O Goberno galego elimina os límites de 50 persoas en xeral ou 25 nos concellos pechados que impuxo hai menos dunha semana e só ten en conta a porcentaxe de ocupación, despois de que varias dioceses lle pedisen explicacións e a de Ourense o vise inconstitucional
Menos dunha semana despois de ditar novas restricións fronte ao coronavirus que supostamente ían durar un mes, a Xunta vai xa pola terceira modificación das mesmas en tres ámbitos distintos, este martes ampliando a capacidade dos lugares de culto, que pasan a quedar como os únicos espazos sen cifra máxima de persoas que poden congregar senón só cunha porcentaxe máxima de ocupación, o que permitiría que as grandes catedrais poidan congregar a varios centos de fieis.
A primeira corrección das restricións publicadas no Diario Oficial de Galicia extraordinario do pasado mércores pola noite chegou este luns, cando nunha nova orde a Xunta pasou a permitir que os grupos de convivencia estable no traballo poidan tamén comer xuntos no comedor de empresa. O luns pola tarde a Xunta anunciou unha segunda corrección, publicada este martes no DOG, coa que agora permite ocupar todos os asentos do transporte público, no que prohibe comer e recomenda non falar. Pero tamén este martes, e sen anuncialo previamente, reduce as restricións para os lugares de culto.
O pasado mércores a Xunta estableceu que eses espazos non podían superar o 50% da súa capacidade, cun límite máximo de 50 persoas en xeral en toda Galicia e de 25 nos 60 concellos con peches perimetrais. Pero este martes o DOG elimina os límites máximos e deixa as restricións no 50% da capacidade en xeral e do 33% nos 60 concellos con máis restricións, engadindo que deberá garantirse en todo caso “o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros”.
A eliminación dunha cifra máxima favorece especialmente aos grandes templos, como as catedrais, e contrasta co resto de actividades reguladas pola Xunta, todas elas con límite máximo de persoas ademais de redución na porcentaxe de capacidade. Por exemplo, en grandes espazos comerciais, congresos, espectáculos públicos ou eventos deportivos en lugares pechados a cifra máxima de 60 persoas só pode ser elevada ata un máximo de cen persoas con autorización expresa da Xunta.
A Diocese de Ourense criticou que as restricións da pasada semana agora rebaixadas "lesionan o exercicio individual da liberdade relixiosa no ámbito comunitario sancionado na Constitución"
A redución das restricións aos lugares de culto chega despois de que varias dioceses pedisen explicacións á Xunta polas medidas do pasado mércores. Tras recibir aclaracións da Xunta, a de Santiago rogou aos seus sacerdotes que cumprisen as medidas e recen “pola saúde do noso pobo”, como tamén fixo a de Tui-Vigo. A de Mondoñedo-Ferrol, que as considera excesivas, di acatalas "non só por imperativo legal, senón, sobre todo, coa fin de contribuír ao ben da saúde". Pola contra, a de Ourense emitiu unha nota pastoral na que considerou que as restricións da pasada semana, agora rebaixadas, “lesionan o exercicio individual da liberdade relixiosa no ámbito comunitario (sancionado na Constitución Española, art. 16)” pero pedía cumprir esas determinacións establecidas “por imperativo legal” e “en solidariedade co persoal sanitario e con aqueles sectores sociais que están a sufrir as consecuencias destas restricións”. Porén, tanto as restricións da pasada semana como a modificación deste martes indican expresamente que "non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa".