Dous cargos da Xunta falsificaron cunha "chapuza" un documento sobre a dragaxe da ría de Ferrol pero a Xustiza non ve delito

Fragmento da sentenza que absolver a dous cargos da Xunta malia certificar que falsificaron un documento CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia da Coruña certifica que inventaron un documento pero absólveos porque asegura que non interferiu nunha investigación que tiña en marcha a Fiscalía, que denunciou os feitos

Dous cargos da Xunta falsificaron a posteriori un documento sobre a dragaxe da ría de Ferrol autorizada pola Xunta en 2011, obra que facilitaba o tráfico de barcos ás instalacións ilegais de Reganosa en Mugardos. Fixérono, sentenza agora a Audiencia Provincial da Coruña, “de forma, ademais, chapucera, incorrendo en erros na antedatación da data que obrigaron á confección doutros documentos, tamén falsos, para corrixila”. Porén, o tribunal considera que non o fixeron “cunha finalidade de ocultar ou enganar” e absólveos do delito de falsidade de documentos públicos.

Denuncia de ADEGA da dragaxe autorizada pola Xunta na Ría de Ferrol © ADEGA

Co documento que falsificaron, os cargos da Xunta xustificaron ante a Fiscalía que a Declaración de Impacto Ambiental que permitiu a dragaxe non incorporase previamente un informe técnico contrario á mesma 

A Xunta autorizou no seu momento a dragaxe da ría de Ferrol a pesar de que un informe dun biólogo da Administración galega consideraba esta actuación de ampliación do calado como "ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e especies protexidas". Porén, ese informe técnico do Servizo de Conservación da Natureza que desaconsellaba a dragaxe foi "reiteradamente ocultado pola Xunta", segundo denunciou ADEGA dende o primeiro momento.

Meses despois a Fiscalía de Medio Ambiente denunciou o sucedido, iniciando unha investigación na que acusou a Carlos M., daquela xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, e Rogelio F., ex-subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, de falsificar documentos “co único obxectivo de xustificar ante a Fiscalía a non incorporación á Declaración de Impacto Ambiental do informe que debería ter emitido a Dirección Xeral da Natureza” e así poder levar a cabo a dragaxe. O xuízo celebrouse en outubro do pasado ano e agora a Audiencia da Coruña certifica os feitos pero non os considera delito porque cre que a falsificación non interferiu nas investigacións sobre o fondo da cuestión, o xeito en que a Xunta autorizara a dragaxe en si, malia que así o denunciou a Fiscalía que era que realizaba esa investigación.

A Audiencia di que "aínda no caso de subsistir dúbidas sobre os fins cos que actuaron os acusados a presunción de inocencia faría imposible declarar probada a finalidade de enganar que sosteñen as acusacións"

Os maxistrados conclúen na sentenza que os documentos falsificados “carecían de virtualidade para perturbar a investigación en curso”. O tribunal salienta que as falsidades eran “inocuas, carecían de potencialidade lesiva, de capacidade para alterar a realidade xurídica na que se inserían, que é algo distinto da realidade documental”. O contido dos documentos, segundo a Audiencia, “coincide coa realidade, aínda que non reflicta toda a realidade”, pois os feitos que non se documentaron, é dicir, as reunións dun dos acusados cos técnicos, “non modificaron a situación nin tiveron incidencia na tramitación do expediente”. O tribunal, con todo, sinala que a elección dos investigados sobre a forma de completar a posteriori o expediente administrativo foi “sen dúbida errónea”, pois consideran que había “outros medios de reflectir a realidade, total ou parcialmente, sen necesidade de falsificar a data dos documentos, de forma, ademais, chapucera”.

“Con todo, cabe engadir que, aínda no caso de subsistir dúbidas sobre os fins cos que actuaron os acusados, a presunción de inocencia, e a súa concreción no principio in dubio pro reo, farían imposible declarar probada a finalidade de enganar que sosteñen as acusacións”, destacan os xuíces na resolución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.