"Estabilidade da segunda vaga con certa tendencia á baixa". Así sintetiza a dirección xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade a marcha actual da pandemia de coronavirus en Galicia e así o reflicten os seus principais indicadores. O Servizo Galego de Saúde sumou entre as seis da tarde do luns, día 23, e a mesma hora do martes 24 un total de 531 novos casos (521 deles, diagnósticos mediante PCR). É un incremento tras dúas xornadas por baixo dos 400 (cifra condicionada polo habitual descenso de probas na fin de semana) que mantén a media semanal de diagnósticos na contorna do medio milleiro.
O Sergas suma outros 531 casos do coronavirus a apenas dez días do horizonte marcado pola Xunta para avaliar se cómpre manter de maneira xeral as restricións impostas co obxectivo declarado de "resetear" o sistema sanitario e "salvar a campaña de Nadal"
Constátase, daquela, que continúa o estancamento a apenas dez días de chegar ás datas sinaladas polo Goberno galego como horizonte para avaliar o mantemento xeneralizado das restricións impostas a principios de novembro coa intención declarada de "resetear" o sistema sanitario e "salvar a campaña do Nadal", en verbas do presidente da Xunta. Polo momento, alén das modificacións puntuais que estarán en vigor dende as cero horas do día 26 -levantamento do peche en oito concellos e aplicación deste en Moaña-, as sete principais cidades e as súas contornas continúan baixo peches perimetrais, cos encontros limitados a conviventes e a hostalería pechada, entre outras restricións [Mapa das restricións pola COVID-19 en Galicia, concello a concello].
O cómputo oficial suma 9 mortes, tres delas das vinte e catro horas previas, e o total elévase ás 1.170
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, tras a pronunciada baixada nos primeiros días de novembro, a actual vaga da pandemia transita por unha caste de meseta mentres, non obstante, o empeoramento das semanas previas continúa traducíndose en falecementos. O cómputo oficial recolle este 25 de novembro nove mortes máis, tres das últimas vinte e catro horas e outras seis, de días anteriores. O total chega xa ás 1.170.
Dúas destas persoas procedían de residencias de maiores ou dependentes: unha muller de 94 anos hospitalizada en Lugo e residente do centro San Salvador (Guntín) e unha muller de 90 anos ingresada en Vigo, pero procedente dun centro de discapacidade. Ademais, Sanidade confirmou a morte dun home de 86 anos tamén hospitalizado en Vigo, un paciente de 64 anos, outro de 77 un terceiro de 87 anos no CHUAC coruñés, outro home de 87 anos no Clínico de Santiago e un doente de 73 anos no hospital de Ourense. Asemade, confirmou a morte no seu domicilio dunha muller de 88 anos de Fene.
Incidencia a 14 días lentamente á baixa e con disparidades por áreas
Estes datos rexístranse nun contexto no que a incidencia da COVID-19 a 14 días (novos casos por cada 100.000 habitantes) se mantén lentamente á baixa para o conxunto de Galicia, pero aínda na contorna dos 266 casos, lonxe dos 255 acadados a principios de novembro, pero aínda máis lonxe dos apenas 100 de principios de outubro, limitar que Sanidade considera máis acaido para -en combinación con outras variables, como a presión nos hospitais-, valorar un eventual levantamento máis amplo das restricións. Esta incidencia e a súa evolución é, non obstante, dispar por áreas sanitarias, comarcas e mesmo concellos.
A incidencia acumulada a 14 días sitúase nos 266 casos por cada cen mil habitantes para o global de Galicia, pero con notables disparidades por áreas sanitarias, comarcas e mesmo concellos
O mapa de incidencia que -aínda que con algunhas limitacións- agora si é posible construír a partir da información publicada pola Xunta segue amosando con claridade a montaña lucense, as áreas surorientais da provincia de Ourense ou zonas da Mariña Occidental como as contornas con menor impacto actual do virus e diversos concellos sen casos novos rexistrados nas últimas dúas semanas.
