Galicia segue a incrementar as mortes e ingresos en UCI pola COVID, pero reduce os novos casos e porcentaxe de probas positivas

CC-BY-SA Praza Pública

O pico da segunda onda da pandemia de coronavirus semella ter chegado ao seu pico nos últimos días de outubro e primeiros de novembro, iniciando dende entón un lento descenso, no que aínda nos atopamos. Durante a última semana a cifra media de novos casos detectados sitúase lixeiramente por riba dos 500 positivos diarios (506,14), claramente por debaixo dos 662 que chegou a acadar o pasado 1 de novembro.

As restricións adoptadas nas últimas semanas están a producir un descenso no número de novos casos, que se sitúan lixeiramente por riba dos 500 positivos diarios

Nas últimas 24 horas rexistrouse un pequeno aumento con respectos aos días precedentes, con 625 casos diagnosticados a través de PCR. Porén, a cifra está igualmente por debaixo da rexistrada o xoves da pasada semana e cómpre ter en conta que mércores, xoves e venres son os días que adoitan presentar cifras maiores. Este dato, unido ao descenso que tamén leva días amosando a taxa de positividade (a porcentaxe de probas de detección que teñen un resultado positivo) permite concluír que a incidencia da enfermidade está a remitir en Galicia como consecuencia das medidas de precaución e restricións adoptadas nas últimas semanas.

Cando se produce un incremento no número de positivos e na incidencia, iso adoita traducirse algunhas semanas despois nun aumento nas hospitalizacións totais, posteriormente no número de camas UCI ocupadas e, finalmente, na cifras de mortes

Porén, non todos os indicadores están a presentar o mesmo comportamento favorable. As hospitalizacións e a cifra diaria de falecementos continúan en ascenso, reflectindo os aumentos no número de contaxios que se rexistraran hai unhas semanas. O paso dos casos de Covid-19 máis graves ao hospital prodúcese só uns días despois do inicio dos primeiros síntomas e, de igual xeito, os posibles ingresos nas unidades de críticos ou as posibles mortes chegan despois dun período aínda máis longo. Así, cando se produce un incremento no número de positivos e na incidencia, iso adoita traducirse algunhas semanas despois nun aumento nas hospitalizacións totais, posteriormente no número de camas UCI ocupadas e, finalmente, na cifras de mortes.

É o que está a suceder agora mesmo, cun incremento sostido no número de ingresos hospitalarios, aínda que este venres o número total descende lixeiramente. Pola contra, aumenta o número de camas ocupadas nas UCI, que chega a 96, a cifra máis elevada da segunda onda da pandemia, aínda que moi lonxe do pico acadado na primavera. De igual xeito, segue a incrementarse o número de falecementos de persoas que foron infectadas polo coronavirus. Son xa 1.046 mortes dende o inicio da pandemia, cun aumento de 7 nas últimas 24 horas. Son 157 falecementos nos últimos 15 días, máis de dez por día

Segundo os datos da Consellaría de Sanidade, Galicia presenta nestes momentos 9.532 casos activos de coronavirus, fronte aos 9.554 de onte. Mantense a tendencia á baixa, grazas ao incremento de 'curacións', é dicir, de persoas que pasadas un par de semanas deixan de dar positivo en coronavirus.

"Non debemos relaxarnos, sobre todo entre as nosas persoas máis próximas, as nosas familias", engadiu García Comesaña, que agradeceu á poboación o cumprimento das medidas aprobadas nas últimas semanas

Este venres, na rolda de prensa ofrecida polos responsables da Consellería de Sanidade despois da xuntanza do subcomité clínico, destacouse a tendencia que están a amosar os indicadores nas últimas semanas. "Temos razoables esperanzas de que esteamos nunha situación de estabilidade con tendencia ao descenso", sinalouse na rolda de prensa. Porén, fíxose un chamamento a "non baixar a garda". "Non queremos ser demasiado optimistas, porque non sería prudente", afirmou o conselleiro Julio García Comesaña, que fixo unha apelación a "se pacientes" porque a pesar das melloras, "isto vai seguir aínda bastante tempo". "Non debemos relaxarnos, sobre todo entre as nosas persoas máis próximas, as nosas familias", engadiu García Comesaña, que agradeceu á poboación o cumprimento das medidas aprobadas nas últimas semanas.

