A suma de 18 mortes de días previos fai que Galicia xa supere os mil falecementos ligados á COVID

A área sanitaria de Ourense é a que acumula, ata agora, un maior número de falecementos ligados á COVID CC-BY-SA Foto: Concello de Ourense | Montaxe: Praza Pública

En Galicia xa faleceron, cando menos, 1.009 persoas que foran diagnosticadas como casos positivos da COVID-19. Como sete días atrás, o luns 9 de novembro a Consellería de Sanidade notificou ata 21 novos falecementos que foron sumados aos rexistros oficiais da pandemia este martes, día 10. Non todos se produciran nas vinte e catro horas previas, 18 aconteceran entre o venres e o domingo e outras tres, o propio luns. Foron, daquela, 42 persoas falecidas en apenas cinco días, case unha vintena coñecidas con algúns días de atraso ao ser precisas, segundo o Sergas, comprobacións a respecto dos seus diagnósticos e notificacións posteriores que adoitan demorarse máis nas fins de semana.

18 das 21 mortes sumadas ao cómputo oficial do Sergas producíronse entre o venres e o domingo e as tres restantes, o luns

Deste xeito, o pasado domingo, día 8, pasa a ser o segundo da segunda vaga da pandemia con máis falecementos, un total de 13. A xornada con máis mortes oficialmente ligadas ao coronavirus desta segunda vaga segue a ser o 30 de outubro, con 15. Boa parte delas foron produto do gran incremento de contaxios do mes pasado que, como amosa o gráfico sobre estas liñas, mantén en ascenso as cifras medias semanais de falecementos.

Todas as áreas agás a de Santiago notificaron con demora algún falecemento nos últimos días

Seis dos falecementos coñecidos con atraso son da área sanitaria de Vigo, 4 da de Ferrol, 3 das áreas da Coruña e Ourense e un tanto na de Lugo como na de Pontevedra. Na de Santiago, atendendo aos datos xa corrixidos por Sanidade, non houbo demoras nestas notificacións durante os últimos días.

Ata nove das vinte e unha mortes que se incorporan aos rexistros oficiais son persoas que viviran en residencias da terceira idade. Catro (incluíndo 3 notificadas con atraso) son da área de Ourense: días mulleres de 87 e 93 anos que viviran nas residencias Nosa Señora dos Milagres (Barbadás) e Nosa Señora dos Anxos (Ribadavia) e dous homes de 85 e 72 anos do centro Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) e dos Milagres (Barbadás). 

Nove das 21 persoas cuxos falecementos veñen de ser notificados viviran en residencias de persoas anciás

Outros catro falecementos de residentes  nestes centros producíronse na área de Vigo: dous homes (91 e 78 anos) e dúas mulleres (91 e 85 anos) vivían na residencia de Salvaterra de Miño. O home de 78 anos finou no hospital e as outras tres persoas, na propia residencia, que está intervida pola Xunta. En hospitais desta área morreron, ademais, dous homes de 83 e 86 anos e unha muller de 91. O falecemento notificado pola área sanitaria de Lugo tamén é dunha persoa que vivira nunha residencia, un home de só 60 anos hospitalizado en Lugo e procedente da vivenda comunitaria Remanso de Paz, da Fonsagrada.

Catro falecementos en hospitais da Coruña (catro homes de 84, 98, 82 e 84 anos), outros catro en hospitais de Ferrol (dous homes de 74 e 81 anos e dúas mulleres de 84 e 89) e un máis dun home hospitalizado en Pontevedra (68 anos) pechan as mortes agora si computadas no rexistro do Sergas. Chégase así ao total de 1.009.

Positivos e probas PCR á baixa, pero positividade media estable no 8%

Estes datos de novos falecementos quedan confirmados nunha xornada na que Sanidade suma 383 novos casos do coronavirus correspondentes ás vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. É a cifra máis baixa en vinte e catro horas dende o 20 de outubro. Ata 350 destes novos positivos son diagnósticos mediante probas PCR, cuxo número tamén segue baixando e queda en 4.343 nas últimas vinte e catro horas, a menor cifra dende o 21 de outubro. [A hospitalización por COVID toca outro teito en Galicia mentres segue freando o número de positivos e probas]

O Sergas suma 383 novos casos, a cifra máis baixa dende o 20 de outubro, tras unha xornada con algo máis de 4.300 probas PCR, o menor número dende o 21 do mesmo mes

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, os datos por días completos pechados por agora ata o domingo, día 8, reflicten tamén esa tendencia á baixa nos novos casos e no número de probas PCR. Ese descenso na cifra de test prodúcese, non obstante, despois de que na semana anterior o seu volume chegase a tocar teito, con máis de 10.000 nun único día por primeira vez dende o comezo da pandemia en Galicia.

O descenso no número de casos, engadido á suma de numerosas altas de persoas que se contaxiaran durante o mes de outubro (425 na última xornada, ata chegar o total de "curacións" a 31.573) permite que a cifra de positivos activos baixe do limiar dos dez mil tras superalo por primeira vez dende o comezo da pandemia. Este martes queda, segundo Sanidade, en 9.952.

Alén dos casos novos, outro número que cómpre ler a continuación para observar a evolución da pandemia é o da porcentaxe de probas PCR que, alén do seu número absoluto, dan resultado positivo. Ao observarmos a media diaria dos últimos sete días, indicador máis estable e a salvo de variacións puntuais dunha xornada concreta, o certo é que o dato global galego se move dende hai unhas dúas semanas na contorna do 8%, con pequenas subas e baixadas que non supoñen que se dispare, pero tampouco que baixe.

Malia ao descenso no número de probas, a positividade media continúa na contorna do 8%

O indicador galego conxunto é moito máis estable que o das diferentes áreas sanitarias. Así, nos últimos días dúas delas, Santiago e Vigo, retoman a liña ascendente na súa positividade media diaria a sete días. Mentres, a da Coruña-Cee semella apuntar a unha certa estabilización e as de Ferrol e Ourense volven apuntar cara a abaixo. A maior positividade media é agora a da área viguesa, por riba do 9%, e a menor é a de Ourense, un chisco por riba do 6%. Todas están, de calquera xeito, por riba do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio. [A opacidade sobre o rastrexo ensombrece a mudanza nos protocolos da Xunta para atallar o coronavirus]

A carga hospitalaria pola COVID segue en máximos da segunda vaga

Os hospitais seguen sufrindo o impacto do empeoramento de outubro e as persoas hospitalizadas con test positivo soben ata as 609

A porcentaxe de probas que dan positivo é un bo termómetro da marcha da pandemia alén dos números absolutos de casos novos e as tendencias da hospitalización sono, se cadra, aínda máis. E o certo é que este 10 de novembro (con datos pechados ás seis da tarde do día anterior) Galicia marca outro máximo no número de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus nesta segunda vaga: 609 (+4) das que 95 (+1) están na UCI. Cómpre ter en conta, como adoito, que estas cifras reflicten só as persoas con test positivo e non recollen a pacientes que permanecen nos hospital tras pasaren a dar negativo.

Por áreas sanitarias, o maior número de hospitalizacións ligadas á pandemia continúa na da Coruña-Cee, segundo o Sergas, con 154 persoas das que 26 están na UCI. Séguea a de Ourense, con 103 (15 na UCI) e a continuación sitúase a de Vigo, con 93 (20 na UCI). As áreas cun menor número de persoas con test positivo do coronavirus ingresadas nos seus hospitais son agora Ferrol (54, 9 na UCI) e Santiago-Barbanza (62, 16 na UCI).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.