrase nun contexto de relativa estabilidade no número de test PCR procesados polo Sergas. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, a pasada semana -a transcorrida do 9 ao 15 de novembro- foran procesadas 49.659 probas PCR pola sanidade pública galega. Son 810 máis que a semana anterior, pero unhas 8.000 menos que dúas semanas antes, cando o Sergas bateu o seu propio récord con máis de 57.000 nunha semana. Fóra desa excepción por riba, o incremento semanal na cifra de probas PCR vén sendo, como amosa o gráfico baixo estas liñas, unha constante durante semanas.

Malia ao lixeiro incremento de probas PCR na última semana, o número de positivos detectados baixou un chisco e tradúcese nunha moderación da positividade media, que agora rolda o 6,6%, aínda que con disparidades entre áreas sanitarias

Malia ao devandito incremento de probas PCR, con case 800 máis que a semana previa, o número total de novos casos do coronavirus detectados foi inferior: algo menos de 3.700 fronte a case 4.200. Esta é a razón pola que continúan diminuíndo -tamén aos poucos e con disparidades entre áreas sanitarias- as taxas de positividade. [A opacidade sobre o rastrexo ensombrece a mudanza nos protocolos da Xunta para atallar o coronavirus]

A positividade media a sete días sitúase este 17 de novembro para o global de Galicia no 6,66%, o dato máis baixo dende o 20 de outubro pero aínda por riba do limiar do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio. Por áreas sanitarias, non obstante, a situación segue sendo dispar: dúas delas, Vigo e Pontevedra, mantéñense nunha positividade media de arredor do 9% e a súa tendencia é a alza, como tamén o é a da área sanitaria de Ferrol, agora na contorna do 7,7% tras deter dende a pasada fin de semana a súa tendencia á baixa. 

Mentres, na banda contraria está agora a área sanitaria de Santiago, que logra que a súa positividade media descenda por baixo do 5% (4,8%). Faino tras unhas xornadas nas que, non obstante, tamén tivo influencia o alto número de probas utilizado no cribado realizado en Ribeira.

Segue a presión nos hospitais

O que continúa sen relaxarse de maneira significativa, cando menos de momento, é a presión da pandemia nos hospitais. Os 609 ingresos de persoas con test positivo do coronavirus notificados este martes polo Sergas (con datos do luns ás seis da tarde) supoñen un mínimo descenso (unha hospitalización menos) e, daquela, implican continuar en máximos da segunda vaga da pandemia.

Como en días anteriores, o maior número de persoas hospitalizadas con diagnóstico do coronavirus segue na área sanitaria da Coruña-Cee e a continuación, na de Vigo. Non obstante, a maior presión en termos relativos é a que padece agora a área de Ferrol, que xa tivo que desviar pacientes á de Lugo e que ademais continúa afectada por un brote da COVID-19 que afecta a persoal do hospital Arquitecto Marcide.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.