De Xelmírez a Feijóo: o presidente 'reinaugura' a catedral de Santiago 800 anos despois da súa construción

Comunicado oficial na web da Xunta que dá conta da 'reinauguración' da catedral de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

O titular da Xunta salienta como “inaudito” o “feito histórico que supón reinaugurar a catedral” tras as obras de restauración dos seus principais elementos, que chegan agora ao seu remate

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou este sábado “o feito histórico que supón reinaugurar a catedral de Santiago 800 anos despois da súa construción”, segundo salienta o propio Goberno galego nun comunicado. “É algo inaudito”, dixo segundo a nota de prensa oficial, durante unha visita ás obras de restauración do templo que chegan agora ao seu remate. Uns traballos nos que salientou a participación da Xunta e outras administracións para asegurar que “todos aqueles que axudaron a que a catedral recobrara o seu esplendor xa forman parte da historia de Galicia”, abundou.

Feijóo visitando as obras de restauración da catedral de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

“Todos aqueles que axudaron a que a catedral recobrara o seu esplendor xa forman parte da historia de Galicia”, di Feijóo

O presidente compara así as obras de rehabilitación da catedral que se veñen realizando nos últimos anos coa propia construción e ampliación do templo ao longo de varios séculos, fundamentalmente co impulso orixinal no século XII do arcebispo Diego Xelmírez. Unhas obras de restauracións que agora afrontan a súa recta final coa retirada das estadas do interior “para abrir a Porta Santa e iniciar o Xacobeo 2021 o próximo mes”, traballos que obrigan a pechar temporalmente o templo a partir desta fin de semana “para volver a abrir en todo o seu esplendor”.

Durante os últimos anos, e ao longo de varias fases, a Fundación Catedral, o Cabido, o Concello e a Xunta veñen desenvolvendo actuacións nas diversas fachadas, as cubertas, o Pórtico da Gloria ou o altar maior no que o presidente cualificou como “un éxito de xestión e un éxito técnico”.

Feijóo na visita ás obras de rehabilitación da catedral de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.