Galicia aínda se resente do empeoramento da COVID en outubro con 15 mortes e máis ingresos mentres frean os novos casos

Mostras para probas PCR no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Os datos da evolución diaria da COVID-19 son unha foto fixa que cada vez require máis contexto. Nos últimos días, en Galicia vénse moderando a cifra de novos casos diarios -acompañada, tamén, dunha diminución das novas probas PCR- e o alto número de altas de persoas que se contaxiaron durante o mes de outubro (1.700 só entre o sábado e o luns por exemplo) contribúe a rebaixar o número de positivos activos, que este 11 de novembro -con datos do día 10- queda en 9.869, deixando atrás a barreira dos dez mil por segundo día.

Sete dos 15 falecementos computados polo Sergas correspóndense coa xornada do martes e outros 8, con días anteriores. Nos primeiros dez días de novembro Galicia sumou 91 mortes ligadas á pandemia

Pero o acontecido en outubro non só axuda agora a descender os activos. Ese aceleramento da pandemia durante todo o pasado mes segue traducíndose en mortes e presión hospitalaria. Nesta xornada entran na base de datos do Sergas outros 15 falecementos. Sete deles correspóndense coa última xornada (ata as seis da tarde do martes) e outras 8 son notificacións atrasadas de días pasados: 2 do pasado luns na área de Lugo, outras 2 do mesmo día na área de Ourense, 3 da área de Ferrol (unha do venres, dúas do luns) e unha máis da área da Coruña, tamén do luns.

Deste xeito, como amosa o gráfico sobre estas liñas, en apenas dez días de novembro o Sergas computou ata 91 falecementos ligados á pandemia. Sete dos quince falecementos agora coñecidos son de persoas que viviran en residencias de maiores. Dúas mulleres de 98 e 88 anos faleceron na propia residencia, a Nosa Señora dos Milagres e Barbadás, e unha terceira de 97 anos, do mesmo centro, morreu no hospital de Ourense.

Tamén viviran en residencias dúas mulleres de 94 e 84 anos que estaban ingresadas nos hospitais de Lugo e Burela, procedentes do centro Remanso de Paz da Fonsagrada e da residencia de San Cibrao (Cervo), respectivamente. Igualmente, vivira nunha residencia unha muller de 92 anos falecida no hospital en Ferrol e procedente do centro As Fragas (Pontedeume) e mais outra muller de 91 anos, no hospital do Salnés, onde chegou da residencia DomusVi Ribadumia

Alén dos centros de maiores, o Sergas confirmou a morte dunha muller de 54 anos diagnosticada por COVID-19 e hospitalizada en Ferrol, dous homes de 88 e 71 anos e unha muller de 66 en hospitais da Coruña, outra muller de 83 anos no hospital Lucus Augusti, un home de 88 no hospital de Ourense e outro de 72, no Clínico de Santiago. Por último, confirmou o falecemento doutro doente da COVID-19, de 84 anos, na súa casa de Fene.

Tres días por riba dos 600 ingresos

O nivel de ocupación das UCI con persoas con test positivo da COVID-19 segue sendo o máximo da segunda vaga da pandemia

O empeoramento de outubro tamén segue batendo, unha xornada máis, nos hospitais. Segundo o Sergas, ás seis da tarde do martes eran 611 (+2) as persoas ingresadas con test positivo do coronavirus, outro máximo da segunda vaga en termos globais e tamén nun dos puntos do sistema que máis preocupa, as unidades de coidados intensivos. Son, concretamente, 95 as persoas na UCI, as mesmas que o día anterior nun contexto no que, como adoito, cómpre ter en conta que a presión real da pandemia nos hospitais é habitualmente maior do que reflicten as cifras, toda vez que os pacientes que seguen ingresados tras daren negativo, desaparecen do cómputo.

Un día máis, a área sanitaria con máis persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus é a da Coruña-Cee, con 149 (24 na UCI), pero a segunda en termos absolutos deixa de ser Ourense e pasa a selo Vigo, con 95 (22 na UCI), unha máis que a área ourensá, onde seguen 15 persoas na UCI e outras 79 en unidades ordinarias. As áreas con menos persoas ingresadas oficialmente por esta razón seguen sendo as de Lugo e Ferrol, con 59 (5 na UCI) e 58 (8 na UCI), respectivamente.

520 casos novos, incidencia acumulada á baixa e positividade estable no 8%

Máis da metade dos novos casos rexístranse nas áreas sanitarias da Coruña e Vigo nunha xornada de incremento das PCR tras varios días á baixa

Mentres as consecuencias do aceleramento de outubro seguen sendo evidentes, os datos máis recentes seguen apuntando a unha tendencia ao freo dos principais indicadores de seguimento da pandemia. Os 520 casos computados polo Sergas entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes (515, diagnósticos mediante PCR) supoñen un incremento tras dous días por baixo dos 400 no marco dunha tendencia de certa estabilización.

Neste mesmo período de vinte e catro horas aumentou notablemente a cifra de probas PCR con relación aos días previos, volvendo superar as 7.000 en vinte e catro horas. Esta cifra xa se superara en varios días completos da pasada semana para despois descender -tamén en termos de días completos- por baixo das 6.000 o domingo e o luns. O martes, das cero horas ás seis da tarde, fixéranse unhas 4.200.

Máis da metade dos 520 novos casos situáronse nas áreas sanitarias máis poboadas, as de Vigo (150) e A Coruña-Cee (111). Por baixo dos cen, pero por riba do medio cento, están as de Santiago-Barbanza e Pontevedra mentres que Lugo e Ferrol non chegaron aos 40 novos casos.

A incidencia acumulada a 14 días sitúase en 328 positivos por cada 100.000 habitantes, á baixa pero aínda en máximos da pandemia en Galicai

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o menor número de casos novos computados (un indicador que depende do número de probas realizadas, pero tamén da maior ou menor circulación do virus) está a contribuír a moderar a incidencia acumulada a 14 días, isto é, o número de novos positivos por cada 100.000 habitantes. Ese indicador segue descendendo de maneira clara nas áreas de Ourense, Ferrol e Santiago, mentres apunta á moderación das demais. Este comportamento de cada área permite que inicie un lixeiro descenso para o global de Galicia e se sitúe, cos datos do último día completo (o luns, 9 de novembro) nos 328 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, daquela, aínda en niveis máximos da pandemia.

Ningunha área sanitaria baixa do 5% de positividade nas PCR dende mediados de outubro

Alén do número total de probas PCR realizadas, outra cifra relevante para observar a evolución da pandemia é a porcentaxe destas probas que dá positivo. En termos de positividade media semanal (a media diaria dos últimos sete días, que evita as distorsións de subas ou baixadas bruscas dun día concreto) este indicador segue na contorna do 8%. Por áreas sanitarias, a positividade media máis baixa segue nas de Santiago e Ourense, as máis próximas ao 5% marcado pola OMS como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio, pero aínda por riba.

A positividade media máis alta é agora a da área sanitaria da Coruña (8,88%) mentres que a área sanitaria de Ferrol, que chegou a roldar o 14% a finais de outubro, segue descendendo e mesmo case un chisco por baixo do global galego. Ningunha área sanitaria está por baixo do 5% dende mediados do pasado outubro.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.