Primeira semana con menos casos activos de coronavirus no ensino pero máis aulas pechadas

© Xunta

A Xunta non facilita datos de novos positivos senón só de persoas afectadas en cada momento, 1.247 este venres, 55 menos que unha semana antes

A que rematou este venres, segundo os datos facilitados pola Xunta este sábado, foi a primeira semana do curso lectivo na que se rexistraron menos casos activos de coronavirus entre o alumnado e o profesorado no seu remate que no seu comezo. O Goberno galego non facilita datos de novos casos senón só dos casos activos en cada momento, polo que as altas impiden coñecer o ritmo de novos contaxios. En todo caso, a semana finalizou con 1.247 casos activos no ensino, 55 menos que o venres da semana anterior e 51 menos que o luns, nunha redución progresiva ao longo dos cinco días lectivos.

Son xa 74 as aulas pechadas en toda Galicia, catro máis que ao comezo da semana

A caída de casos activos contrasta co aumento do número de aulas pechadas, que pasou de 71 o pasado venres e 70 o luns e foi aumentando ao longo da semana ata as 74 con que rematou. Por outra banda, só hai un centro pechado por completo, a escola infantil Golfiños de Lugo.

O CPR Apóstol Santiago de Vigo e o CEIP Fogar de Carballo son os centros máis afectados

O CPR Apóstol Santiago de Vigo e o CEIP Fogar de Carballo son os centros máis afectados, con oito aulas e 15 casos activos no primeiro caso e tres aulas e 28 casos activos no segundo. En Vigo hai outros catro centros educativos con máis de dez casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.