O novo plan COVID da Xunta permite encontros de non conviventes e abrir a hostalería con catro niveis de restricións

O novo paquete de restricións permite a hostalería e encontros de non conviventes en toda Galicia, pero en diferentes niveis CC-BY-SA Foto: Concello da Coruña | Montaxe: Praza Pública

Hai un mes, o Goberno galego puxo en marcha o paquete de restricións máis severas dende a fin do primeiro confinamento xeral pola COVID-19. Coa intención declarada de "resetear" o sistema sanitario e "salvar a campaña de Nadal", estendeu a uns 60 concellos as limitacións máis ríxidas á actividade social e económica que xa aplicara puntualmente nalgúns municipios, sobre todo de Ourense. O horizonte daquelas restricións era dun mes, ata as portas da ponte da Constitución.

En todos os niveis agás no básico continúan as restricións á mobilidade, con peches perimetrais individuais ou por grupos de concellos

Agora, coa incidencia do coronavirus en descenso para o conxunto de Galicia -aínda que con comarcas en peor situación- e o sistema sanitario lonxe do ansiado "reseteo", o Goberno galego dá por "maioritariamente obtidos" os "resultados perseguidos", en verbas do presidente da Xunta. Por iso dá paso a un novo modelo de restricións dende as cero horas deste 4 de decembro.

O novo sistema estrutúrase en catro niveis. En todos eles pasan a estar permitidos os encontros entre persoas non conviventes e a actividade hostaleira, pero con limitacións diferentes en función do nivel no que sexa situado cada concello.

Segundo o avanzado por Alberto Núñez Feijóo e á espera da concreción definitiva -este xoves, día 3- no Diario Oficial de Galicia, nos tres niveis máis elevados (medio, alto e máximo) continuarán as restricións de mobilidade con peches perimetrais individuais ou agrupados. En todos eles os locais comerciais seguirán restrinxidos ao 50% de capacidade.

Cómpre agardar tamén a esa publicación no DOG para coñecer as limitacións que se aplicarán a outros eidos ata agora restrinxidos, caso dos eventos culturais e outros espectáculos ou a actividade deportiva, entre outras. O que si avanza a Xunta é que continúa sen cambios o confinamento nocturno establecido por defecto no estado de alarma -de 11 da noite a 6 da mañá- e as limitacións actualmente vixentes no transporte público.

Segundo o exposto por Feijóo, un concello entrará ou sairá de cada un destes niveis atendendo a criterios epidemiolóxicos como a incidencia acumulada (novos casos por cada 100.000 habitantes) a 14 días entre a poboación xeral e entre habitantes maiores de 65 anos. Tamén as taxas de positividade das probas PCR e criterios asistenciais como a ocupación das UCI na área sanitaria correspondente. Ademais terase en conta se o concello ten máis ou menos de 10.000 habitantes.

Atendendo a estas regras, segundo o bosquexado por Feijóo e outra volta á espera da súa promulgación no DOG, os niveis aplicaríanse do seguinte xeito:

  • Máximo: máis de 10.000 habitantes e incidencia acumulada (IA) a 14 días igual ou superior a 250.
  • Alto: máis de 10.000 habitantes e IA a 14 días entre 150 e 250. Menos de 10.000 habitantes e IA superior a 250.
  • Medio: máis de 10.000 habitantes e IA a 14 días entre 100 e 150. Menos de 10.000 habitantes e IA entre 150 e 250.
  • Básico: Máis de 100.000 habitantes e IA a 14 días inferior a 100. Menos de 10.000 habitantes e IA inferior a 150.

A primeira translación ao mapa destes criterios deixaría un total de 16 municipios no nivel máximo de restricións, entre eles a cidade de Pontevedra e, xunto a ela, os concellos de Poio e Marín. No nivel medio estarían case unha trintena de municipios, entre eles todas as demais cidades agás Santiago e Ourense, que tras a súa mellora epidemiolóxica nas últimas semanas entran directamente no nivel básico. Tamén quedan en nivel medio varios municipios da contorna de Vigo, de comarcas como Bergantiños, A Costa da Morte ou O Salnés.

Peche perimetral de toda Galicia do 4 ao 9 de decembro

Segundo o advertido pola propia Xunta, este primeiro reparto de concellos vén de ser deseñado en función dos indicadores epidemiolóxicos do martes, día 1 de decembro. Daquela, admite Feijóo, as restricións que cheguen ao DOG e pasen a aplicarse dende o 4 de decembro poderían aínda sufrir algunha variación no caso de empeoramentos ou mellorías en municipios que se atopan próximos ao cambio de nivel en sentido ascendente ou descendente.

Ponte internacional entre Tui e Valença do Minho © Turismo de Galicia

Tras prever inicialmente limitar o tránsito con Portugal durante a ponte, finalmente a Xunta resolve  por primeira vez o peche perimetral completo de Galicia

Alén deste novo esquema de restricións, Feijóo avanzou tamén en rolda de prensa  que, en materia de restricións á mobilidade, o Goberno galego prevía poñer en marcha o que sería un peche de facto da fronteira con Portugal -o cal pode aplicar segundo o establecido no estado de alarma- entre o 4 e o 9 de decembro, co obxectivo de evitar desprazamentos durante a ponte da Constitución cara ao país veciño, actualmente cunha peor evolución que Galicia. 

Segundo o titular da Xunta, se o Estado indica que esta medida debería vir acompañada dun peche perimetral completo do país, o Executivo galego estaría disposto a aplicalo. Nesta liña, a primeiras horas da tarde o Goberno galego ratificaba que aplicará ese peche xa que, apunta, o comité clínico cre "prioritario protexer a mobilidade con Portugal" e "non procede facelo por partes". Segundo o avanzado, ese peche comeza ás cero horas do venres 4 e remata á mesma hora do día 9.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.