A expansión do coronavirus acouga en Galicia tras o segundo mes con máis mortes dende o inicio da pandemia

Persoal dun centro hospitalario galego, nunha imaxe recente deste outono CC-BY-SA Xunta

Cada día do pasado mes de novembro faleceron en Galicia, de media, unhas nove persoas que contraeran o coronavirus. Á espera de posibles axustes nos datos do mes que vén de rematar que poidan incrementar a cifra, o Servizo Galego de Saúde notificou xa 277 mortes de pacientes diagnosticadas co COVID-19, o que converte a novembro no segundo mes con máis decesos ligados á pandemia, só por tras do de abril, con 429, e fai que a segunda vaga xa estea a piques de chegar ao número de mortes da primeira: 592 ata o 30 de novembro fronte ás 619 entre marzo e xuño. En total xa son 1.211.

Cada día de novembro faleceron, de media, nove persoas que contraeran a COVID-19 en Galicia e o total sitúase xa en 1.211

Este 1 de decembro entran no cómputo oficial seis falecementos. Un ten data das últimas vinte e catro horas e os restantes cinco son do domingo, día 29. Unha destas persoas, un home de 92 anos, procedía dunha residencia de maiores, a de San Cibrao, e morreu no hospital de Burela. En hospitais da Coruña faleceron dous homes de 79 e 86 anos, en hospitais de Vigo un home de 56 anos e unha muller de 96 e no CHUO ourensán, un paciente de 87 anos.

As consecuencias da COVID-19 en forma de falecementos seguen a golpear mentres o resto de indicadores tenden, en xeral, a mellorar. Sanidade suma este 1 de decembro 271 novos positivos (239, diagnósticos mediante PCR) rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Son vinte máis que na xornada previa, pero no marco dunha tendencia descendente que deixa o total de casos activos en 7.646, 160 menos como efecto da redución de novos casos e da suma de altas.

O Sergas computa 271 novos positivos e os principais indicadores da pandemia seguen en liña descendente para o global de Galicia, pero con diferenzas significativas nalgunhas comarcas

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, alén das oscilacións de cada xornada, a tendencia volve ser claramente descendente dende arredor do día 20 do pasado novembro. A media diaria de novos diagnósticos por PCR a sete días está agora un chisco por baixo dos 360 casos, xa lonxe do pico de principios de novembro, con máis de 670, pero polo momento tamén afastado da media de apenas 180 casos diarios -a sete días- rexistrada nos primeiros días de novembro. E máis lonxe aínda dos datos de xuño, cando Galicia chegou a situarse nunha media diaria a sete días de menos de dous diagnósticos.

A situación, non obstante, continúa sendo dispar en función das áreas sanitarias, das comarcas e mesmo dos concellos. A incidencia acumulada a catorce días (casos novos por cada 100.000 habitantes) mantén a tendencia descendente e sitúase en Galicia, con datos pechados a 29 de novembro, nuns 237 casos. Non obstante, algúns concellos continúan notablemente por riba. Entre eles, sitúanse varios afectados por brotes en residencias (como Vilalba, Mos, Guntín ou Beariz), pero tamén comarcas que polo momento non dan invertido a tendencia malia ter vixentes as restricións máis severas da Xunta, como é o caso de áreas da Costa da Morte e Bergantiños. [O mapa do coronavirus mellora en boa parte de Galicia mentres varias comarcas manteñen un alto número de contaxios]

Un 9% menos de PCR, un 28% menos contaxios

Alén da foto fixa de cada día, os datos completos das últimas semanas tamén apuntan a un acougo nesta segunda vaga. Así, por exemplo, na última semana completa, a que rematou o pasado día 29, rexistráronse en Galicia un total de 2.651 novos positivos -contando todos os test-, un 27,9% menos que nos sete días anteriores. Nesa semana foron procesadas algo máis de 42.600 probas PCR, un 9% menos que na anterior. Daquela, a diminución de novos positivos triplica amplamente a caída de probas.

A positividade media das probas PCR descende e rolda o 5,5% para o global de Galicia, coas áreas de Santiago e Ourense por baixo do limiar que a OMS sinala para dar por controlada a pandemia nun territorio

Tamén as taxas de positividade -porcentaxe de probas que dan positivo- apuntan a unha moderación. Alén de oscilacións puntuais en días concretos, a positividade media diaria a sete días continúa en liña descendente para o global de Galicia e chega ao 5,5%, apenas medio punto por riba do limiar sinalado pola OMS para dar por controlada a pandemia nun territorio, o nivel máis baixo dende a segunda semana de outubro.

Por áreas, a positividade media máis alta está na de Pontevedra-O Salnés (aínda por riba do 7%). Na banda contraria atópanse as de Santiago-Barbanza e Ourense, ambas por baixo do 5%. Destaca especialmente o dato ourensán, provincia que acumula máis restricións durante máis tempo e que sitúa agora a súa positividade media a sete días xa por baixo do 3%.

Hospitalización á baixa, mais lonxe do "reseteo"

As hospitalizacións baixan e sitúanse en 461, practicamente as mesmas que hai un mes, cando a Xunta expresou a súa intención de "resetear" o sistema sanitario

A tendencia positiva tamén chegou aos hospitais, pero polo momento cunha intensidade máis calma. Cos datos pechados ás seis da tarde do luns, 30 de novembro, o total de pacientes con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos son 461, vinte e tres menos que un día antes, e os ingresos nas UCI quedan en 69, 9 menos que un día antes. Non obstante, estas cifras están lonxe do ansiado "reseteo" do sistema sanitario que o presidente da Xunta sinalou hai un mes como obxectivo do paquete de restricións que o Goberno galego se dispón agora a revisar. 

Non en van, as cifras de hospitalización son practicamente as mesmas que daquela. Si diminuíu relativamente, non obstante, a carga directamente ligada á COVID noutros eidos do Sergas como a atención primaria, toda vez que o número de casos activos -co conseguinte traballo de control e seguimento- roldaba daquelas os 10.000 e agora, en tendencia descendente, sitúase na contorna dos 7.600.

Por áreas sanitarias, o maior número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 segue na da Coruña-Cee (129, oito menos) e o menor, na de Santiago-Barbanza (39, dúas máis). Por riba do medio cento de hospitalizacións directamente ligadas á pandemia seguen tamén as áreas de Vigo, con 84 (-6), Pontevedra-O Salnés, con 82 (as mesmas que un día antes) e Ourense, con 57 (-2).

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.