Son varias as ocasións en que transcenderon discrepancias entre diversos departamentos dos gobernos de Feijóo ou entre el e outros cargos do seu partido malia as súas constantes alertas fronte aos bipartitos e os partidos desunidos
Discrepancias internas hainas en todos os gobernos e adoitan facerse públicas con maior facilidade nos de coalición polos intereses particulares de cada formación política. Por iso son máis reveladoras das divisións internas cando as discrepancias que transcenden se producen no seo dun mesmo partido. Porén, cando estas ocorren nos seus gobernos Feijóo adoita atribuílas a un problema de comunicación das medidas á opinión pública mentres que cando se rexistran noutros executivos de todo tipo son froito de bipartitos, tripartitos ou partidos descompostos internamente, situación fronte á que emprega o discurso da suposta unidade do PP malia que el mesmo criticou e recibiu críticas doutros cargos da súa formación.
A máis rechamante das discrepancias vividas no seo da Xunta nos últimos tempos rexistrouse a conta do denominado Bono Solidario de 250 euros para gastar na hostalería por parte do persoal sanitario que loitou contra o coronavirus, que o criticou como unha propina. Malia anuncialo o propio Feijóo xa o 2 de maio como un proxecto de Goberno e volver presentalo novamente o 19 de xuño, foi só despois desa segunda data cando estourou a polémica, e foi daquela cando o conselleiro de Sanidade se distanciou da medida atribuíndoa a Cultura e Turismo.
As discrepancias durante a crise do coronavirus entre a Consellería de Sanidade e outros departamentos da Xunta foron varias e públicas
Sen saír desta campaña electoral, as consellerías de Cultura e Educación discreparon con documentos oficiais polo medio a conta da intención publicitada da segunda de tapar o escudo franquista que hai na fachada do Instituto Santa Irene de Vigo, que a primeira rexeita porque “podería interpretarse” que “podería estar acollido” a unha excepción da Lei de Memoria Histórica. A disparidade de opinións das dúas consellerías levou ao alcalde vigués a preguntarse “cantos partidos gobernan alí na Xunta con Feijóo, pero máis dun debe haber, porque se envían dous proxectos distintos...”
Pero as discrepancias internas nos gobernos de Feijóo empezaron cedo. En outubro de 2009, ao medio ano de chegar á Xunta, o seu primeiro proxecto de orzamentos deixou de contemplar a partida duns 10 millóns de euros necesaria para pagar a máis de 50.000 galegos con pensións non contributivas un complemento implantado polo bipartito. A daquela conselleira de Política Social, Beatriz Mato, xustificouno minimizando o complemento como un “parche” e dubidando da súa legalidade. O presidente acabou facéndoa rectificar e repúxose o complemento.
Ao medio ano de chegar á Xunta Feijóo tivo que facer rectificar á conselleira de Política Social que quería suprimir o complemento galego ás pensións non contributivas
En 2015 produciuse a dimisión de varios membros do comité galego de bioética pola negativa da daquela conselleira, Rocío Mosquera, a divulgar un informe no que alertaban de desigualdade no acceso á sanidade, Feijóo instouna a explicar os motivos pero minimizando o conflito asegurando que estaba acostumado ás “discrepancias” na sanidade. Porén, aquel foi un mas dos moitos conflitos que provocou a conselleira Mosquera, a quen no PP cualificaban, por problemática para a imaxe da Xunta, como “a conselleira socialista”. Acabou cesada en outubro daquel ano.
No eido sanitario, e de novo durante a actual crise do coronavirus as discrepancias coa Consellería de Sanidade como unha das protagonistas non se produciron só coa de Cultura e Turismo a respecto do bono para o persoal sanitario. Previamente xa houbera varias coa Consellería de Política Social a respecto dos protocolos de seguridade a aplicar en distintos tipos de centros dependentes dela ou da información sobre a evolución da epidemia en Galicia que se ía facendo pública, con versións contrapostas entre unha e outra consellería.
Tamén recentemente a sentenza que absolveu de delito a dous cargos da Xunta malia certificar que falsificaran un documento sobre a dragaxe da ría de Ferrol constatou as “discrepancias” internas dentro de varios departamentos dunha mesma consellería, neste caso a de Medio Ambiente.
Ademais das discrepancias internas na Xunta, nestes anos Feijóo ou o PP galego teñen protagonizado enfrontamentos directos con outros cargos do partido. E ao igual que as discrepancias internas no Goberno galego, tamén no eido partidista ocorreron moito antes que os recentes cruces de críticas veladas con Pablo Casado ou especialmente coa voceira no Congreso, Cayetana Álvarez de Toledo.
