O Goberno galego permite que a asociación Clúster de Turismo de Galicia, en cuxas mans vén deixando o deseño e execución das políticas públicas, participe na selección de establecementos e no funcionamento do programa
“Non foi criterio de Sanidade senón doutra consellería o de favorecer o sector turístico”. Así se desmarcou hai dez días o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, do denominado Bono Solidario anunciado polo propio Feijóo co que a Xunta entregará ao persoal sanitario que loita contra o coronavirus tarxetas precargadas con 250 euros para que gasten na hostalería, medida criticada polos colexios profesionais sanitarios como unha “propina”. Pero o sector turístico non só será o favorecido senón que a súa patronal, o denominado Clúster do Turismo de Galicia, participará na selección dos establecementos nos que se poderá gastar o bono e no funcionamento do programa, ao que a Xunta destina 5 millóns de euros.
A Axencia Turismo de Galicia, o departamento da Xunta dependente da Consellería de Cultura e Turismo con competencias na materia, vén deixando desde hai anos en mans do clúster empresarial, unha asociación creada en 2013, o deseño e execución das políticas públicas para o sector. Agora, segundo publica este xoves no Diario Oficial de Galicia, a axencia constituirá “unha comisión mixta con representantes do Clúster de Turismo de Galicia” para “a análise da documentación e ofertas dos establecementos e/ou axencias de viaxes” que queiran adherirse ao Bono Solidario.

A comisión mixta na que participará a patronal “poderá retirar aquelas ofertas que se consideren non axeitadas, ofensivas ou que non se axusten aos obxectivos definidos neste programa”
A comisión mixta na que participará o clúster “poderá retirar aquelas ofertas que se consideren non axeitadas, ofensivas ou que non se axusten aos obxectivos definidos neste programa”, sinala a Xunta, que abre este mesmo xoves o prazo para que os establecementos interesados presenten as súas solicitudes. Neles o Bono Solidario, tarxeta cuxa xestión a Xunta entregou a Abanca e que aínda non está dispoñible para o persoal sanitario, poderá gastarse ata o 13 de decembro.
O presidente da asociación empresarial, Cesáreo Pardal, defendeu o bono como “esencial” porque “permite favorecer o consumo interno”
O clúster non só participará na selección dos establecementos senón que tamén “colaborará” coa Xunta “nas relacións coas empresas que soliciten a adhesión ao programa no seu asesoramento e resolución de dúbidas na operativa do programa”. Para participar nel os establecementos deberán ofrecer un “desconto mínimo do 15% sobre o prezo ordinario do servizo” ou “optar por entregar ao beneficiario do servizo, actividade ou produto turístico un agasallo ou servizo complementario, polo valor equivalente ao dito 15%”.
A asociación Clúster de Turismo de Galicia vén xestionando desde hai anos diversas políticas públicas da Xunta como a propia promoción turística de Galicia e mesmo elaborou o Plan Estratéxico de Turismo de Galicia . Hai dez días, en plena vaga de críticas do sector sanitario ao bono, o presidente da asociación, Cesáreo Pardal, defendeuno como “esencial” porque “permite favorecer o consumo interno”.