Segue a moderarse a ocupación hospitalaria, con catro doentes máis en coidados intensivos pero 26 menos en planta na cuarta xornada con máis PCR
A última xornada da pandemia do coronavirus en Galicia sumou dez novos falecementos, catro deles de persoas usuarias de residencias de maiores, e 662 novos casos ao rexistro total oficial do Sergas, dos que 640 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Un terzo dos novos positivos, 219, súmanse na área sanitaria de Vigo, onde vén de rexistrarse un brote de máis dun cento de casos no centro de maiores e discapacidade de Doral Residencias de Mos, lindeiro coa cidade.
As cifras de Vigo fan que o número de novos casos volva aumentar no global de Galicia pero sen dispararse a respecto das cifras da última semana, o que parecería estar a revelar unha relativa estabilización da segunda vaga.
A positividade das probas PCR segue arredor do 8%
A última xornada tamén supón a cuarta de toda a serie histórica con maior número de probas PCR realizadas, 9.003. As outras tres xornadas nas que tamén se realizaron máis de 9.000 probas dese tipo rexistráronse todas nas dúas últimas semanas. Pola contra, a positividade mantense desde mediados de outubro arredor do 8%.
O gráfico amosado xunto a estas liñas, elaborado cos datos da serie do Sergas por días naturais, non incorpora aínda a antedita cifra das 9.003 PCR por ser a ofrecida pola Xunta para o período que vai desde as 18 horas do xoves ás 18 horas do venres, pero permite en todo caso comprobar os picos máximos de probas realizadas nas últimas semanas.
Canto ás areas sanitarias, ademais do antedito aumento significativo de novos casos en Vigo, tamén é salientable a cifra de Lugo, con 115, o que supón case triplicar o número de novos casos da xornada previa.
Canto á atención sanitaria que requiren os doentes, son cen os que están en coidados intensivos, catro máis que na xornada anterior (no pico da primeira vaga foron 177). Pola contra, a hospitalización en planta volve baixar, con 26 casos menos, ata un total de 468. Por áreas sanitarias, a da Coruña e Cee segue a ser a que presenta maior ocupación, con 117 casos en planta e 24 en UCI.
En toda Galicia xa son 449 os casos activos en persoas usuarias de 29 residencias de maiores, 92 deles só no centro Doral Residencias de Mos, onde hai outras 17 persoas con discapacidade tamén afectadas
Canto ás residencias de maiores, o brote de Vigo fai que se dispare a incidencia da enfermidade nese tipo de centros. Se este venres eran 393 as persoas usuarias afectadas en 28 residencias de maiores de toda Galicia, este sábado a Xunta informa dun total de 449 casos activos en 29 residencias.
No centro de Doral Residencias de Mos os primeiros casos comunicados pola Xunta apareceron este venres, coa irrupción no listado de 12 usuarios e dous traballadores como casos positivos. Este sábado xa son 92 os usuarios afectados no centro de maiores, 17 os do centro de discapacidade e 32 os traballadores afectados, o que suma un total de 141 casos só nese complexo sociosanitario.