No partido, as discrepancias entre Feijóo e Baltar son constantes desde hai unha década e o ourensán chegou a insistir nelas a conta do peche do paridoiro de Verín ata que o presidente da Xunta rectificou
Co presidente do PP e da Deputación ourensá, José Manuel Baltar, as discrepancias remóntanse ao intento fracasado de Feijóo en 2010 de que non herdase o control do partido do seu pai, o que despois lle deu acceso á presidencia da administración provincial. Desde aquela foron varias as discrepancias máis ou menos públicas amosadas desde a Deputación ou o PP de Ourense sobre diversas actuacións da Xunta ou o PP galego, como a aposta por candidatas distintas para a sucesión de Rajoy en 2018, pero a máis significativa é recente, de finais do pasado ano, cando Baltar amosou en público o seu rexeitamento á decisión avalada polo propio Feijóo de pechar o paridoiro do hospital de Verín, oposición que reiterou en varias ocasións ata que o Goberno galego tivo que rectificar.
Feijóo tivo diversas discrepancias públicas coa daquela ministra popular Ana Pastor, á que acusou de descoordinación nas súas políticas; a resposta do ministerio era obviar as peticións da Xunta ou organizar actos en Galicia nos que Feijóo carecía de protagonismo
Tamén foron especialmente públicas as críticas intercambiadas durante o tempo que Ana Pastor foi ministra de Fomento. En 2013, cando o ministerio aínda non tiña nin trazado para unha nova autovía entre Ourense e Ponferrada a carón do río Sil, o PP galego xa a instaban “a licitar os proxectos construtivos”. E un ano despois, no verán de 2014, o propio Feijóo cargaba en persoa contra Pastor a conta dos aeroportos galegos: “O actual Goberno dixo que asumiría a coordinación, e teño que dicir que non están coordinados”, lamentaba, para engadir que “se a competencia exclusiva é do Goberno de España, que a exerza; se fose da Xunta, exerceriamola”. Unha semana despois, o propio Feijóo volvía á carga contra Pastor a conta de atascos na AP-9 lembrando que a competencia sobre a autoestrada era do seu ministerio.
Daquela a resposta do ministerio era obviar as peticións que lle facía a Xunta ou organizar actos en Galicia nos que Feijóo carecía de protagonismo. Anos despois, na actual crise do coronavirus, ao tempo que a Xunta non vén facendo públicos todo tipo de datos que si facilitan outras comunidades autónomas ou o ministerio, como o número do persoal sanitario contaxiado, sobre o que apenas hai declaracións puntuais de Feijóo cando foi preguntado de xeito expreso, a ex-ministra publicou este chío en Twitter sen aclarar, como si fixo noutros, que fose dirixido contra o Goberno central: “Hoxe tampouco fixeron público o número de sanitarios contaxiados por coronavirus, pero eu non me cansarei de pedir protección para os profesionais, eficacia na xestión e transparencia”.
Feijóo amosou o seu respaldo a Rajoy mesmo cando cando o PP foi condenado por corrupción no caso Gürtel, pero Rajoy non dá importancia á figura de Feijóo na súa propia traxectoria
Malia a imaxe de peso pesado no PP estatal que cultiva Feijóo, noutros casos máis que as críticas son os silencios doutros cargos o que rebaixa a súa influencia no partido. Máis alá dos múltiples actos que compartiron xuntos, o libro co que o ano pasado Rajoy repasou a súa carreira política e a loita de España contra a crise económica, no que dedica palabras de eloxio a Albor, Fraga, Romay Beccaría ou Ana Pastor, apenas dá relevancia a Feijóo.
Cando fala das críticas internas que tivo xusto antes do congreso do seu partido en Valencia en 2008 no que foi reelixido á súa fronte, Rajoy salienta “o apoio de numerosos dirixentes territoriais que confiaron en min e apostaron pola miña continuidade: Javier Arenas e Paco Camps, que se envorcaron no meu apoio, pero tamén moitos outros como Juan Vicente Herrera, Alberto Núñez Feijóo, Pedro Sanz ou Ramón Luis Valcárcel estiveron comigo”. Nese caso non houbo discrepancias internas con Feijóo polo medio, que apoiou a Rajoy mesmo cando ía ser apartado do Goberno pola moción de censura de Pedro Sánchez tras a condena do PP por corrupción no caso Gürtel.