A Xunta interpreta que as persoas que estean facendo o camiño e poidan acreditalo con selos poden entrar e durmir en Santiago
Un mes despois de que o 30 de outubro, ás tres da tarde, as entradas e saídas de Santiago quedasen restrinxidas polo coronavirus a unhas poucas excepcións, os peregrinos seguen chegando á cidade. Cada vez menos, segundo as cifras que divulga cada día a Oficina do Peregrino, pero seguen a rexistrarse chegadas amparadas na interpretación da Xunta de que as restricións non afectan ás persoas que estean a facer o camiño e poidan acreditalo con selos.
Segundo a Oficina do Peregrino, nas primeiras xornadas de novembro, tras o peche da cidade, expedíronse arredor de 40 compostelas ao día, cifra que na segunda semana de restricións baixou a unhas 20. Na terceira semana de peche as chegadas diarias roldaron as dez, e nas últimas xornadas a cifra mantívose por baixo das dez, pero aínda así seguiron a expedirse compostelas: seis o venres, tres o sábado ou dúas o domingo.
Tras o peche de Santiago e o resto das cidades galegas, a Xunta indicou que os viaxeiros e peregrinos poderían continuar a súa estancia en Galicia sempre que non se desprazasen a concellos pechados e, no caso dos peregrinos, indicou que poderían pasar en tránsito por eses concellos pechados para seguir co seu traxecto e mesmo entrar en Santiago e durmir na cidade como paso previo ao retorno ao seu lugar de residencia: “Calquera persoa que estea facendo o camiño, e que poida acreditalo con selos, pode entrar e durmir en Santiago”.
As restricións non citan expresamente a peregrinación pero contemplan como excepcións o “retorno ao lugar de residencia” así como “a circulación en tránsito” con destino a outros lugares
Como contexto, a ritmo lento unha peregrinaxe a pé polo camiño francés podería chegar en catro semanas desde os Pireneos ata Santiago. Por outra banda, a normativa consolidada de restricións recompilada pola Xunta non inclúe ningunha referencia á peregrinación e contempla como excepcións á posibilidade de entrada ou saída dos concellos pechados o “retorno ao lugar de residencia” así como “a circulación en tránsito” con destino a outros lugares.