Comeza o xuízo contra dous ex-cargos da Xunta pola dragaxe irregular da ría de Ferrol

Un gaseiro entrando na ría de Ferrol © Comité Cidadán
Publicidade
Publicidade

A finais de 2011 a Xunta autorizou unha obra de dragaxe na ría de Ferrol. Fíxoo a pesar de que un informe dun biólogo da Administración galega consideraba esta actuación de ampliación do calado como "ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e especies protexidas". Porén, ese informe técnico do Servizo de Conservación da Natureza que desaconsellaba a dragaxe foi "reiteradamente ocultado pola Xunta", segundo denunciou ADEGA dende o primeiro momento.

O informe técnico do Servizo de Conservación da Natureza que desaconsellaba a dragaxe foi "reiteradamente ocultado pola Xunta"

Meses despois a Fiscalía de Medio Ambiente denunciou o sucedido, iniciando unha investigación na que acusa a a Carlos Muñoz, daquela xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, e Rogelio Fernández Díaz, ex-subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, de falsificar documentos “co único obxectivo de xustificar ante a Fiscalía a non incorporación á Declaración de Impacto Ambiental do informe que debería ter emitido a Dirección Xeral da Natureza” e así poder levar a cabo a dragaxe.

O xuízo contra Muñoz e Fernández terá lugar este xoves e venres na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Compostela. A Fiscalía pide para cada un deles seis anos de cadea e o mesmo período de inhabilitación para o exercicio de calquera función ou emprego público por un delito continuado de falsidade de documentos públicos. 

A Fiscalía pide para cada un deles seis anos de cadea e o mesmo período de inhabilitación para o exercicio de calquera función ou emprego público

O Ministerio de Medio Ambiente aprobou a declaración de impacto sen o informe de Conservación da Natureza que era obrigatorio por lei e que neste caso era negativo. Coa dragaxe xa finalizada, apareceu o informe que recomendaba a non execución do proxecto polo impacto ambiental que podía supoñer

Denuncia de ADEGA da dragaxe autorizada pola Xunta na Ría de Ferrol © ADEGA

O informe ocultado pola Xunta consideraba a dragaxe "ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e especies presentes" nunha área (LIC Costa Ártabra) parte da Rede Natura 2000. E, polo tanto, a a declaración de impacto ambiental finalmente aprobada minimizaba ou oculta os efectos negativos de determinados impactos, e sobre todo os efectos sobre determinadas especies protexidas. Deste xeito, os riscos das agullas de rocha que obstaculizan a entrada de barcos de gran calado como os gaseiros de Reganosa desapareceron, sen ter en conta así as alegacións de ecoloxistas e mariscadores.

Publicidade
Publicidade

O escrito de acusación da Fiscalía detalla as sucesivas falsificacións levadas a cabo polos dous funcionarios para "ocultar a existencia dun informe negativo á obra e disimular ou xustificar así esa omisión no seu departamento". Entre as manobras figuran a inclusión no expediente de documentos inexistentes, simulación doutros e cambios de data "para reforzar la aparencia de autenticidade" e "mostrar o seu celo na tramitación do expediente", sinala a Fiscalía.

O escrito de acusación da Fiscalía detalla as sucesivas falsificacións levadas a cabo polos dous funcionarios

No ano 2016 Carlos Muñoz e Rogelio Fernández Díaz foron xa investigados xunto co ex director xeral da Natureza, Ricardo García-Borregón, e Javier Turrillo Montiel, ex xefe do Servizo de Análise e Proxectos da Consellería naquela altura. García-Borregón, que estivera implicado en moitas máis polémicas, fora cesado do seu posto como director xeral de Conservación da Natureza en agosto de 2013. O resto de implicados no caso do dragado da ría de Ferrol tamén foran destituídos dos seus postos ou cambiados de departamento por diferentes motivos. 

Xa daquela ADEGA consideraba "irrefutable e irrebatible" que o informe que autorizou a dragaxe foi realizado a posteriori para xustificar aquela actuación. A asociación ecoloxista criticaba a "escandalosa inacción, cando non a defensa de intereses alleos á conservación" por parte dos responsables do departamento, que se exemplificaría "na tolerancia ou promoción de actuacións incompatíbeis coa protección do noso patrimonio natural".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.