A fiscalía denuncia dous cargos da Xunta polo dragado da ría de Ferrol

Un gaseiro, na ría de Ferrol © Comité Cidadán

A Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG acusa dous altos funcionarios da Xunta de prevaricación, falsidade documental e delito ambiental polo polémico dragado da ría de Ferrol. Carlos Muñoz Martínez, xefe de Conservación da Natureza na Coruña, e Rogelio Fernández Díaz, subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, son os acusados polo fiscal Álvaro García Ortiz a raíz da actuación sobre a ría a finais de 2011 malia que un informe dun biólogo da Administración galega consideraba esta obra de ampliación do calado como "ambientalmente incimpatible coa conservación dos hábitats e especies protexidas".

A Fiscalía descobre que o expediente agochou un informe negativo para incluír logo un que dera o visto e prace ao dragado

Tal e como lembra agora Adega -que achegou material clave-, ese informe técnico do Servizo de Conservación da Natureza que desaconsellaba o dragado foi "reiteradamente ocultado pola Xunta" malia que as obras se acometían nunha área parte da da Rede Natura 2000. Xa que logo, a Administración e Portos terían aprobado o proxecto sen os informes preceitivos para logo, coa actuación xa comezada, "cociñar" unha autorización ambiental para "salvar a cara" baseándose nun susposto informe técnico que non figura no expediente. Un informe favorable realizado a posteriori.

Co dragado xa finalizado, apareceu o informe que recomendaba a non execución do proxecto polo impacto ambiental que podía supoñer. Agora, o fiscal de Medio Ambiente solicita ao xuíz que tome declaración en calidade de imputados aos dous altos cargos. Carlos Muñoz aparece como asinante dos informes que aceptaron a obra, mentres que Rogelio Fernández sería o culpable dunha anotación interior, que máis dun ano despois do informe negativo de 2010, requiría á delegación coruñesa do Servizo de Conservación para a súa reavaliación.

O Ministerio tería aprobado a declaración de impacto sen un informe obrigatorio por lei

Segundo a denuncia, o Ministerio de Medio Ambiente tería aprobado a declaración de impacto sen o informe de Conservación da Natureza que era obrigatorio por lei e que neste caso era nagativo. Deste xeito, os riscos das agullas de rocha que obstaculizan a entrada de barcos de gran calado como os gaseiros de Reganosa desapareceron, sen ter en conta así as alegacións de ecoloxistas e mariscadores.

En opinión de Adega, estes feitos obrigan a Xunta a "destituír fulminantemente estes dous funcionarios, entre outras cousas para que non poidan acceder a outra documentación chave no procedemento, destruír ou alterar máis probas". Para a asociación ecoloxista, o fiscal "non debería parar aquí", xa que "os responsábeis máiximos de dúas adminitracións (Xunta e Autoridade Portuaria) deturparon presuntamente un procedemento legal e toleraron unha vulneración das leis ambientais". "Terían tamén que render contas perante a xustiza", remata.

Un gaseiro, na ría de Ferrol © Comité Cidadán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.