Todos os indicadores da COVID en Galicia rexistran os mellores datos do último mes

Vista do coronavirus SARS-CoV-2 ao microscopio, co reflexo de varios gráficos que reflicten a súa evolución en Galicia CC-BY Imaxe: NIAID | Montaxe: Praza Pública

A mellora aos poucos de todos os indicadores da COVID en Galicia asenta nesta fin de semana, cun descenso en positivos, positividade, incidencia acumulada e hospitalizacións que achega máis un posible relaxamento nas restricións nos vindeiros días pero que amosan á vez a efectividade dalgunhas medidas e os riscos que supoñen as próximas festas.

Todos os indicadores sobre o coronavirus en Galicia atópanse no seu mellor nivel do último mes; Sanidade informou de 329 casos confirmados por PCR

Segundo os datos facilitados este domingo, todos os indicadores sobre o coronavirus no país atópanse no seu mellor nivel do último mes, cun descenso paseniño pero sostido. A Consellería de Sanidade informa este domingo de 329 casos novos confirmados por proba PCR nas últimas 24 horas, entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado. Son 16 menos que os notificados un día antes, uns datos que supoñen que a media diaria de novos positivos a sete días quede en 385, a máis baixa desde o pasado 20 de outubro. 

A repartición destes novos casos volve ser dispar entre áreas sanitarias e na de Vigo chegouse aos 109, 35 máis que na xornada anterior, mentres que na da Coruña-Cee notificáronse 63 nas devanditas vinte e catro horas, cun descenso en dez casos. 

O número de novos casos descendeu nas áreas da Coruña, Lugo, Ferrol e Ourense

Tamén destaca un lixeiro aumento na área de Santiago-Barbanza, con 42 novos casos, mentres que a de Pontevedra-O Salnés mantense con 55, os mesmos que notificou o Sergas o pasado sábado. 

Ademais de na Coruña, o número de novos casos notificados descende tamén nas áreas de Lugo-A Mariña-Monforte, con 30 (-31 respecto da xornada anterior); Ferrol, con 17 (-19) e Ourense-Verín-O Barco, con 12 (-5). 

En canto á positividade media a sete días das probas PCR, con 6.913 procesadas nas últimas vinte e catro horas (arredor dun cento menos que o día anterior), o indicador global para Galicia segue baixando aos poucos ata situarse no 6,17%, o máis baixo desde o 16 de outubro. 

A positividade media queda no 6,17% en Galicia, o nivel máis baixo desde o 16 de outubro

Polo momento, só a área de Ourense sitúase por baixo do 5%, limiar que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala como o axeitado para dar por controlada a pandemia nun territorio, mentres que a de Santiago rolda esa cifra. 

Ademais, e en canto á incidencia acumulada de coronavirus nos últimos 14 días, o dato, que rolda os 240 positivos por cada 100.000 habitantes, é tamén o máis baixo desde o pasado 26 de outubro

A mellora dos datos globais compróbase tamén, aínda que con menos claridade e contundencia, no que ten que ver co número de pacientes coa COVID-19 que precisan hospitalización. O  "reseteo" dos hospitais antes da "campaña de Nadal" que Feijóo situaba como obxectivo aínda está lonxe de producirse, pero a presión hospitalaria rebáixase moi paseniñamente.

A ocupación en UCI está no mellor nivel desde principios de novembro, mentres que no resto de unidades as cifras son as máis baixas desde finais de outubro

O total de persoas ingresadas con test positivo é agora de 469, as mesmas que no día anterior, pero desta vez son 81 as que están na UCI, catro menos que no día anterior. Son 65 persoas hospitalizadas menos que hai unha semana, pero seguen sendo aínda bastantes máis das que había no comezo do outono. 

A ocupación en UCI, xa que logo, está no mellor nivel dende principios de novembro, mentres que no resto de unidades hospitalarias as cifras son as máis baixas dende finais de outubro.

Por áreas sanitarias, as maiores cifras de hospitalización ligada á COVID-19 corresponden á da Coruña-Cee (136) seguida da de Vigo, que  queda en 88 persoas tras un lixeiro ascenso. Cómpre ter en conta, coma sempre, que a carga hospitalaria relacionada coa pandemia adoita ser maior que a reflectida nestes datos, toda vez que as persoas infectadas só computan na estatística mentres teñen test positivo, pero deixan de facelo cando pasan a dar negativo aínda que, polo seu estado de saúde, precisen continuar ingresadas.

Así, e logo da última actualización facilitada pola Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é dun total de 7.904, a cifra máis baixa desde o pasado 27 de outubro

Do total de casos de coronavirus activos en Galicia, 1.675 son da área da Coruña, 967 da de Lugo, 473 da de Ourense, 1.136 da de Pontevedra, 2.099 da área de Vigo, 866 da de Santiago e 688 da de Ferrol.

Ademais, nas residencias de anciáns hai un total de 431 persoas usuarias e 204 traballadoras con coronavirus. Son 635 afectadas nestes centros, logo de que se rexistrasen 15 caos na residencia Soremay de Pontevedra e 27 na Vila do Conde de Gondomar.

Galicia acumula 1.193 falecidos por coronavirus desde que comezou a pandemia

Ademais, nesta mesma xornada de sábado, o cómputo oficial inclúe dúas mortes máis de persoas diagnosticadas de coronavirus, ata chegar a un total de 1.193 falecementos en Galicia desde o inicio da pandemia, 506 deles en centros residenciais de maiores, máis do 40% do total. 

Seguen a ser cifras moi importantes, cunha media de mortes en sete días que aínda é superior á que se rexistraba hai xusto un mes e que se mantén en números semellantes ás que diariamente se computaban a finais do pasado mes de abril. 

En Galicia hai 62 municipios que non rexistraron ningún caso positivo de coronavirus nos últimos 14 días

En canto aos casos de coronavirus por concellos, aqueles situados no eixo atlántico e na súa contorna continúan a concentrar as áreas con maior incidencia da pandemia, coa Costa da Morte como a zona con maiores problemas actualmente. 

En toda Galicia hai un total de seis concellos por riba dos 1.000 casos por 100.000 habitantes de incidencia acumulada a 14 días, e outros 22 entre 500 e 1.000.

Ademais, e de entre os concellos de máis de 10.000 habitantes, manteñen altos niveis de incidencia Vilalba, Gondomar, As Pontes, Mos e Carballo, aínda que nestes dous últimos as cifras descenderon moi considerablemente nos últimos días. 

No lado positivo, en Galicia hai 62 municipios que non rexistraron ningún caso positivo de coronavirus nos últimos 14 días.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.