A Xunta activa o bono de 250 euros para gasto turístico do persoal sanitario, polo que Sanidade se desculpou

Persoal mobilizado contra a precariedade no Sergas -na imaxe, persoal médico eventual protesta ante San Caetano- rexeita a iniciativa do bono turístico CC-BY-SA Foto: Facultativos Eventuais en Loita | Montaxe: Praza Pública

O pasado 19 de xuño, a unha semana da campaña electoral, Alberto Núñez Feijóo anunciaba a posta en marcha dun bono de 250 euros para que persoal sanitario e dos servizos sociais que traballara no dispositivo contra o coronavirus fixese gasto no sector turístico. Coa iniciativa, razoou, a Xunta pretendía "recoñecer o esforzo" do plantel do Sergas fronte á pandemia e ao tempo, "reactivar" a economía. Con esa mesma formulación, o Goberno galego vén de poñelo en marcha, con prazo de solicitudes aberto dende este 28 de xullo e a denominación Bono turístico #QuedamosenGalicia.

O que Feijóo definira como un tema "de Cultura, mesturado con Sanidade e Servizos Sociais" foi recibido con estupor entre a práctica totalidade das entidades que representan o persoal sanitario. Os catro colexios médicos e de enfermaría, o Colexio de Traballo Social, sindicatos ou colectivos como as Enfermeiras Eventuais en Loita rexeitaran o que consideraran unha "propina", un proxecto "frívolo e partidista" que, advertían, non ía dar "ocultado" a necesidade de máis recursos para a sanidade e os servizos sociais.

Malia ás protestas do persoal e tras as desculpas de Sanidade, a Xunta segue adiante co bono turístico e financia inicialmente esta subvención con 5 millóns de euros

O balbordo e as protestas non cesaban, tampouco por parte das forzas da oposición. Tal foi así que o día 23 de xuño, a tres días do inicio da campaña, a Consellería de Sanidade se desligaba abertamente do bono e o conselleiro, daba en pedir "desculpas". "Teño que pedir desculpas porque creo que se explicou mal", xa que "non se trata de ningunha gratificación de Sanidade", que non participaba dunha iniciativa que era "da Consellería de Cultura e Turismo", subliñara Jesús Vázquez Almuíña.

Os conselleiros en funcións de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña CC-BY-SA Xunta de Galicia

Malia a aquelas desculpas, a Xunta non recuou. Nos primeiros días de xullo avanzou cos trámites do bono, coxestionado pola patronal Clúster do Turismo de Galicia e este 27 de xullo a Axencia Turismo de Galicia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, publicou no Diario Oficial de Galicia as condicións do que formalmente será unha subvención de 250 euros para un bono que poderán recibir ata 20.000 persoas integrantes dos cadros de persoal do sistema sanitario público ou de Política Social. Ese é o máximo previsto no seu orzamento, 5 millóns de euros inxectados a través da partida orzamentaria "potenciación e promoción do turismo". 

A Xunta ofrece o bono, unha tarxeta de Abanca de 250 euros, a persoal sanitario e de servizos sociais que traballase entre o 15 de marzo e o 15 de xuño

Segundo indica a resolución, poderán pedir a subvención "persoas empregadas públicas, tanto persoal funcionario, estatutario ou persoal laboral, fixo ou temporal" que traballen "no sistema público de saúde de Galicia", tanto se dependen da Consellería de Sanidade como do Sergas ou doutra das súas entidades dependentes. Tamén está aberto ás peticións de "persoal empregado público destinado nos centros residenciais de maiores, discapacidade e menores calquera que sexa a súa categoría laboral". A condición para ambos colectivos é que estivesen "prestando servizos dentro do período comprendido entre o 15 de marzo e o 15 de xuño de 2020".

Alén de especificar o procedemento para facer a solicitude e do funcionamento da lista de espera para as peticións "que cheguen unha vez que se esgote o crédito" -a Xunta ábrese a poder inxectar máis fondos-, a Xunta indica que as persoas beneficiarias do bono recibirán unha tarxeta de Abanca ao seu nome "coa correspondente carga de 250 euros" para poder gastar ata o vindeiro 13 de decembro nos establecementos adheridos ao programa. É precisamente a selección de establecementos un dos aspectos do bono nos que a patronal turística ten capacidade para poder incidir.

Ata este 27 de xullo sumáranse á iniciativa do bono co que o persoal sanitario poderá facer gasto turístico un total de 253 establecementos, segundo o buscador da Axencia Turismo de Galicia. Entre eles figuran dous hoteis de cinco estrelas, tres hoteis da categoría catro estelas superior, medio cento de axencias de viaxes, 18 paquetes turísticos ou unha decena de Paradores, entre outros. A finalidade, defende a Xunta, é "inxectar liquidez nas empresas desta industria, fomentar o turismo interno, incentivar o consumo e impulsar a recuperación da economía e do tecido empresarial galego".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.