Entre o 1 e o 11 de novembro faleceron en Galicia, cando menos, 105 persoas que foran diagnosticadas como positivas por COVID-19. Tras a incorporación doutros 15 falecementos ao cómputo oficial do Sergas (8 das últimas vinte e catro horas, tres do martes día 10, unha do día 9, outra do 8, unha máis do día 6 e unha sétima, do 23 de outubro) o total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia chega ás 1.039.
En apenas once días de novembro faleceron máis persoas diagnosticadas do coronavirus que en todo o mes de setembro e máis da metade de todas as falecidas durante o mes de outubro. Destes 1.039 falecementos, 447 foron de persoas que viviran en residencias de maiores ou persoas con discapacidade.
Oito dos falecementos incorporados ao cómputo oficial son das últimas vinte e catro horas e outros sete, de varios días anteriores
Seis dos 15 falecementos agora notificados son de persoas que viviran en residencias. Tres (un home de 86 anos, unha muller de 87 e outra muller de 105 anos), viviran no centro Santa Olalla de Boqueixón e estaban hospitalizadas en Santiago. Outra muller de 90 anos morreu na residencia Nosa Señora das Virtudes (Pontedeume) e unha paciente de 92 anos morreu no hospital en Vigo procedente da residencia de Salvaterra. Ademais, Sanidade informa da morte no hospital dunha mulelr de 99 anos que vivira no centro La Saleta, en San Cristovo de Cea.
Alén das seis en residencias, Sanidade confirmou os falecementos doutras nove persoas contaxiadas. Trátase de dous homes de 88 e 78 anos hospitalizados na Coruña, un home de 84 anos ingresado en Ferrol, dous homes de 91 e 69 anos hospitalizados en Vigo e unha muller de 88 hospitalizada en Ourense. Ademais, morreron en cadansúas casas un home de 96 anos en Ferrol, unha muller da mesma idade en Santiago e un home de 94 en Boborás.
Sinais de freo nos novos casos e nas probas positivas
O número de novos casos segue en cifras inferiores aos das semanas previas, con 523 na última xornada, mentres a cifra de probas PCR volve ascender por riba das 8.000 en vinte e catro horas
Os devanditos falecementos seguen sendo, en boa medida, consecuencia do empeoramento da pandemia durante o pasado mes de outubro. Mentres, nesta segunda semana de novembro os principais indicadores semellan apuntar cara a un freo na súa expansión en varias áreas do país. Entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores, día 11, o Sergas computou 523 novos casos da COVID-19, todos eles diagnósticos mediante PCR nunha xornada na que o número de probas regresou de vez aos niveis máis altos da pandemia: 8.128 nesas vinte e catro horas.
Malia ao incremento progresivo no número de test tras o notable descenso en xornadas previas, as cifras ata o último día con datos completos (o martes, día 10) indican que a incidencia acumulada -casos novos por cada 100.000 habitantes- a 14 días continúa moderándose e, malia seguir en niveis máximos da pandemia, tende a baixar, pasando do 346 casos o pasado día 5 aos actuais 317.
A Xunta avanza posibles novas restricións na contorna de Bergantiños e Chantada porque "a situación é comprometida", se ben a ausencia de datos por concellos impide coñecer a evolución con máis precisión
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o comportamento por áreas sanitarias é máis dispar. O descenso máis claro e prolongado no tempo segue sendo o da área sometida a restricións máis severas dende hai máis tempo, a de Ourense. Tamén a incidencia a 14 días na área de Ferrol, que segue sendo a máis alta, emprendeu un claro descenso. De menor intensidade aínda que tamén claro é o descenso da área de Santiago, que non obstante se verá previsiblemente amortecido nos vindeiros días polo aumento de casos na contorna do Barbanza.
Mentres as áreas de Vigo e Pontevedra transitan polo que puidera ser un pico na incidencia a 14 días, as da Coruña-Cee e Lugo seguen sen emprender o descenso. Parte da explicación apuntábaa este xoves a Xunta a través do presidente, Alberto Núñez Feijóo, quen asegurou que "a situación é comprometida tanto en Carballo e na comarca de Bergantiños como en Chantada".
A Consellería de Sanidade mantivo contactos con concellos de ambas contornas para os que, segundo Feijóo, "é probable" que o subcomité clínico adopte restricións adicionais este venres, caso "dalgún peche na hostalería". Non obstante, a persistente negativa do Goberno galego a ofrecer datos a nivel municipal impide coñecer a situación con maior precisión. [Para non perderse: guía dos peches pola COVID que a Xunta impón ata decembro]
A positividade media diaria a sete días descende do 8%, pero con notable disparidade entre áreas
Neste contexto, mentres o gran número de altas (1.830 no que vai de semana, ata as seis da tarde do mércores) de persoas contaxiadas en outubro contribúe xunto coa moderación de casos novos a que descenda o número de "positivos activos" ata os 9.554 -aínda en niveis máximos da pandemia, pero 315 menos que un día antes-, a porcentaxe de probas PCR que dan positivo tamén fala, en termos xerais, dun certo enlentecemento. Pero con disparidades, tamén neste caso, entre áreas.
A positividade media diaria a 7 días para o global de Galicia logra xa descender do 8% e sitúase agora na contorna do 7,7%. Supón unha lixeira baixada nun contexto de estabilidade que aínda afasta a taxa do 5% sinalado pola Organización Mundial da Saúde como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio.
Por áreas sanitarias, a tendencia á baixa máis clara é a da que acadou maiores niveis nesta segunda vaga, a de Ferrol, que se sitúa agora nunha positividade media diaria a 7 días do 6,7%, practicamente a mesma que a área de Ourense e por baixo da de Santiago. Estas tres son agora as únicas que están por baixo do dato para o conxunto de Galicia.
Camiño por andar nos hospitais
Os hospitais seguen resentíndose polo forte empeoramento de outubro
Como acontece coas cifras de falecementos, a presión da pandemia nos hospitais tamén segue resentíndose do claro empeoramento da COVID-19 en Galicia durante o mes de outubro. Aínda que o número de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus descende un chisco (eran 604 ás seis da tarde do mércores, sete menos que un día antes), segue en máximos da segunda vaga tanto en termos totais como no que atinxe á ocupación das UCI, con 90 persoas. Cómpre ter en conta, ademais, que as persoas infectadas que pasan a dar negativo pero precisan seguir hospitalizadas desaparecen deste cómputo, polo que a presión ligada á pandemia adoita, en realidade, ser maior.
Por áreas sanitarias, a da Coruña-Cee continúa sendo a que acumula un maior número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID (147) pero, por segundo día consecutivo, a segunda xa non é a de Ourense senón a de Vigo, con 97. Na banda contraria continúan as de Lugo e Ferrol, con 58 e 56 persoas ingresadas con este diagnóstico nos seus centros hospitalarios.