Na banda contraria seguen municipios como Guntín, Mos ou Vilalba, onde brotes en residencias de persoas anciás contribúen a elevar por riba de 1.000 este indicador que, non obstante, cómpre ler con cautela en municipios de pequeno tamaño (Guntín rexistrou 45 positivos nas últimas dúas semanas, Mos 204 e Vilalba, 177). O mesmo sucede en varios municipios da contorna de Bergantiños.
Por áreas sanitarias, como amosa o gráfico sobre estas liñas, a incidencia acumulada a 14 días máis elevada segue na de Vigo, na contorna dos 332 novos casos por cen mil habitantes, pero en liña descendente, tendencia contraria á que está a describir nos últimos días a área de Pontevedra-O Salnés. Mentres, por baixo, Ourense segue trazando unha clara liña descendente e xa baixa dos 160 mentres a área de Santiago-Barbanza, tras tres semanas de pronunciado descenso, tende a estancarse.
A cidade con maior incidencia acumulada a 14 días é agora Pontevedra, con 349; Ourense baixa dos 170 e Santiago, dos 140
No que atinxe ás cidades, á que presenta unha maior incidencia acumulada a 14 días é Pontevedra (349), onde a Consellería de Sanidade asegura estar en contacto co Concello para, indican, tentar pescudar a razón pola que as medidas non se reflicten polo momento na situación epidemiolóxica. Tamén seguen por riba dos 300 os concellos de Vigo e Lugo (se ben, no caso lucense, Sanidade si di advertir agora unha melloría). Mentres, Santiago xa baixa dos 140 e Ourense, dos 170. Este mércores a propia Consellería de Sanidade sinalaba o limiar dunha incidencia acumulada por baixo de cen durante unha semana como referencia, xunto a unha eventual mellora "dos indicadores asistenciais" nos hospitais ou da positividade das probas PCR, para un posible levantamento de restricións.
Positividade outra volta en lixeiro ascenso
Para o conxunto de Galicia un deses indicadores, o da positividade das probas PCR, volve experimentar un lixeiro ascenso. A positividade media diaria a sete días está agora un chisco por baixo do 8%, neste caso tamén con notables diferenzas por áreas (Ourense apenas supera o 5% e Ferrol e Pontevedra-O Salnés superan o 9%).
Este relativo empeoramento prodúcese despois de que, a partir da pasada fin de semana, o número de PCR procesadas descendese máis do habitual (o luns, día 23 -última xornada con datos pechados- foi o día con menos PCR en máis dun mes), se ben na última xornada comezou a remontar. En termos máis globais, a media diaria de probas PCR a sete días segue superando as 6.000, das cifras máis altas da pandemia, pero por baixo da media de máis de 8.000 que Galicia chegou a acadar a comezos de novembro. Cómpre ter en conta, ademais, que Sanidade emprega outros tipos de test alén das PCR -este mércores, Feijóo avanzou a compra de 2,7 unidades de test de antíxeno "para cribar en residencias ou calquera outro lugar onde se precise"-.
Lento alivio nos hospitais
O devandito estancamento que seguiu á significativa mellora xeral nos primeiros días de novembro provoca, entre outros datos, que o aludido "reseteo" da situación nos hospitais non dea chegado. O número total de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 vai afastándose aos poucos das 600, máximo da segunda vaga, e sitúase agora en 531, 97 delas en unidades de coidados intensivos. Así se admite tamén no propio seo do comité clínico do Sergas que, malia evidenciar que a carga hospitalaria é menor á da primeira vaga, admite tamén que segue practicamente en máximos da segunda.
Por áreas sanitarias, a maior presión hospitalaria da COVID en termos absolutos segue situándose na área da Coruña, con 126 persoas en unidades de hospitalización ordinaria e 35 en unidades de coidados intensivos. Como adoito, cómpre ter en conta que o número de pacientes atendidos nos hospitais a causa da pandemia adoita ser, en realidade, maior que o reflectido nestas cifras, toda vez que os protocolos vixentes estipulan que un doente só é computado na estatística da COVID-19 mentres o seu test sexa positivo, pero desaparece dela cando pasa a dar negativo aínda que, polo seu estado xeral de saúde, continúe no hospital.