A Xunta privatiza a súa política turística

Os responsables do clúster de turismo asinando un convenio coa directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Dominio Público Xunta

A Axencia de Turismo de Galicia está a desviar progresivamente a mans privadas o deseño e execución da promoción turística do país que ata agora viñan desenvolvendo os seus funcionarios. A denominada Asociación Clúster Empresarial de Turismo de Galicia (CTG), creada a finais de 2013, non só está a executar con cartos públicos actividades de promoción de Galicia previstas no actual Plan Integral de Turismo 2014-2016 da Xunta senón que vén de recibir o encargo de elaborar un novo documento, agora denominado Plan Estratéxico de Turismo de Galicia 2017-2020. O Goberno galego, ademais, permítelle subcontratar totalmente eses traballos, moitos dos cales viñan realizando os propios funcionarios autonómicos ou contratándoos directamente eles desde a Administración, co que agora se engaden ao proceso un ou dous intermediarios innecesarios. E todo a través de convenios e subvencións directas que, só tendo en conta a Axencia de Turismo, suman máis de tres millóns de euros en menos de tres anos. A Axencia de Turismo nega tal privatización e di que o seu obxectivo “é o contrario”. “Buscamos traballar da man do sector”, argumenta, e fala dunha “cooperación público-privada” para “elaborar plans que atendan ás súas demandas e necesidades” cunha maior implicación pola súa banda, argumenta.

A Lei de Racionalización restrinxe a contratación de asistencias externas cando o traballo pode ser feito por funcionarios propios

A Axencia de Turismo de Galicia, con Nava Castro á súa fronte, foi creada a finais de 2012 para aglutinar a antiga Secretaría Xeral de Turismo e a sociedade pública Turgalicia, tutelando tamén a sociedade do Xacobeo. Un ano despois, en decembro de 2013, creouse a Asociación Clúster Empresarial de Turismo de Galicia (CTG), que se presenta como unha “agrupación de empresas” formada por 52 entidades, entre as que están as principais asociacións hoteleiras, hosteleiras e de axencias de viaxes, ademáis dunha ducia de empresas a título individual. O seu presidente é Francisco González López, propietario dun hotel de tres estrelas en Sanxenxo e impulsor desde hai anos de diversas asociacións empresariais de carácter turístico. Segundo indica a Xunta nos convenios que asina con ela, “é a única entidade en Galicia que agrupa e representa a toda a cadea de valor do sector turístico”, o que lle vale de argumento para encargarlle actuacións que ata agora realizaban funcionarios autonómicos, que están vendo baleirado de contidos o seu departamento.

O propio clúster do turismo é o beneficiario final de parte dos máis de 3 millóns de euros públicos que ten recibido en menos de tres anos

Só medio ano despois de constituírse a agrupación empresarial, en agosto de 2014 a Axencia de Turismo entregoulle 410.000 euros a través dunha “subvención directa para sufragar os gastos derivados do establecemento e funcionamento ordinario do Clúster de Turismo de Galicia”. Un mes máis tarde, en setembro, entregáballe outros 700.000 euros para a promoción e comercialización de Galicia como destino turístico. Ese mesmo mes tamén comezaba a encargarlle a “implementación de liñas de actuación” do seu Plan Integral de Turismo a través dun convenio de 20.000 euros, que se renovaría un ano máis tarde con outro de 50.000 euros.

Pero é neste 2016 cando o desvío de funcións e fondos públicos a mans privadas resulta máis evidente por volume económico e competencias. O pasado 18 de marzo Nava Castro asinaba co clúster un convenio de 1,5 millóns de euros en tres anos para “a promoción e comercialización de Galicia como destino turístico”. O acordo, segundo a Xunta, permitirá desenvolver o actual Plan Integral de Turismo nos seus apartados dedicados a promoción. O clúster xestionará o total dos 1,5 millóns asumindo “a dirección das accións” e “podendo subcontratar totalmente as actividades previstas”, como podería facer tamén a Xunta directamente aforrándose así polo menos un intermediario. De feito, a Lei de Racionalización do sector público, que entrou en vigor a comezos de 2014, restrinxe a contratación de consultoras externas cando os propios funcionarios públicos podan facer o traballo.

