Ata o pasado febreiro, o ano 2020 ía estar marcado no Goberno galego por dous elementos: as eleccións e a preparación do Xacobeo 2021, o inicio do "Xacobeo dos 5.000 días", precedido por varios anos de sucesivos récords no número de peregrinos chegados a Santiago a través das diversas rutas do Camiño. Para ese ano, a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, empresa pública dependente da Xunta, manexaba unhas plácidas expectativas económicas que bateron, como tantas outras, contra a pandemia. Tanto que o propio Goberno galego vén de botar man do fondo de imprevistos para tapar un buraco de 1,2 millóns nos seus ingresos.
O Goberno galego xustifica a necesidade desta inxección de fondos na S.A. do Xacobeo para compensar a "perda de ingresos por motivo da COVID-19" e poder afrontar "gastos correntes"
Os orzamentos da sociedade do Xacobeo para 2020 trazaban liñas ascendentes en todos os seus indicadores. Así, prevía contar cuns ingresos duns 2,4 millóns de euros a través da rede pública de albergues, cantidade que se elevaría ata arredor dos 3,3 millóns en 2021. Tanto é así que mesmo preveu que a subvención anual de explotación que recibe da Xunta diminuíse levemente, nuns cen mil euros: de 3,1 millóns en 2019 a 3 millóns en 2020.
Pero a pandemia alterou estes plans do Xacobeo, que ten uns gastos de persoal duns 887.000 euros anuais para atender os salarios das 17 persoas que integran o seu plantel nun orzamento no que a partida de "reparacións e conservación" é a máis cuantiosa, duns 4 millóns de euros. Os ingresos do Xacobeo non abondan para afrontar os gastos correntes e o Goberno tapa o buraco recorrendo ao fondo de imprevistos, que tivo que ampliar moi notablemente dende comezos de ano para atender toda caste de gastos ligados directa ou indirectamente á COVID-19.
A sociedade do Xacobeo tiña previsto ingresar 3 millóns da Xunta e uns 2,4 da rede de albergues
Segundo consta nunha modificación orzamentaria tramitada o pasado setembro pola Axencia Turismo de Galicia -dependente na pasada lexislatura da Consellería de Cultura e na actual, da Vicepresidencia primeira-, este departamento absorbeu os devanditos 1,2 millóns do fondo de imprevistos do Goberno galego e despois recolocounos na Sociedade Anónima do Xacobeo.
A finalidade desta transferencia, segundo consta no expediente remitido ao Parlamento, é compensar a "perda de ingresos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo por motivo da COVID-19". Os cartos ingresados a maiores, confirman, atenderán "gastos correntes" da S.A.
Ata finais de agosto chegaran a Santiago uns 36.000 peregrinos; no mesmo período do ano anterior foran máis de 254.000
Aínda que o expediente non ofrece máis detalles sobre a causa desta caída de ingresos, os devanditos orzamentos e tamén as auditorías das contas da sociedade do Xacobeo en anos pasados ofrecen pistas sobre a súa orixe que apuntan aos albergues. Así, por exemplo, no ano 2018 (último dispoñible) os albergues supuxeron 1,8 millóns en ingresos para a sociedade, que ademais obtivera outros 17.000 euros por alugueiros de espazos e case 30.000 por "servizos diversos".
Á espera de coñecer as cifras reais deste 2020, o peche dos albergues durante o período de confinamento da pasada primavera e as limitacións coas que tiveron que funcionar durante o verán son elementos que desviarán notablemente os seus ingresos con relación ao previsto. Non en van, estes establecementos públicos (coma os privados) están directamente afectados pola histórica caída no número de peregrinos que se dirixen a Santiago.
Segundo datos da Oficina do Peregrino, ata o pasado agosto selaran a súa Compostela na capital galega algo máis de 36.000 persoas. No mesmo período de 2019 foran algo máis de 254.000 e ese ano finalizou con máis de 300.000 peregrinos, case un 30% máis que no exercicio previo.