O coronavirus frea aos poucos en Galicia mentres o eixo atlántico concentra máis incidencia e restricións

O maior número de concellos con alta incidencia e máis restricións sitúase agora na metade oeste do país CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

"Un momento de estabilidade con tendencia ao descenso". Así resume o comité clínico que segue a evolución do coronavirus en Galicia a actual situación epidemiolóxica do país onde, como noutros períodos da pandemia, concellos do eixo atlántico e da súa contorna concentran boa parte dos concellos con maior incidencia da COVID e, por extensión, un maior número de municipios con restricións especiais.

O Sergas suma 441 novos casos por segundo día consecutivo e define a situación como de "estabilidade con tendencia ao descenso"

A Consellería de Sanidade agrega este 27 de novembro un total de 441 novos casos da COVID-19 (426 deles diagnósticos mediante PCR) computados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Son exactamente os mesmos que un día antes, un lixeiro sinal de estancamento que, no entanto, non impide polo momento que a media diaria a sete días dos novos diagnósticos continúe, polo momento, a súa senda descendente e quede en torno aos 440.

Case a metade dos novos casos son das áreas sanitarias da Coruña e Vigo

O reparto destes novos casos é, non obstante, dispar entre áreas sanitarias e case a metade corresponden ás dúas máis poboadas: a de Vigo, con 115, e a da Coruña-Cee, con 101 nas devanditas vinte e catro horas. Tamén destacan as cifras da área de Ferrol, con 66 novos positivos, mentres que Santiago-Barbanza e Pontevedra-O Salnés quedan por baixo dos sesenta (57 e 53, respectivamente). Lugo e Ourense destacan, pola súa banda, neste caso polas súas baixas cifras: 33 e 16 novos casos. No que atinxe á positividade media a sete días das probas PCR, con 7.422 procesadas nas últimas vinte e catro horas, o indicador global para Galicia segue baixando aos poucos ata arredor do 6% e polo momento só unha área, a de Ourense, está por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio.

Nesta mesma xornada, o cómputo oficial inclúe seis mortes máis de persoas que foran diagnosticadas do coronavirus ata chegar a un total de 1.179. Catro destes falecementos corresponden ás últimas vinte e catro horas e outras dúas ao mércores, día 25. Dúas destas persoas viviran en residencias de maiores: unha muller de 90 anos hospitalizada en Vigo e procedente da residencia Ballesol da propia cidade e un home de 79 anos que vivira na residencia San Salvador de Guntín e que fora trasladado á residencia medicalizada habilitada pola Xunta no CEGADI de Santiago, centro de discapacidade dependente de Política Social.

Sanidade confirmou, ademais, a morte dun home de 70 anos hospitalizado en Pontevedra, un paciente de 102 anos no hospital de Monforte. Tamén o pasamento dunha muller de 88 anos no Clínico de Santiago e dun home de 63 hospitalizado na Coruña.

Máis pequenos concellos sen casos, pero máis incidencia en torno ao eixo atlántico

A disparidade xeográfica na evolución do virus percíbese tamén ao poñer o foco concello a concello. Así o admitía este venres en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o resto de altos cargos do seu departamento ao daren conta das mudanzas no mapa de restricións. Deste xeito, mentres aumentan os pequenos concellos da provincia de Ourense sen positivos novos nas últimas dúas semanas, a incidencia a catorce días empeora en contornas como a comarca do Salnés ou na Costa da Morte.

Sanidade, que ultima un plan de 'desescalada', sinala as cidades de Santiago e Ourense como as que presentan melloras máis significativas dentro da Galicia urbana e abre a porta a relaxar proximamente as restricións nelas

No que atinxe ás principais cidades, o comité clínico sinala que tanto os datos de incidencia como os de positividade en test diagnósticos ou asistencia en hospitais tamén apuntan a un freo. A melloría, explican, segue sendo especialmente significativa en Santiago e Ourense, onde a incidencia a 14 días continúa a diminuír cara ao limiar dos cen casos por cada 100.000 habitantes; concretamente, o municipio ourensán sitúase en 147 e a capital galega, en 113. 

Neste sentido, Sanidade admite a posibilidade de relaxar proximamente as restricións en vindeiras datas en ambas cidades no marco do plan de desescalada que, di Comesaña, está a ultimar o seu departamento. O documento, avanza o titular de Sanidade, incluirá diferenzas no levantamento das restricións en función de se o concello é urbano ou rural, co limiar dos 10.000 habitantes como unha das principais referencias.

Seis concellos saen das máximas restricións e outros seis entran nelas

Tres concellos da Costa da Morte e outros tres do Salnés pasan ao grupo das restricións máis severas

Na liña desta evolución, os cambios no mapa de restricións anunciados pola Xunta este venres e que estarán en vigor dende o sábado, día 28, concentran os concellos coas medidas máis severas nas provincias da Coruña e Pontevedra, mentres que se reducen en Lugo e Ourense. Así, na provincia lucense sae Viveiro do nivel de restricións que implica confinamento perimetral, peche da hostalería e limitacións das reunións sociais só para conviventes e o mesmo sucede na Ourensá con Toén e San Cibrao das Viñas. Xa no eixo atlántico, pero nun dos puntos con mellor evolución, a contorna de Compostela, tamén saen das máximas restricións os concellos de Vedra e O Pino. En Ferrolterra, pola súa banda, sae desas restricións o concello de Mugardos.

Na banda contraria, as contornas do Salnés e da Costa da Morte pasan a ter dende este sábado cadanseus novos peches perimetrais agrupados con tres concellos cada un, nos que ademais terá que pechar a hostalería e os encontros sociais ficarán limitados a persoas que convivan, ademais das demais restricións que rexen nos mesmos concellos nesta situación. Así o decidiu Sanidade para Muxía, Cee e Dumbría e mais para Ribadumia, Meis e Meaño. [Para non perderse: guía dos peches pola COVID que a Xunta impón ata decembro]

Aínda lonxe do "reseteo" hospitalario desexado pola Xunta

As persoas hospitalizadas son cen menos que hai unha semana, pero máis do dobre que a mediados de outubro

A lentitude na mellora dos datos globais é aínda máis intensa no que atinxe ao número de pacientes coa COVID-19 que precisan hospitalización. Aínda que o Sergas sinala que na última semana a diminución de ingresos é máis significativa que nas previas, o certo é tamén que o que o presidente da Xunta dera en chamar "reseteo" dos hospitais antes da "campaña de Nadal" está lonxe de producirse. O total de persoas ingresadas con test positivo é agora de 497, das que 93 están na UCI. Son cen menos que hai unha semana, pero máis do dobre que a mediados de outubro.

Por áreas sanitarias, aínda que en descenso, a que segue presentando maiores cifras de hospitalización ligada á COVID-19 é a da Coruña-Cee (148) seguida da de Vigo, que xa baixa do cento e queda en 96 persoas. Cómpre ter en conta, coma sempre, que a carga hospitalaria relacionada coa pandemia adoita ser maior que a reflectida nestes datos, toda vez que as persoas infectadas só computan na estatística mentres teñen test positivo, pero deixan de facelo cando pasan a dar negativo aínda que, polo seu estado de saúde, precisen continuar ingresadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.