Galicia é, nestes momentos, a cuarta comunidade autónoma cunha menor incidencia do coronavirus, situada nos 300 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Tan só Canarias, Baleares e a Comunidade Valenciana presentan unha incidencia máis reducida. Esta incidencia, que vén descendendo nos últimos 10 días, foi reducíndose en todas as áreas sanitarias, pero nalgunhas a baixada foi máis rápida.

Esta incidencia, que vén descendendo nos últimos 10 días, foi reducíndose en todas as áreas sanitarias, pero nalgunhas a baixada foi máis rápida. En cambio, en Vigo os datos case non variaron

Asi, nas áreas sanitarias de Ferrol e Santiago, o número de novos casos positivos foi caendo con gran rapidez. Así, por exemplo, na área de Santiago a incidencia nos últimos 7 días baixou nunha semana de 157,8 -casos por cada 100.000 habitantes a só 89, De igual xeito, en Ferrol a evolución foi semellante, de 272 casos a 137. "Hai unha tendencia marcada, pero é cedo para considerar que a situación está resolta", indicou o Conselleiro de Sanidade.

En cambio, na área sanitaria de Vigo o descenso está a ser máis lento, manténdose unha situación moi semellante á que se rexistraba a pasada semana, cunha incidencia a 7 días de 174 casos, e por riba dos 400 casos nos últimos 14 días. 

A porcentaxe media de probas positivas na última semana sitúase en Galicia no 7,56%, despois de ter acadado o 8,27% hai seis días

Os datos de positividade en cada área sanitaria son un bo indicador na mellora da situación epidemiolóxica nos últimos días. A porcentaxe media de probas positivas na última semana sitúase en Galicia no 7,56%, despois de ter acadado o 8,27% hai seis días. Os datos en cada unha das áreas sanitarias foron tamén igualándose e aínda que Vigo e Pontevedra presentan as taxas máis elevadas, a cifra supera por pouco o 8% en cada unha delas.

Segue a facerse un gran número de probas PCR cada día e este xoves foron un total de 8.324. A media nos últimos días foi de 7.127, por debaixo iso si da media da pasada semana (8.334) e da anterior, tamén por riba dos oito mil tests diarios.

Nas residencias de maiores e de atención á discapacidade produciuse na últimas 24 horas un descenso no número de casos activos, que pasaron de 433 a 425 entre os e as residentes, e de 266 a 258 entre o persoal. No último día incorporáronse á conta oficial os positivos de 12 usuarios e 2 traballadores de DoralResidencias (Mos) e de 9 usuarios da residencia Virgen de Guadalupe (Mos); tamén os de 8 usuarios da residencia Nosa Señora das Virtudes (Pontedeume). 

Nos hospitais galegos, en cambio, a tendencia é aínda a contraria. O número total de pacientes Covid-19 hospitalizados é de 590 (96 en UCI e 494 no resto de unidades), fronte ás 604 de onte (514 e 90), un leve descenso que de momento non detén a tendencia de ascenso das últimas semanas, sobre todo nas UCI. A cifra de camas de UCI ocupadas por persoas cunha proba positiva de coronavirus non deixou de medrar nas últimas semanas, acadando o máximo desta segunda onda. Con todo, segue moi por debaixo do pico máximo acadado na primavera, e tamén moi lonxe da situación doutras comunidades autónomas.

A Coruña (24), Vigo (23) e Ourense (16) son as áreas sanitarias cun maior número de pacientes Covid nas UCI, cunha clara tendencia ascendente en Vigo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.