O novo pico da COVID segue sen baixar nos hospitais galegos mentres os novos casos se moderan

Probas PCR no cribado da COVID-19 do Sergas en Ribeira, desenvolvido do 12 ao 15 de novembro CC-BY-SA Sergas

Nos primeiros días de novembro, Galicia chegou a un novo pico nos principais indicadores epidemiolóxicos da pandemia do coronavirus, como a media semanal de novos diagnósticos mediante PCR (algo máis de 670), a incidencia acumulada a 14 días (case 350 novos casos por cada 100.000 habitantes) e mesmo falecementos, cunha media a 7 días de máis dunha decena de mortes por xornada. Nos días seguintes, boa parte deses indicadores emprenderon un descenso paseniño que aínda non chegan a un dos punto máis sensibles: os hospitais.

As 110 persoas diagnosticadas da COVID-19 que precisan asistencia na UCI supoñen outro máximo da segunda vaga da pandemia

As 610 persoas con test positivo do coronavirus que, segundo o Sergas, estaban ingresadas en hospitais galegos ás seis da tarde do domingo, día 15, supón manter niveis máximos de hospitalización nesta segunda -ou mesmo terceira- vaga da pandemia en Galicia. Sucede sobre todo nas unidades de coidados intensivos, con 110 doentes, un nivel que non se acadaba dende finais de abril.

A área sanitaria con máis carga hospitalaria ligada á COVID-19 segue sendo, en termos absolutos, a da Coruña-Cee, con 161 persoas ingresadas (31 na UCI) con test positivo. Pero, non obstante, a maior presión relativa continúa en áreas que abranguen menor poboación. Así, por exemplo, este domingo a axencia Europa Press confirmaba o traslado de cando menos un paciente ingresado na UCI dende a área ferrolá ata a lucense, onde o número de doentes con test positivo do coronavirus que precisan coidados intensivos é de apenas 5.

Moderación dos novos diagnósticos

Esta presión hospitalaria é froito, en boa medida, do empeoramento e aceleración continua da pandemia dende comezos de outubro e durante practicamente un mes ata que, nos últimos días, a suma de casos novos no conxunto de Galicia comezou a tender á moderación. Segundo Sanidade, nas vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do sábado 14 e a mesma hora do domingo, Galicia sumou 444 novos casos do coronavirus dos que 442 foron diagnósticos mediante PCR. A media diaria de casos novos a 7 días continúa así a tendencia descendente, na contorna do medio milleiro ao día.

O Sergas suma 444 novos casos e a media semanal de diagnósticos mediante PCR baixa ata a contorna dos 500 ao día mentres Sanidade confirma outras 7 mortes que elevan o total de falecementos ligados á pandemia ata os 1.069

Esta media duns 500 casos ao día na última semana supón continuar, non obstante, moi por riba do pico de casos detectado na pasada primavera, cando este indicador medio tocara teito na contorna dos 400. Tamén supera ata case duplicalo o que acabou sendo pico do verán, cunha media diaria a 7 días duns 270 novos casos , rexistrada a finais de agosto. Cómpre ter en conta, en calquera caso, que na primeira vaga eran procesadas moitas menos probas PCR que na actualidade.

Mentres os novos casos seguen dando sinais de freo, o empeoramento do pasado mes segue batendo nas cifras de falecementos, que chegan aos 1.069 tras a suma doutras sete mortes nas últimas vinte e catro horas. Segundo o Sergas, ata cinco destas persoas viviran en residencias de maiores e tres delas estaban hospitalizadas en Ferrol: unha muller de 90 anos procedente do centro As Fragas de Pontedeume, unha muller de 89 anos que vivira na residencia As Virtudes, tamén en Pontedeume, e unha terceira paciente de 97 anos da residencia San José (Narón).

Sanidade confirmou tamén a morte, no hospital do Salnés, dunha muller de 95 anos procedente da residencia DomusVi Ribadavia e doutra muller de 85 anos que vivira na residencia Nosa Señora dos Milagres (Barbadás). Alén das residencias, o Sergas tamén liga á COVID-19 a morte dun home de 94 anos na súa casa da Rúa e dun paciente de 93 anos no hospital Lucus Augusti de Lugo. [A Xunta defende a súa xestión nas residencias de maiores, a pesar das críticas de familias e traballadoras]

As altas de persoas contaxiadas en outubro baixan as cifras de "activos"

Mentres todo isto sucede, o total de "positivos activos", indicador que segue sendo a referencia para a Xunta -cando menos, en termos informativos- leva máis dunha semana a descender. A razón hai que buscala na devandita moderación de novos casos pero, sobre todo, na entrada no sistema de altas de persoas que se contaxiaran durante o mes de outubro.

Nos últimos sete días naturais con datos pechados (do 8 ao 14 de novembro) o Sergas sumou ata 4.363 "curacións" de persoas que deran positivo e en cinco deses días agregou máis de 600 altas. En todos eses días agás o venres, o número de altas superou a cifra de casos novos e por iso os positivos activos descenden.

Non obstante, como amosa o gráfico sobre estas liñas, os 9.110 positivos activos que Galicia rexistraba ás seis da tarde do pasado domingo supoñen continuar, polo momento, preto dos niveis máximos det oda a pandemia. Na actualidade, a área con máis casos activos en termos absolutos é a de Vigo, con máis de 2.300, seguida da área da Coruña-Cee, con máis de 1.800. De momento, tamén seguen por riba do milleiro de activos as áreas de Lugo (1.042) e Santiago-Barbanza (1.036).

Lento descenso da positividade media

Tras unha semana con máis de 48.000 PCR, a positividade media no conxunto de Galicia rolda o 7%

Tras unha semana na que foron procesadas en Galicia máis de 48.000 probas PCR (ata o domingo ás seis da tarde foran 48.139, o que apunta a que a cifra final será semellante á da semana anterior, que finalizou con 48.849, pero seguirá lonxe da previa, que con case 57.8000 supuxo tocar teito), a porcentaxe media diaria a 7 días dos test que dan positivo segue baixando aos poucos. Tras varias semanas na contorna do 8%, segue a achegarse ao 7%, nivel que o global galego xa acadou varios días da pasada semana e que supón continuar un dous puntos por riba do 5% que a Organización Mundial da Saúde marca como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio.

As cifras seguen sendo, non obstante, dispares en función das áreas sanitarias. A que menor positividade media presenta agora é a de Santiago (onde a cifra total de PCR aumentou nos últimos días por mor da realización dun cribado en Ribeira ao que acudiron máis de ), que segue baixando ata a contorna do 5,5%, e a continuación sitúase a área de Ourense, arredor do 6%. 

A positividade media diaria máis alta a 7 días é agora a da área de Pontevedra-O Salnés, onde os datos do domingo interromperon a senda de certa moderación ao superar o 23% de positividade e elevar o valor medio semanal por riba do 9%. Neste dato inflúe, non obstante, que nesta área foran procesado ata as seis da tarde do domingo un número inusualmente baixo de probas PCR, con apenas 163,

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.