A Xunta argumenta que non está a contratar asistencias externas, pero obvia que é o clúster o que o fai como mero intermediario

A Xunta di que “en todos os convenios e contratos está permitida a subcontratación”, de xeito que “aínda que se contratara dende Turismo de Galicia a unha empresa esta, á súa vez, tamén podería subcontratar o servizo”. Turismo de Galicia argumenta que neste caso non se incumpre a Lei de Racionalización porque non se está contratando ningunha asistencia técnica cunha empresa privada senón “asinando un convenio de colaboración co ente que representa ao sector”. Obvia a Xunta que ese ente estea a actuar como simple intermediario contratando á súa vez asistencias técnicas externas.

A Xunta permite que o clúster lle cargue gastos que realizou antes de asinarse os convenios

Entre as actividades a realizar polo clúster aparecen actuacións de promoción xeral de Galicia que ata o de agora acometía directamente a Xunta, pero tamén debúllanse unhas cantas, en torno a un terzo do importe total do antedito convenio, das que resultará beneficiario directo o propio clúster. O documento destina 45.000 euros anuais para “presenza do Clúster de Turismo de Galicia na Feira ITB Berlín”, outro tanto para a súa presenza no Worl Travel Market London, 20.000 euros anuais para  “presenza do clúster en Fitur” e 7.000 euros anuais para “presenza do clúster en outras feiras de carácter nacional”. Tamén hai consignados 20.000 euros anuais para ferramentas dixitais de “posicionamento do Clúster de Turismo de Galicia”, 6.000 euros anuais para “asistencia técnica para o desenvolvemento de encontros do clúster de turismo” ou 5.100 euros anuais para “deseño e elaboración de merchandising de promoción de recursos turísticos de Galicia e do Clúster”. O convenio tamén deixa en mans do clúster campañas de promoción que condicionan especialmente a imaxe de Galicia, como a denominada Presume de Galicia ou outra a través de “embaixadores”, persoas nacidas en Galicia, “famosos ou non”, que a presenten como “unha das mellores alternativas turísticas de España e Europa”.

O convenio indica que a Xunta “só cubrirá o custo de realización da actividade sen que o CTG obteña beneficio ou lucro industrial”, pero permite que podan financiarse con cargo a el gastos do clúster nesas materias “efectuados con anterioridade á sinatura do mesmo”. De feito, en xaneiro, dous meses antes de asinarse o convenio, o clúster xa iniciara a contratación da súa participación na feira de Berlín.

 

Próximo plan de turismo

Turismo permite ao clúster “subcontratar totalmente” as actuacións que acorda con el

Tres semanas despois da sinatura dese convenio, a Axencia de Turismo e o clúster asinaban outros tres. O 4 de abril, un por 150.000 euros para implantar e promover a marca Q de calidade turística en máis establecementos galegos, que o clúster novamente acometerá a través dunha terceira empresa, asistencia externa que antes a Xunta contrataba directamente. O 5 de abril, asinouse outro acordo por 60.000 euros para a mellora da formación dos propios directivos do sector. E o 8 de abril o que lle encargou directamente a Xunta ao clúster foi a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo de Galicia 2017-2020 por 150.000 euros. Pero pode que non sexa o clúster o que o elabore, xa que a Axencia de Turismo permítelle “a subcontratación de servizos necesarios para desenvolver as actuacións previstas no presente convenio, podendo subcontratar totalmente as actividades previstas”, destacado pola propia Xunta en letra grosa no documento orixinal. Aínda así, “os resultados obtidos como consecuencia da colaboración obxecto deste convenio serán propiedade conxunta, a partes iguais, da Axencia de Turismo de Galicia e do CTG na medida que os resultados sexan susceptibles de protección mediante o réxime da propiedade intelectual”. Algo similar pasa coa campaña de embaixadores de Galicia, para a que o clúster creará unha “marca” que inscribirá “no Rexistro de Patentes e Marcas a nome do Clúster de Turismo de Galicia”. A Xunta insiste en que será copropietaria da propiedade intelectual dos traballos que realice o clúster e poderá utilizalos libre e gratuitamente.

Fronte a todos estes encargos a empresarios do sector, dos que a propia Xunta fachendea con notas de prensa nas que di apostar pola “colaboración público-privada”, o que si mantén a directora da Axencia de Turismo, Nava Castro, é o control directo sobre as grandes campañas de publicidade e as obras en materia turística, cuestións ambas que lle permiten unha importante promoción mediática persoal.

A Xunta permítelle ao clúster subcontratar toda a elaboración do novo plan de turismo de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.