A residencias que atenden persoas anciás seguen sendo un dos focos máis sensibles fronte á pandemia do coronavirus. Este xoves, 26 de novembro, a Consellería de Sanidade confirmaba 67 novos positivos entre as persoas que viven no centro Vila do Conde, en Gondomar, e outros 15 entre o seu persoal. En total, 89 residentes e 16 membros do cadro de persoal están contaxiadas nestas residencia, cuxo brote se dispara así por riba do cento de positivos.
Os positivos en residencias sociosanitarias son agora o 8% dos positivos activos, incluíndo o persoal, pero as mortes de persoas que vivían nestes centros son o 43% dos ligados á COVID-19 en Galicia
Os casos da COVID-19 en residencias de maiores e persoas con discapacidade supoñen actualmente, segundo os datos de Sanidade, arredor do 8% do total de positivos activos. Son, en total, 701 cos datos pechados a día 25 de novembro. Deles, 457 son residentes en centros para persoas anciás, 203 profesionais que traballan nestas instalacións, 30 persoas usuarias de residencias para persoas con discapacidade e 11 persoas que as atenden. En total, 701.
A actual proporción dos casos do coronavirus en residencias sobre o total de positivos activos segue a contrastar co peso que teñen os falecementos de residentes nestes centros no cómputo global de mortes asociadas oficialmente á pandemia en Galicia. Así, como amosa o gráfico sobre estas liñas, o 43% das 1.173 que ata agora morreron en Galicia con test positivo da COVID, segundo o Sergas, vivían en residencias para persoas anciás ou con discapacidade.
"Cribados semanais" e "plan de choque"
A Xunta encadra os cribados semanais nas residencias no que denomina "plan de choque" que se dispoñen a presentar Sanidade e Política Social
Na xornada en que era coñecido este novo brote na devandita residencia de Gondomar, o presidente da Xunta afirmaba que o Goberno galego se dispón a "incrementar a frecuencia" na realización de probas do coronavirus ás persoas que viven en residencias sociosanitarias, xa sexa de maiores ou outras persoas en situación de dependencia. Concretamente, segundo Alberto Núñez Feijóo, a previsión é que de agora en diante sexan realizados "cribados semanais" nestes centros.
As probas PCR, especifica, vanse "complementar" agora con test de antíxeno "para reforzar a capacidade diagnóstica". Esta é unha das razóns, di, polas que a Xunta se dispón adquirir "tres millóns" destes test. Pasar de cribados quincenais a semanais é, segundo Feijóo, un dos elementos do que denomina como "plan de choque das residencias sanitarias" que o Executivo prevé presentar este venres. Nas últimas semanas, a conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou que a Xunta estaba a ultimar un "novo modelo" de residencias".
