Na última semana expedíronse unha vintena de compostelas diarias na Oficina do Peregrino e Feijóo di seguir confiando no “éxito” do Xacobeo 2021, para o que agora encarga campañas de promoción por 7,9 millóns de euros
Ás tres da tarde do venres 30 de outubro as entradas e saídas de Santiago, como no resto das cidades galegas, foron restrinxidas polo coronavirus a unhas poucas excepcións, un peche perimetral que hai unha semana foi ampliado a todos os concellos circundantes. Porén, dúas semanas máis tarde do peche da cidade os peregrinos seguen chegando a Compostela, a un ritmo nas últimas xornadas dunha vintena ao día, amparados supostamente nunha desas excepcións, a que permite o retorno ao lugar de residencia, interpretando para o caso da peregrinación que esa volta xa estaría planificada a través da capital galega. Igualmente, está permitido o tránsito por concellos pechados se o lugar de destino é outro concello.
Segundo os datos da propia Oficina do Peregrino, nas primeiras xornadas de novembro expedíronse arredor de 40 compostelas ao día, cifra que nos últimos días sitúase arredor de 20 diarias. Como exemplo, o mércores desta semana expedíronse 21 compostelas, o xoves 14 e este venres 18.
A Oficina do Peregrino mantense aberta e así seguirá, segundo informa, todos os días de 10.30 a 18.30 horas e a súa capela albergará diariamente a Misa do Peregrino (ás 12.00) e outro oficio máis en inglés (ás 10.30) polo peche a partir deste domingo 15 de novembro da catedral polas obras de restauración que se están a realizar nela. Eses traballos entran agora na fase de retirada de estadas e “acondicionamento dos espazos para a súa reapertura, de cara aos actos litúrxicos de inicio do próximo Ano Xubilar”.
“Calquera persoa que estea facendo o camiño, e que poida acreditalo con selos, pode entrar e durmir en Santiago”, confirma a Xunta
Hai dúas semanas, tras o peche das cidades, a Xunta informou a varios medios de comunicación de que os viaxeiros e peregrinos poderían continuar a súa estancia en Galicia sempre que non se desprazasen a concellos pechados e, no caso dos peregrinos, indicou que poderían pasar en tránsito por eses concellos pechados para seguir co seu traxecto e mesmo entrar en Santiago e durmir na cidade como paso previo ao retorno ao seu lugar de residencia. Este diario preguntou este xoves á Xunta se aquela explicación segue sendo válida, e así o confirma sinalando que “calquera persoa que estea facendo o camiño, e que poida acreditalo con selos, pode entrar e durmir en Santiago”.
Como contexto, a ritmo lento, unha peregrinaxe a pé percorrería en dúas semanas polo camiño francés ata Santiago a distancia existente desde León. Por outra banda, a normativa consolidada de restricións recompilada pola Xunta non inclúe ningunha referencia á peregrinación e contempla como excepcións á posibilidade de entrada ou saída dos concellos pechados o “retorno ao lugar de residencia” así como “a circulación en tránsito” con destino a outros lugares.
Este mesmo xoves o presidente Feijóo foi preguntado pola posibilidade de que persoas procedentes de fóra de Galicia poidan entrar no país mentres os galegos non se poden mover libremente por todos os concellos. Feijóo respondeu que “se unha persoa vén a Galicia, ten que cumprir a normativa que temos os galegos, se vén a Vigo non pode ir a Baiona”, e engadiu posteriormente que “se unha persoa vén a Santiago, e chega ao aeroporto de Santiago, non pode saír da área perimetral de Santiago”.
Feijóo segue sen conseguir que a Igrexa acepte a súa proposta de estender o Ano Santo ata 2022
Porén, esa persoa só podería entrar en Vigo ou en Santiago, cidades pechadas, se cumpre algunha das excepcións previstas, mentres que a entrada a Baiona, como ao resto de concellos sen restricións, é libre. A normativa, como no caso dos peregrinos, tamén permitiría a circulación en tránsito por concellos pechados como Santiago ou Vigo se o destino final desa persoa é un concello non pechado.
Na rolda de prensa deste xoves, Feijóo volveu evidenciar a súa confianza no turismo e o Xacobeo para a recuperación económica de Galicia. Fíxoo ao anunciar 7,9 millóns de euros para campañas de promoción dentro dun acordo marco de publicidade para “cinco campañas de impacto autonómico e nacional” sobre o Xacobeo 2021, que augurou que será igualmente un “éxito”. Porén, aínda non conseguiu que a Igrexa acepte a súa proposta de estender o seu Ano Santo ata 2022.