A hospitalización por COVID toca outro teito en Galicia mentres segue freando o número de positivos e probas

Atención sanitaria en instalacións de urxencias dun hospital galego CC-BY-SA Xunta

Entre as seis da tarde do sábado, 7 de novembro, e a mesma hora do domingo, o Sergas sumou 399 novos casos do coronavirus. Deles, 395 foron diagnósticos mediante proba PCR. É a menor cifra de novos positivos en vinte días nunha xornada na que, ademais, a suma de ata 486 altas de persoas que se contaxiaran nas semanas de outubro con fortes incrementos de contaxios permite baixar a cifra de "positivos activos" en 94, ata os 10.015.

Os 399 novos casos son a cifra máis baixa en vinte días mentres tamén descende a cifra de test PCR, se ben a correlación entre ambos indicadores non é a mesma en todas as áreas sanitarias

Eses números disparados do pasado outubro seguen aínda impactando con forza mentres os principais indicadores da evolución da pandemia tenden agora a frear. Frean os casos novos, pero tamén frea o número de probas PCR realizadas. Nas devanditas vinte e catro horas foron 5.779, a menor cifra nunha xornada nas últimas dúas semanas para pechar unha semana (do luns 2 ao domingo 8) na que o número de PCR foi case un 20% inferior ao da anterior, cando con máis de 57.700 o Sergas atinxiu máximos dende o inicio da pandemia.

Neses sete días -os datos do domingo chegan polo momento ata as seis da tarde-, daquela, diminuíron as probas e tamén o total de diagnósticos nunha proporción semellante para o conxunto de Galicia (3.900 fronte a 4.600 da anterior semana, un 15% menos). Non obstante, esa correlación non se dá de maneira idéntica en todas as áreas sanitarias, como amosa o gráfico baixo estas liñas.

Nas áreas de Lugo e Vigo foron diagnosticados máis novos positivos na última semana que na anterior malia procesaren menos probas PCR

O número de probas PCR procesadas descendeu en todas as áreas a respecto da anterior, pero en dúas delas foron rexistrados máis diagnósticos que nos anteriores sete días. É o caso da área de Lugo, onde as probas PCR descenderon case un 12% e os casos novos aumentaron case un 4%, e tamén da área de Vigo, con case un 8% menos de probas e un 12% máis de diagnósticos. 

Mentres, na área de Ourense e, en menor medida, na de Santiago-Barbanza, a diminución de probas e diagnósticos si acada proporcións semellantes. Cómpre ter en conta, en calquera caso, que cada paciente precisa máis dunha PCR e, ademais, que a existencia de brotes moi localizados (por exemplo, nunha residencia de maiores) incrementa a cifra de probas sen que, necesariamente, a capacidade xeral de diagnóstico sexa maior. [A opacidade sobre o rastrexo ensombrece a mudanza nos protocolos da Xunta para atallar o coronavirus]

Outro máximo da segunda vaga nos hospitais

O empeoramento de outubro segue tendo a súa repercusión nos hospitais, aos que a aceleración de contaxios adoita tardar en chegar máis dunha semana e onde as eventuais melloras se perciben aínda con maior lentitude. As 605 (+33) persoas con test positivo da COVID-19 que, segundo o Sergas, estaban ingresadas este domingo nos hospitais galegos supoñen outro máximo da segunda vaga en xeral e especialmente nas unidades de coidados intensivos, con 94 persoas, a maior cifra dende finais de abril (cando, non obstante, aínda non estaba en vigor o actual protocolo de datos do Ministerio de Sanidade).

Os falecementos ligados á pandemia chegan aos 988 tras computar o Sergas outras sete mortes

Por áreas sanitarias, igual que nos últimos días a que acumula un maior número de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus é a da Coruña-Cee, con 157 (+12) seguida da de Ourense, que segue soportando maior presión relativa cun total de 107 (+3) persoas ingresadas por esta razón e a ocupación das UCI á alza. Na área de Vigo o total de persoas hospitalizadas mantense estable en 85 e no resto aumenta levemente agás na de Lugo, con 7 menos e un total de 58.

Como acontece coa propia presión hospitalaria, o empeoramento das semanas previas segue reflectíndose tamén nas cifras de falecementos ligados á pandemia. As cifras do Sergas chegan este luns a 988 mortes tras computar outras sete. Tres delas viviran en residencias de maiores: dúas mulleres de 92 e 89 anos procedentes da residencia San Cibrao de Cervo e unha muller de 89, ingresada en Ourense e procedente da residencia Nosa Señora dos Milagres (Barbadás). En Ourense morreu tamén outra muller de 82 anos e no Barco de Valdeorras, un home de 80. O Sergas notificou ademais dous falecementos no complexo hospitalario de Pontevedra: un home de 76 anos e unha muller de 88, especificando desta última que non padecera "patoloxías previas" .

Incidencia acumulada á baixa, pero en máximos da pandemia

O freo no incremento de novos casos agudizouse na última semana, pero nalgunhas áreas vén xa da anterior, cando a cifra de probas PCR marcou máximos dende o comezo da pandemia. Esa desaceleración percíbese xa tamén na incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada 100.000 habitantes) para o global de Galicia. Tras dar sinais de moderación en xornadas previas, os datos do último día completo -polo momento, o sábado 7- sitúana no que pode ser un pico na contorna dos 345 casos e mesmo trazando un leve descenso, cara aos 340, que en calquera caso supón manterse en niveis máximos da pandemia.

Á moderación da incidencia acumulada para o global de Galicia segue contribuíndo a área sanitaria de Ourense, que continúa trazando unha liña descendente tras superar, a mediados de outubro, os 470 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días. Máis arriba aínda chegou a incidencia a 14 días na área de Ferrol, con case 600 nos primeiros días de novembro. A área ferrolá tamén comeza, aínda que máis timidamente, unha liña descendente neste indicador.

A positividade segue no 8%

Alén dos casos novos e do número total de probas, outro indicador relevante que cómpre non perder de vista é a porcentaxe de test PCR que dan positivo. Para a Organización Mundial da Saúde, un territorio pode dar por controlada a pandemia cando este indicador baixa do 5% e, un día máis, Galicia segue na contorna dunha positividade media diaria do 8% na última semana. Non obstante, os datos do domingo ata as seis da tarde e os das vinte e catro horas do sábado, ambos por baixo do 8%, permiten aventurar que, de seguir a tendencia, nos vindeiros días Galicia podería comezar a debuxar unha liña levemente descendente.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a liña máis claramente á baixa en positividade media diaria é agora a da área de Ferrol, que así e todo segue por riba do dato global galego, o mesmo que as áreas da Coruña, Pontevedra, Vigo e Lugo. Por baixo do dato galego están as áreas de Ourense e Santiago, que así e todo nos últimos días deixaron de descender cara ao 5% de positividade media diaria para volvendo ascender, aínda que a menor velocidade que durante o mes de outubro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.