Case 350.000 peregrinos no ano 2019, un 30% máis que no último Xacobeo e un aparentemente imparable crecemento interanual situaban o ano 2020, pórtico do que Alberto Núñez Feijóo dera en denominar "Xacobeo dos 5.000 días", en condicións de superar os 400.000 camiñantes cara a Compostela como véspera dun Ano Santo 2021 que pulverizase todos os récords. Pero a afluencia no Camiño, como case todo o demais, freou en seco por mor da pandemia.
Tras precisar un 'rescate' de 1,2 millóns de euros durante 2020, a S.A. do Xacobeo pasa de prever máis de 400.000 estancias de peregrinos nos seus albergues no Ano Santo a estimar que chegarán apenas 35.000 e, por ese motivo, a proxectar ingresos de menos de 400.000 euros fronte aos 3,3 millóns previstos
Aínda que os peregrinos seguen chegando a Santiago mesmo durante o peche perimetral da capital galega e da súa contorna, as contas xa non dan. A propia Xunta así o asume nos seus Orzamentos para o vindeiro ano, nos que rebaixa ata case o 90% a previsión de ingresos da rede pública de albergues, a dependente da Sociedade Anónima do Plan Xacobeo, a mesma empresa pública á que xa se viu obrigada a rescatar neste 2020 e para a que pasa a orzamentar case o dobre da subvención prevista para 2021: de apenas 3 millóns de euros a case 6.
Nas súas contas para 2020, a S.A do Xacobeo orzamentara 3 millóns de euros de subvención da Xunta -a través da Axencia de Turismo de Galicia- e prevía uns 2,4 millóns de euros en ingresos a través dos albergues que, estimaba, chegarían a uns 3,2 millóns de euros no Ano Santo do 2021. Pero, como informou Praza.gal, o peche destas instalacións obrigada pola pandemia e a posterior caída en picado de peregrinos tras a reapertura deixou a entidade sen marxe mesmo para atender gasto corrente, un buraco de 1,2 millóns de euros que o Goberno galego compensou cunha achega extraordinaria procedente do fondo para gastos imprevistos.
En contraste con algúns discursos oficiais, as contas da S.A. do Xacobeo non apuntan a optimismo ningún cara a 2021. A situación segue sendo "de gravidade" e, tras o "forte impacto" nas contas de 2020, "non hai dúbida" de que a COVID-19 "afectará de forma importante ao exercicio 2021 polas drásticas medidas que se están levando a cabo para a contención da pandemia". Aínda que resulte "difícil facer previsións e cuantificar os seus efectos sobre a economía", indican as contas, o feito de que a principal actividade da empresa sexa xestionar os albergues xa permite augurar que non vai obter "os ingresos previstos" para 2021 durante os anos anteriores.
O Xacobeo constata que non vai lograr os ingresos previstos e un 93% dos seus gastos pasan a estar cubertos con 5,8 millóns de fondos públicos no canto dos 3 previstos
Deste xeito, a propia S.A. do Xacobeo pasa de estimar que chegarían aos seus albergues máis de 407.000 peregrinos a esperar que o fagan apenas 35.000 durante todo o 2021, isto é, un 91% menos do previsto. En consonancia con esta diminución, a previsión de ingresos destas instalacións tamén mingua drasticamente: de máis de 3,2 millóns a menos de 400.000 euros, unha redución do 87% que fai que ata o 93% dos gastos de explotación da sociedade teñan que ser cubertos con fondos públicos. Deste xeito, a subvención da Xunta pasa dos 3 millóns de euros previstos ata os 5,8. A partida máis importante, de 4,2 millóns, segue sendo a de "reparación e conservación" das propias instalacións.
Un orzamento turístico de récord
Eses 5,8 millóns de subvención á S.A. do Xacobeo sairán dos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia, que manexará 112,5 millóns de euros, un 52% máis que en 2020. Deles, algo máis de 104 millóns proceden das contas da Xunta -os restantes son 5 millóns de patrocinios privados ao Xacobeo e algúns outros ingresos menores por prestación de servizos e outros conceptos-, un orzamento turístico de récord -agora dependente da Vicepresidencia Primeira- que supón un incremento do 42% a respecto dos fondos destinados un ano antes pola antiga Consellería de Cultura e Turismo e un 32% do orzamentado para turismo polo propio Goberno do PP no anterior ano Xacobeo, o 2010.
As contas do departamento dirixido por Alfonso Rueda sitúan estes fondos no marco do que define como "reto da reformulación do Xacobeo 2021", cuxa "preponderancia como elemento significador da identidade de Galicia e Europa adquire unha maior relevancia para este 2021", asegura na memoria orzamentaria. Isto sucede, argumenta, "non só pola celebración do Ano Santo", senón tamén pola "oportunidade de Galicia para dar un paso adiante no seu afianzamento e reposicionamento da imaxe de marca-país tanto no ámbito nacional como internacional".
Os fondos da Xunta para a partida de turismo chegan aos 104 millóns, un 42% máis que un ano antes e un 32% máis que no anterior Xacobeo
Con este pano de fondo, defenden os Orzamentos, a pandemia "obríganos a repensar parte do programa" do Xacobeo pero "non o seu fundamento" porque "cobra máis sentido ca nunca", xa que a Axencia Turismo de Galicia se vai "centrar na reactivación económica do sector turístico" co propio Xacobeo como "estímulo para o sector". Neste sentido, abonda, os Orzamentos van financiar "o remate e posta en funcionamento de seis novos albergues públicos", ademais da "reforma e medidas de mellora en diferentes establecementos". O Goberno galego, especifican as contas, xestiona directamente 50 albergues e ten outros 20 en mans de "concellos e outras entidades".
Neste contexto, as contas de Turismo inclúen varias partidas baixo o epígrafe "plan de choque para o reforzo do sector turístico", que van dende algo máis de 4 millóns euros en diferentes transferencias a concellos ata máis de 20 millóns para empresas privadas. Algo máis de 13 millóns para "mellora dos albergues e camiños de Santiago", e ata 37 millóns no denominado "plan de reformulación do Xacobeo 2021" destacan tamén nunhas contas que prevén, entre outras accións, reeditar o controvertido bono turístico para persoal de centros sanitarios e sociosanitarios, do que a propia Consellería de Sanidade dera en renegar o pasado verán.